AD - Como naceu AGAI?
Pedro Gómez-Valadés - Sen dúbida gracias a internet.
Porque sen a posibilidades que da a rede tería sido moi difícil que un grupo de
persoas espallados por toda Galicia e sen coñecernos previamente nos puxéramos
en contacto. O misto que prendeu o lume foi a apertura a primeiros de 2006 dun
blog que aínda existe (www.galiza-israel.org)
o que de feito funcionou como faro para por en contacto a persoas ao longo e
ancho de Galicia. Unha vez feito o contacto estivemos dacordo na urxente
necesidade de constituír unha asociación que posibilitara actuar e desenvolver
todos os obxectivos que daquela nos propuxemos e que desde aquel 2 de decembro
de 2006 guían a actuación de AGAI: recuperar e por en valor a herdanza secular
da presenza do pobo xudeu entre nós, manter encendido o facho da memoria do
Holocausto, combater o crecente e moi preocupante antisemitismo e achegar á
sociedade galega a realidade de Israel. Realidade que normalmente chéganos
distorsionada cando non directamente manipulada pola fácil demagoxia
antiisraelí.
AD - Como é a súa relación co BNG, onde
militou durante anos?
Non teño relación. Desde que o BNG
tomara a decisión de expulsarme por ter unha visión diferente do conflito
palestino-israelí e por constituír unha asociación de amizade entre Galicia e
Israel, non volvín ter ningunha relación máis alá da que calquera cidadán pode
ter con calquera partido sexa este da súa simpatía ou non. A decisión do BNG de
expulsarme foi un disparate e unha flagrante violación dos máis elementais
principios de liberdade de opinión e expresión. Algo impropio dunha
organización democrática. Claro que despois de escoitar daquela na Executiva
comarcal de Vigo e da que eu era membro, dicir a un destacado exconcelleiro que
“ser proisraelí é máis grave que ser un maltratador de mulleres”, despois diso
pouco máis hai que engadir. En todo caso o certo é que o antisemitismo (co
disfraz politicamente correcto do antisionismo) non é desgraciadamente
monopolio do BNG. Moitas organizacións, partidos están en maior ou menos medida
contaminados polo que o propio Ignacio Ramonet denominara virus do
antisemitismo. Que a esquerda sexa cómplice destas condutas é gravísimo.
AD - É moi duro estar a prol de Israel?
Bueno, se quixeramos ter unha
asociación fácil de levar, sen ataques gratuítos e sen demonización teríamos
constituído por exemplo unha asociación de amigos da empanada de zamburiñas.
Sabiamos que ser proisraelí, fundar unha asociación de amizade con Israel,
tería a reacción contraria de moita xente que se autocualifican a si mesmos de
propalestinos. Cousa máis que discutible como a realidade demostra. Sen ir máis
lonxe por exemplo na actual guerra en Siria, o campo de refuxiados palestino de
Yarmuk ás aforas de Damasco, foi asediado brutalmente e bombardeado polas
tropas de Assad sen que por aquí ningunha das organizacións que se denominas
propalestinas convocara ningunha manifestación, mobilización…. Nada. Semella
que os palestinos só importan para poder atacar e demonizar a Israel. Se Israel
non está no escenario entón non hai atención.
AD - Que pensa do conflito palestino?
Que debe e pode solucionarse. O
conflito está sobredimensionado polo exceso de atención mediática. Ningún outro
conflito ten tantos correspondentes destacados na zona. Claro que ser
correspóndete en Israel-Palestina é moito máis fácil que estar en Mosul ou
Siria por exemplo. En Xerusalén ou Tel Aviv hai magníficos hoteis nun país
Israel moderno e homologable a calquera estado avanzado de Europa. E digo que o
conflito pode e debe solucionarse porque a fórmula xa está clara e só falta
levala a cabo A fórmula de dous estados para dous pobos é a única posibilidade
de chegar a unha paz xusta. Paz que por lóxica non pode ser do agrado ao cento
por cento das dúas partes. Inevitablemente israelís e palestinos terán que
facer concesións. Unha delas e que creo é a chave mestra para abrir as portas
da resolución do conflito é o recoñecemento pola parte palestina do estado
xudeu de Israel. Algo que parece moi obvio xa que ninguén pode cuestionar
seriamente que Israel é un estado xudeu pero que a día de hoxe non foi aceptado
nin recoñecido pola Autoridade Palestina. No momento en que os palestinos
recoñezan o dereito dos xudeus ao seu estado nacional, como de feito Israel xa
recoñece que o futuro estado palestino será un estado árabe, ese día o avance
sera espectacular. Logo o proceso de fixar as liñas fronteirizas será moito
máis fácil. Lamentablemente a Autoridade Palestina leva anos negándose a
restablecer as negociacións directas de paz con Israel. E sen conversas
sinceras e directas entre as dúas partes a paz non chegará.
AD - Galicia ten herdanza xudía ou é un
mito?
Por suposto que Galicia ten herdanza
xudía. A presenza do pobo xudeu entre nós foi secular. Cen anos despois do
vergoñento edicto de expulsión dos Reis Católicos en Galicia todavía había
xudeus. Por certo en Galicia nunca houbo un progromo e os xudeus galegos vivían
con absoluta normalidade cos seus conveciños galegos. Todo isto está
magnificamente estudado e documentado tanto pola profesora Gloria de Antonio
como por José Ramón Ónega nos seus monumentais traballos: "Los judios en
Galicia (1044-1492)" (681 páxinas) de Gloria de Antonio e “Los judios en
el Reino de Galicia” (728 páxinas) de
José Ramón Ónega. Outros historiadores como Felipe Aira, Suso Vila ou Carlos
Barros tamén teñen estudado con rigor a pegada xudía en Galicia.
AD - Agora que AGAI cumpre 10 anos como
os valora? Cal é o balence?
Positivos. Moi positivos. En AGAI,
na Asociación Galega de Amizade con Israel (www.amizadeconisrael.org) temos claro que hai un antes e un despois na
data da constitución en 2006 da asociación. O traballo desenvolvido foi
intenso. Infinidade de conferencias, exposicións, semana de cine, viaxes a
Israel, edición de publicacións e unha presenza constante nas redes sociais. Un
exemplo. Hai uns días presentamos no Parlamento galego a solicitude de que a
Cámara conmemore o 27 de xaneiro. Día que por mandato das Nacións Unidas é o
día internacional de recordo das vítimas do Holocausto. Esta solicitude vímola
presentando todos os anos desde o mesmo día do noso nacemento e gracias a elo o
Parlamento de Galicia aproba no pleno todos os anos por esa data unha solemne
declaración institucional de recordo do Holocausto. Algo que coloca ao
Parlamento de Galicia ao nivel dos parlamentos de gran parte dos países de máis
traición democrática de Europa e do mundo. Lamentablemente sen a existencia de
AGAI moito me temo que non habería ese recordo anual aos millóns de vítimas da
barbarie nazi.
da
barbarie nazi.