11/10/15

Presentación en Lugo: "Lola Touza, la Schindler gallega"




Pablo Veiga, de AGAI-Lugo

O vindeiro venres 16 ás 19:00 terá lugar na librería Trama de Lugo, sita na Avda da Coruña 21 a presentación do libro: "Lola Touza, la Schindler gallega". 

Presenta: Pablo Veiga, socio da Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI en Lugo
Intervén: Vicente Piñeiro, escritor e autor do libro

ENTRADA LIBRE

Nesta novela Vicente Piñeiro pon a súa escrita e as paixóns de papel para relatar a historia de Lola Touza, "Xusta entre as Nacións" e considerada a Schindler Galega, que rexentaba o quiosco da estación de Ribadavia (Ourense), e entre 1941 e 1945 axudou a fuxir a máis de 500 xudeus dunha morte segura en mans dos nazis colaborando cunha das redes clandestinas de fuga de xudeus máis importante de Europa que empezaba nos Pireneos por Girona, facía escala en Medina del Campo e Ribadavia, tramo decisivo desde o que as irmás Touza arriscaban as súas vidas para atendelos e facilitarlles o paso a Portugal. Axudáronlles dous taxistas chamados José Rocha e Javier Mínguez "el calavera", un barqueiro de nome Ramón Estévez e un emigrante retornado, Ricardo Pérez, "o Evanxelista", que facía de intérprete. 

Nun outeiro da capital de Israel, en Xerusalén hai unha árbore plantada polo Centro Shimón Peres pola Paz na honra de Lola Touza e as súas irmás. Este libro é un chamado a sensibilización da sociedade galega sobre a memoria da Shoah, o Holocausto xudeu durante o nazismo. Salientar outra obra do mesmo autor: "El Quijote en Auschwitz" na que tamén aborda a Shoah e a súa memoria. 

Vicente Piñeiro (Lugo 1954), topógrafo de profesión, dedicou a súa vida profesional a traballar na Enxeñaría Civil. É novelista, autor teatral e poeta. Ten publicando tanto en galego como en español. Ademais dos seus libros colabora con artigos e ensaios en xornais como La Voz de Galicia, El Progreso de Lugo e  La Voz de Vilalba?; A súa poesía tamén foi publicada en diversas antoloxías

PREMIOS
Premio: por "Hispania, combate total", Finalista Segundo Premio Alexandre Dumas de Novela Histórica 2013.
VII Premio Espectáculo Teatral por "Adriano, emperador de Roma, un delincuente no século XXI?".
Premio: Pedrón de Ouro por "A cova do adeus". (Primeiro libro da triloxía do País mítico no que sempre chove.)
Premio das letras de Vilalba, polo libro de poemas: "Señor as túas pupilas son azuis".
Preseleccionado no Premio Óscar Wilde 2014 pola súa novela "Lola Touza, la Schindler  gallega".
Preseleccionado para o Premio Lazarillo, polo seu libro "Sonetos á xeometría", textos para traballar sobre literatura e matemáticas.

A presentación forma parte do programa de animación a lectura "Venres nas Librerías" que coorganizan a Consellería de Cultura e a Asoc.Galega de Editores e no que desta volta colabora a AGAI 

Outro libro do autor