12/07/12

Carta aberta a Celso López Pazos


Por Manuel S.Pérez Millos
.
No FARO DE VIGO do día 30-05-2012, apareceu publicada unha carta asinada por D. Celso X. López Pazos, na que, co gallo de comentar verbo da conferencia do Embaixador de Israel no “Club Faro de Vigo”, o Sr. Presidente da Asemblea Republicana de Vigo incurre en flagrantes erros de apreciación e, mesmo, de debuxo da realidade.

Deducido polo que pon no derradeiro parágrafo do seu escrito que o Sr. López Pazos rexeita enérxicamente calquera xeito de mentira, entendo que os seus trabucamentos obedecerán, sen dúbida, a unha moi deculpábel falla de información. Por tal motivo, arrógome a licenza de clarexarlle algúns detalles que, segundo entendo, non lle están abondo claros respecto do que ocorre e, maiormente ocorríu, nesa terra na beira máis oriental do Mediterráneo. Co seu permiso, pois, diríxome a vostede, don Celso.

Eludo determe no feito de que Israel presuma de ter unha praza de honra na orla dos Nobel, nos rexistros de patentes e nos foros centíficos máis prestixiosos. Ese é o seu mérito, sementado e recolleitado nas súas Universidades e centros de investigación, e feito medrar co fertilizante da laboriosidade. Cada quen, pese ao refrán en contra, presume do que ten: Vigo do seu porto, Galiza da súas augas e terras e, asemade, o Sr. López Pazos, e eu mesmo, dos nosos logros na vida. Somentes farei unha aceda reflexión: se no noso país poidéramos fachendear da nosas cifras de producción, números de patentes ou bos resultados da agricultura, otro galo nos cantaría. ¿Non sí?

Malia que discrepo con vostede no ton xeral do seu escrito, subscribo plenamente algunha afirmación que espalla esporádicamente, coma, por exemplo, a de que o canon que mide o grao de modernidade dun país é o seu progreso legal e democrático. Pois ben, neste aspecto Israel e un referente exemplar, no que se reflicte a decencia de enxuiciar as máis altas autoridades do país por aceptar agasallos –de contías moi menores- coma susceptibles de ser considerados sobornos, por abusos sexuáis e, en xeral, por vulnerar a lei. Do progreso democrático é un bo referente o feito de que en Israel son legalmente protexidas tódalas opinións lícitas e, por igual, calquer creenza ou posición política ou relixiosa, dende o xudaísmo até o ateísmo, pasando por xudaísmo, cristianismo, islamismo ou credos minoritarios como o dos Bahai ou drusos; ou tendo no seu Parlamento un grupo árabe palestino. ¿Cabe dicir o mesmo –ou algo semellante- doutras nacións do entorno e, inclusive, do mundo?

Pero volvendo a súa carta, lémbrolle que, certamente, unha cousa e predicar e outra dar trigo; no seu caso, non é o mesmo proferir tópicos e consignas ocas que probar o que se fala. Sospeito que a súa alusión a que se “negan dereitos básicos a máis dun millón de habitantes en razón da súa procedencia étnica”, refírese aos palestinos de Gaza. Canto a este asunto, recorre a unha argucia moi burda, xa que está probado polos xornalistas, até os máis refractarios a Israel, que centos de camións entran a cotío en Gaza para levar provisións e outros xéneros necesarios. Por outra banda, omite vostede falar da fronteira con Exipto, paso que, vostede mo recoñecerá, non está custodiada por Israel, ¿ou non é así? Tamén cabe que a frase reproducida pouco antes lla aplique a os cidadáns israelíes de raza árabe; de ser así, o dislate non é merescente nin dunha liña de réplica. Basta ir a Israel (Xerusalén, Tel Aviv, Iaffo, a onde vostede queira) e ver como os israelíes árabes teñen as mesmas leis, as mesmas facilidades para comerciar, os mesmos hospitáis e os mesmos dereitos –non as mesmas obrigas- que os israelíes xudeus. Entre tales dereitos, a asistenza legal. E falando deso, os xuizos contra dos terroristas palestinos fanse a porta aberta, con asistenza letrada e, pódese dar o caso, con xuiz árabe. Sen ir máis aló, Israel conta –ou contou até fai ben pouco tempo- cunha Presidenta do seu Tribunal Superior de etnia árabe. Respecto deste asunto, ou está mal informado ou deliberadamente minte. Canto aos menores detidos, cecáis por falta de espazo non menciona que esos menores poñen bombas en lugares civís públicos (autobuses, supermercados, restaurantes, e semellantes), que asasinan meniños e outras fazañas semellantes. Esto que digo, ¿é que non o sabe, non tivo lugar a dicilo ou non quere que se saiba? Por último, quero dicirlle algo que calquera persoa ecuánime recoñece e entende: os soldados que menciona non ocupan terra allea (a dos palestinos) senon que defenden a terra propia (Israel) e a os cidadáns que viven nela dos mísis e outros artefactos mortíferos que caen enriba dos civís, incluso dos meniños e dos vellos. Claro que, para os que foron quén de tirar ao mar a un inválido na súa cadeira de rodas ou asasinar a atletas desarmados nun territorio neutral coma é unha Vila Olímpica, esas “valentías” de bombardear a indefensos non deixan de ser trangalladas.

