15/05/15

O antisemitismo cabalga de novo en Grecia

Imaxe do monumento 

Na cidade de Kavala, ao norte de Grecia, perto de Salonica (Tesalonica), estaba prevista a inauguración dun monumento aos máis de 1400 xudeus da localidade asasinados en Treblinka e que foron enviados aos campos da morte. 

O caso é que á actual alcaldesa filonazi da cidade de Kavala, 
Dímitra Tsanaka, seica non lle gustou exhibir a Estrela de David no monumento e impediu a súa inauguración. A alcaldesa esixe a retirada da estrela de David que hai gravada no monólito conmemorativo. Incrible actitude claramente antisemita contra un símbolo da identidade xudía que, ademais, lembra á estrela amarela que os xudeus de Kavala foron obrigados a levar sobre as súas roupas durante a ocupación antes de ser arrestados, o 4 de marzo de 1943, deportados ao campo de exterminio nazi de Treblinka, en Polonia. 

Tras a súa liberación, Kavala foi a única cidade ao leste de Tesalónica que conservou unha pequena pero dinámica comunidade xudía que foi desaparecendo progresivamente como consecuencia da súa marcha a Israel ou a outras partes de Grecia. A maioría dos edificios comunitarios xudeus da cidade desapareceron debido a diferentes decisións políticas. Hoxe apenas quedan o cemiterio e unha casa coa cronoloxía xudía no dintel da porta principal. 

A relación de Kavala con Galicia é moi estreita, xa que nesta cidade, e sobre todo na veciña vila de Xanthi e por suposto tamén en Tesalónica, todas na mesma área, vivían moitos descendentes dos xudeos de Sefarad expulsados no 1.492 e que seguían falando ladino até o seu exterminio polos nazis durante a Shoah.

No caso da veciña Xanthi está amplamente documentada a presenza por exemplo do apelido “Bello”, apelido exclusivamente orixinario de Galicia, e do que existen documentos medievais da cidade de Ourense de xudeos galegos como por exemplo Abrafam Bello ou Xaco Bello.

Na impresionante Base de Datos do Yad Vashem en Jerusalem podemos atopar o apelido galego-xudeu "Bello", moi común na cidade grega de Xanthi, localidade veciña de Kavala. Nesta ligazón podemos atopar a moitos dos xudeus gregos sefardies asasinados que apelidábanse Bello: