Por Andrés Pavón*
Atlántico Diario - 10.01.2014
Atlántico Diario - 10.01.2014
Segundo un informe da canle de televisión Russia Today, o libro Mein Kampf (A miña loita), escrito por Adolf Hitler nunha prisión de Münich en 1923 está a ser un dos máis solicitados para ler a través de dispositivos electrónicos como o e-book por toda Europa. Ese panfleto está expresamente prohibido en paises como Holanda ou Austria pero na maioría de estados europeos habita nunha nebulosa na que non está claro se hai que penalizar a quen o distribúa, a quen o teña na casa ou a quen o lea. Parece que o argumento da liberdade de expresión pesa máis que as devastadoras consecuencias que ese aberrante opúsculo trouxo para millóns de seres humanos. Que mirados somos para algunhas cousas e que pouco para outras, non si?.
O caso é que coa chegada de Internet xa se antoxaba inevitable que o “documento” acabara espallándose pola rede. Eu sempre pensei que tería escaso impacto e que se circunscribiría aos círculos de extrema dereita que, dito sexa de paso, xa o tiñan impreso dende hai moito tempo. Pero o seu éxito electrónico é algo co que non contabamos. Ou si? A auxe de partidos como Amencer Dourado en Grecia, o Movemento por unha Hungría Mellor, o FPÓ austríaco ou o FN francés levan a moitos a sacar a careta e a non disimular as súas filias extremistas e, sobre todo, as súas fobias raciais e relixiosas. Que a estafa financieira ten moito que ver con eso tamén é certo. Pero do que aquí falamos é do inexplicable éxito de Mein Kampf. De hoxe nun ano vanse extinguir os dereitos de autor que o Estado de Baviera ten sobre a “obra” e semella que será difícil impedir a súa publicación por organizacións que tanto teñen feito pola humanidade como Stormfront ou Metapedia... Que é o que leva a unha persoa normal a interesarse pola obra do meirande asesino de todos os tempos? Motivacións eróticas? O encanto do prohibido? A falta de respostas na súa vida?...Non podo entendelo. Hai milleiros de libros cos que encher o noso tempo. Incluso milleiros de cervexas esperando nos bares ou de goles que cantar.
Por que, pois, dedicar un tempo precioso da nosa vida como é o ocio a algo que xa se sabe que é intrínsecamente malo?. E outro dato que se extrae do antedito informe é que a xente “consume” o Mein Kampf ás agachadas. Non o queren ter na estantería da casa pero si “desfrutalo” nun dispositivo que non os compromete...inxenuos. O peor é que resulta que hai máis xente da que se pensaba á que poden interesarlle os rebuznos do Führer. E incluso haberá quen diga que foi malinterpretado ou que contén aspectos dignos de debate... Comecei a escribir este artigo pensando en que o 27 de xaneiro faise lembranza das vítimas do Holocausto, da Shoah. E non quero deixar pasar a ocasión de honrar a súa memoria e de reclamar que se tome conciencia para que algo así nunca volva a acontecer. Pero confeso que este rexurdimento do Mein Kampf é a peor noticia que podiamos recibir nestas datas. E debe ser a loita de todos denuncialo. Se cadra pedir que non se lea ese libelo sexa contraproducente así que tirarei de retranca galega e recomendareilles que miren as súas páxinas. Seguro que se sinten mellor ao comprobar que hai persoas mil millóns de veces máis malas, máis burras e máis podres do que vostedes poidan chegar a sentirse xamais. Pero pensen que a media hora que dediquen a Mein Kampf están deixando de adicarlla á familia, aos amigos, á literatura, ao ensaio, á natureza, á saúde, ao deporte, á arte, ao sexo, á gastronomía...
* Andrés Pavón é socio de AGAI e xornalista