Referente as resolucións condenatorias da ONU, esquece –sen dúbida de xeito involuntario- que a meirande parte dos votantes pertencen a nacións árabes ou a países políticamente próximos a os palestinos. Pode ser que esta precisión careza de importancia. Ou non. O que sí coido ben relevante é que soslaie que a primeira resolución das Nacións Unidas verbo desde asunto de Oriente Medio, é a que establece ao Estado de Israel e insta ao seu recoñecemento. Tal vez comprira que se respectara como inicio da solución do problema. Canto a solvencia moral dese manido Consello de Dereitos Humáns, somentes lembrarlle que para ocuparse de eidos relevantes no tal organismo nomeouse á Libia de Gadafi. Sen comentarios.



É mágoa que non tivese espazo abondo para explicar debidamente o das leis racistas. Quero pensar que de non estar circunscrito polo un limitado número de liñas, non tería feito do antepenúltimo parágrafo da súa carta un rosario de dislates. Indícollos polo miúdo de seguido. Primeiro: Israel non expulsóu a ninguén. Foron os propios árabes os que animaron aos residentes árabes a que deixaran o terreo despexado para manobrar cos seus exércitos nos –segundo eles- poucos días que tardarían en botar aos xudeus ao mar (teñen unha extrana fixación con darlles baños de auga salgada aos israelíes, ¿sabe?). Segundo: Compre que baixe a cifra, xa que tanta xente non vivía alí, aínda contando os xudeus. As cifras máis altas son de 600.000 ou 700.000 desprazados; incluso un informe da ONU fala de pouco máis de 470.000 persoas (é posible que, por un lapsus cálami, vostede engadira un cero; pode ser). Terceiro: O dos matrimonios mixtos. Ao respecto, podería falarlle de leis, de dereito, de sentenzas xudiciáis e dunha chea de cousas, pero prefiro ir ao empirismo puro e dicirlle que coñezo persoalmente a israelíes (tanto homes coma mulleres) xudeus casados con cristiáns, con musulmáns, con extranxeiros ou con non profesantes. E, neste caso coma en tantos outros, un feito comprobado vale ben máis que diatribas inconsistentes. Cuarto: Se construír estradas antes de entregar un territorio (caso de Cisxordania) ou deixar instalacións productivas de tecnoloxía avanzada (cóma ocurriu en Gaza, se ven é certo que por pouco tempo: o que tardaron os palestinos en destruilas) é expoliar recursos, ogallá viñeran moitos de tales expoliadores a Galiza, ¿non cré? Quinto: O das armas químicas e os acuíferos contaminados pode que sexa certo; tanto coma que as sardiñas lucen plumas, os morcegos agora xa ven porque usan lentes e as rás comúns téñense que barbear cada dous días. Sr. López Pazos: é moi respectable que se estea a prol dos palestinos ou de Israel, dos tirios ou dos troyáns, pero sería moi boa cousa que se deixara de verquer lixo e infundios e, anque somentes fora de cando en cando, se aportaran probas fiábeis do que se di. Eu, persoalmente, ficaría moi recoñecido a quen así o faga. O dicir cousas enganosas sen probas, é unha especie de trapacería informativa que ten un nome moi feo: chámase difamación; e coido que vostede non se adica a elo, xa que ben sabe que hai moitos procedementos para informar da bondade dunha causa sen que sexa preciso botar man do infundio e das acusacións imposibles de probar. ¿Verdade que sí? Para rematar este asunto das leis racistas, percibo que vostede usa moi rudamente da sinécdoque, xa que este tipo de restriccións a que se refire somentes as aplican os chamados ultraortodoxos. E vostede, Sr. López Pazos, fai desa interesada icona dos aladares e levitóns e chapeus negros a imaxe de tódolos xudeus. Tal xeneralización mesmo é coma se, no Estado español a tódolos varóns se nos tocara co helmo de Mambrilla e se nos puxera na casa a percha para a lanza ao carón da adarga, como se as mulleres vestirán vestidos de faralaes, e os mozos luciran traxe de luces dos toureiros. Convirá conmigo en que é unha imaxe falsa. A modo de exemplo mire esta historia: houbo un eminente teólogo e humanista alemán, Dietrich Bonhoeffer chamábase, que nos derradeiros folgos do III Reich, foi executado por Hitler ou os seus sicarios por opoñerse ao Führer. Aplicando o seu criterio, poderíase dicir que os clérigos alemáns eran contrarios ao nazismo, cousa que, lamentablemente, non é certa. Tamén pola súa regla de tres, o nacionalismo galego non é democrático, xa que no BNG non respectou a liberdade de pensamento e de opinión de Pedro Gómez-Valadés; nen, os que foran, e vistos os incidentes acaecidos recentemente no CUVI ou, mesmamente, no salón de actos do antigo Reitorado, recoñeceron o dereito de reunión dos asistentes. Pero non é certo, afortunadamente, que o xenuino galeguismo sexa tan fascista, ¿non sí?

