03/12/06

NOTA DE PRENSA:


NOTA DE PRENSA:
03.12.06



POPULARES, SOCIALISTAS E NACIONALISTAS ENTRE OS PRIMEIROS 100 SOCIOS DE AGAI. PEDRO GÓMEZ-VALADES, ELIXIDO PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN GALEGA DE AMIZADE CON ISRAEL.
------------------------------------------------------------
Pedro Gómez-Valadés, do BNG, resultou elixido presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI), no decurso da asemblea constituinte que a devandita asociación celebrou no salón de actos da Confederación de Empresarios de Galicia en Santiago. Na asemblea tomaron parte 61 dos máis de cen socios cos que a entidade conta en toda Galicia. AGAI é unha asociación plural que integra a dirixentes, militantes e simpatizantes do BNG, PP e PSdeG-PSOE, así como a independentes. Por profesións, destacan os profesores de Universidade (15) e os periodistas (11) e, a continuación, os avogados, estudiantes, médicos, amas de casa, etc.

A nova Asociación defende o dereito do pobo de Israel a un Estado seguro e recoñecido internacionalmente ao lado doutro estado palestino. Entre os seus fins figuran o de denunciar e traballar contra a banalización do Holocausto, brindar á sociedade galega información alternativa ao “pensamento único” que domina os medios de comunicación ao respecto do conflicto árabe-israelí e crear foros de opinión e debate, tanto nos circuitos culturais do país como na rede de internet para neutralizar e contrarrestar a demonización de Israel e combater argumentalmente a xudeofobia reinante.

Os estatutos engaden que AGAI animará “a todos os demócratas con ideas semellantes ás defendidas por esta Asociación para que fagan pública á súa militancia a prol da lexítima causa de Israel, porque ese sempre foi o seu dereito e na actualidade comeza a ser o seu deber”. Finalmente, a asociación comprométese a espallar o inmenso legado ético e cultural do pobo xudeo polo que todo Occidente segue en débeda con eles e a rehabilitar o pasado histórico dos xudeos no noso país para que ocupen o lugar que lles corresponde na sociedade galega actual.

Trala asemblea, que tamén aprobou os logos e a imaxe corporativa de AGAI así como fixar a súa sede en Vigo, celebrouse un acto de presentación oficial ao que asistiron o deputado do PP, Angel Tahoces e o secretario de Educación e Innovación do PSdeG-PSOE, Carlos Pajares, mentres que a representación do BNG deuse por válida grazas á presenza dun concelleiro e dun membro da dirección do partido.

No devandito acto proxectouse un video sobre os comezos do estado Israel, as singularidades do pobo xudeo e a papel que desempeña a cerca de seguridade de Israel que a prensa europea demonizou coa intoxicadora denominación de “muro”. Finalmente deuse lectura ao Manifesto fundacional no que se recolle o pensamento da Asociación, especialmente en relación coa información sesgada e deformada que acotío ofrecen os medios de comunicación europeos sobre o conflito de Oriente Medio.

Vigo, 3 de decembro de 2006