31/01/17

Holocausto, etc...


Por Afonso Vázquez-Monxardín
La Región - 31.01.2017

Unha vez coincidín cun agregado de cultura da embaixada israelí en Compostela e tomamos unhas cervexas na terraza do hotel. Era un rapaz culto, noviño, normal; para min un pouco elegante de máis. Diplomático, claro. Como estivera destinado en Polonia, preguntáronlle que que lle pareceran o campo de Auschwitz. El, de ollos abertos, dixo que nin fora nin pensaba ir. Que lle metía medo. Que o arrepiaban aquelan historias do tempo dos avós. Que non era historiador. Que el se identificaba coa imaxe moderna do seu país e non quería vinculalo con aquilo. E tiña a súa parte de razón, claro. O estado máis civilizado do fondo do Mediterraneo, creo que se debe aplicar nesa difícil tarefa de vender máis imaxe que a de conflito. Complicado pero posible. Por exemplo, en Israel viven case dous millóns de musulmáns, cos seus representantes na vida política, con universidade, sanidade, pasaportes, tensións e cunha difusa simpatía polos irmáns árabes dos territorios palestinos. E creo que esta propia existencia de musulmáns no país xudeu e o seu nivel de liberdade é un termómetro das liberdades do país. 

Gustoume ver alí os letreiros nas estradas en hebreo, árabe e inglés (menos mal). Cando a cantante Noa foi a Eurovisión coa árabe israelí Mira Awad, ou cando Barenboim integra músicos árabes e xudeus na súa orquestra, estamos ante feitos significativos. Queren, a maioría, a paz. Por iso, para que existan dous estados, un de maioría xudía e outro de maioría árabe, vén ben que haxa estas minorías que sexan maiorías da outra parte.  As limpezas étnicas son ruíns, afastan pobos. Por iso non se pode poñer a vida de xudeus en Cisxordania como impedimento á paz, como non se pon a dos árabes en Israel. Só algúns antisistema son partidarios en Israel de “transferir” os árabes do país, todos, a territorio palestino e a cambio de acolleren alí aos trescentos e pico mil xudeus que hoxe viven en Cisxordania. Outros, están pola redefinición das liñas da fronteira; pero os árabe israelís, en xeral, non queren, pola conta que lles ten, pasar a soberanía palestina. Na cidade de Umm al-Fahm, sobre a raia do norte de Cisxordania, fixeron un referendo e máis do 85 dixo querer quedar en Israel.

En fin, eu creo que hai que conmemorar o día do Holocausto, porque un intento de xenocidio -de exterminar os xenes dun pobo por medios industriais- é algo que nos debe proer nas conciencias: occidente sabía e non fixo nada. E ollo, debemos ter coidado coa palabra xenocidio porque as hipérboles confunden. Unha guerra civil é unha cousa, un conflito territorial, outra; un xenocidio algo moi distinto. Así pois, non hai simetría ningunha, entre o que lle sucedeu aos xudeus na II Guerra Mundial e a situación dos palestinos, nin onte, nin hoxe. O exterminio planificado que fixo morrer asasinados entre mediados de 1941 e mediados 1945 a 6 dos 9 millóns de xudeus que había en Europa (máis de catro mil cada día, todos os días, durante catro anos) non ten nada que ver co complicadísimo conflito territorial que dura desde 1948, en que os árabes trataron de botar aos israelís ao mar coincidindo coa súa independencia. Desde aquela os expatriados daqueles territorios pasaron de 400 mil a, seica, uns 5 millóns. É ben máis fácil pensar que non hai vontade de xenocidio antes que ineficacia técnica. En fin, que veña a paz a esa terra sacra e a ver se se calma algo o mundo.