26/01/18

Vésperas dun 27 de xaneiro. Por Micheline Wolanowski & Ania Horszowski

Micheline Wolanowski
Ania Horszowski

Por Micheline Wolanowski e Ania Horszowski*

Dicía Elie Wiesel, escritor e sobrevivente de Auschwitz e de Buchenwald, que para el a  indiferenza era a personificación do Mal. E para que o Mal non se personifique máis, para que o respecto polas vítimas que houbo ata as vésperas mesmas dun 27 de xaneiro de 1945 non se quebre de vez e para que Europa, en todos e cada un dos seus recantos, conserve o legado de dignidade dos que se alzaron contra ese Mal, escribimos agora estas liñas.

Escribimos agora, en vésperas doutro 27 de xaneiro, nós, mulleres xudeas, a quen nos tocou vivir uns tempos de devastación e persecución. Nós, mulleres de Europa, que de súpeto perdemos familiares, amigos, as formas sinxelas e felices da nosa vida e do noso mundo, e que, por unha mistura de loita e de acaso ao límite, evitamos o exilio prematuro, definitivo e atroz desta vida, un exilio que o nazismo trazara para nós sen remedio.

Podemos, pois, conter o alento máis unha vez e lembrar aqueles días, para que o seu significado real non se perda nunca entre as xeracións vindeiras.

Escribimos agora, moitos anos despois de termos percorrido esa xeografía dos guetos, dos campos de concentración, do racismo...Escribimos agora, tamén con tristura, con preocupación, co corazón xeado cando presentimos, de novo, como unha sombra envelenada, esa indiferenza e esa mesma acusación obscena de outrora, signos inquietantes de odio e de prexuízos.

Escribimos agora desde Galicia, a onde as tribulacións e os vieiros da vida nos trouxeron e onde a nosa memoria atopou un agocho, un xeito de sosego. E porque sabemos que tamén houbo galegos que non regresaron nunca dese arquipélago de morte que foi Mauthausen, tamén por eles escribimos, desde a irmandade da dor e da lembranza.

Desde os milleiros de nomes anónimos que foron conducidos ao exterminio, ata os nomes doutras mulleres (grandes mulleres xudías e non xudías, como Milena Jesenská, como Edith Stein, como Gertrud Kolmar...) que tamén foron asasinadas daquela e cuxa obra e cuxas vidas servirán de exemplo para unha existencia máis cívica e máis libre; por todos eses nomes escribimos agora, en vésperas dun 27 de xaneiro, para que non se impoña a indiferenza perante ese Mal.

*Micheline Wolanowski & Ania Horszowski, son supervivintes do Holocausto e residentes, respectivamente, en Vigo e Caldas de Reis.