11/02/14

O Parlamento de Galicia conmemora o Día Internacional da Shoah





O Parlamento de Galicia ven de aprobar hoxe no Pleno da Cámara unha solemne Declaración Institucional co gallo do Día Internacional do Holocausto. De seguido podedes ler o texto da mesma. 



Declaración institucional sobre o Día Internacional de conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto

O 1 de novembro de 2005, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na súa 42ª sesión plenaria, reafirma que o Holocausto, que tivo como resultado que un terzo do pobo xudeu e innumerables membros doutras minorías morresen asasinados, será sempre unha advertencia para todo o mundo dos perigos do odio, o fanatismo, o racismo e os prexuízos. E tamén decidiu designar o 27 de xaneiro como Día Internacional de conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto, todas elas vítimas do nazismo, entre as que se contan tamén galegos e galegas. 

A Asemblea Xeral rexeitou, e este Parlamento faina súa, toda negación, xa sexa parcial ou total, do Holocausto como feito histórico. E condenou sen reservas –condena que tamén este Parlamento fai súa – todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou as comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, onde quer que teñan lugar. 

O Parlamento de Galicia constata, coa Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinan actos de barbarie aldraxantes para a conciencia humana.

O Parlamento de Galicia, en fin, de acordo coa letra e co espírito da Declaración do 1 de novembro de 2005 da 42ª Asemblea Xeral das Nacións Unidas, chama ao Goberno da Xunta a traballar arreo contra os posibles brotes de racismo, xenofobia e discriminación baseados na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, e aos cidadáns e ás súas organizacións a permaneceren vixiantes para que nunca máis un réxime como o que produciu o Holocausto poida asentarse entre nós nin en ningún lugar do mundo. 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2014

Ver AQUÍ o texto na web do Parlamento de Galicia