Dos derradeiros cachos da súa misiva, somentes dúas ou tres puntualizacións. A primeira delas é que Israel non lle roubou nada a ninguén. O territorio que ten lle foi outorgado polo conxunto de nacións, tanto países occidentáis coma do bloque comunista, que votaron maioritariamente en tal sentido a Resolución 181 da ONU, de 29-11-1947. O pequeno resto da terra que se anexionou Israel (que tampouco pertenceu a os palestinos, salvo que vostede entenda que Xordania e Siria sexan territorio palestino), foi obtida por conquista de guerra; algo semellante, poñamos por caso, ao que sucedeu coas Kuriles (Xapón e a URSS), Kurdistán (Irak, Turquía e os kurdos), o Tibet (chineses e tibetanos), e tantos outros semellantes. A segunda pormenorización, refírese a imputación a Israel de cometer innecesaria violencia. Mire vostede, obxectivamente falando do asunto –claro é, se fala alguén imparcial-, non se lle pode atribuir a Israel negunha resposta violenta sen que mediaran previamente graves provocacións e risco certo de desaparición do país. E é que ocorre que Israel ten a obriga de defenderse, exactamente como fai calquera outra nación. O invito, D. Celso, a que me ilustre con feitos probados se pensa que estou trabucado na miña afirmación. Se o fixera, doulle anticipadamente as grazas.

Canto ao expolio, logo do devandito, sería unha vulgar tautoloxía abondar no tema, polo que paso a expoñer a terceira das aludidas precisións, a que atinxe ao que di verbo da guerra colonial. De ser certo o que vostede insinúa, mal e pouco porvir ten o Estado de Israel nos eidos colonialistas, xa que devolve a Exipto, e somentes a cambio de paz, toda a Península do Sinaí; xa que a diferenza de Irán, non crea un goberno títere e paralelo ao oficial no Líbano; xa que se retira de Cisxordania e de Gaza; isto por nomear os exemplos máis recentes e rechamantes. E para qué seguir, se é evidente que vostede coñece tales detalles tan ben ou mellor que eu mesmo.

Só me queda tratar algo que parece que o escandalizou abondo. É a expresión utilizada polo embaixador de que as liortas cos palestinos –e con outros países, engado- son “diferencias entre vecinos”. Debeuno de impactar moito, xa que nomea o asunto por dúas veces. Eu entendo que se trata, sinxelamente, do linguaxe propio dun diplomático, as veces abafantemente fino. Dende logo eu, persoalmente, non sería tan comedido e diría, sen ambaxes, que son as consecuencias de ter veciñanza con castróns sanguinarios e noxentos. Non sei se así gostaríalle máis, D. Celso. Coincido con vostede que resultou eufemístico en demasía.

Pero non podo rematar sen mentar algo que, coma bon republicano que é, lle ha ser unha agradable sorpresa: ¿sabe que os puñeteiros xudeus sionistas combatiron nunha unidade militar creada por eles mesmos, a prol da II República Española e contra o levantamento fascista? ¿E sabe tamén que o Estado de Israel nunca aceptou recoñecer a lexitimidade do Réxime franquista? En reciprocidade a estas informacións que lle dou –perdóeme, pero son así de pretencioso- ¿pódeme dicir de que bando estaban os árabes e a quen apoiaron? E tamén, ¿pódeme citar algún voceiro que mencione ao pobo palestino antes de 1967?

Espero que estas liñas cheguen a súa noticia e que, asemade, condescenda a respostalas, se cadra para a miña ilustración. Que sexan coñecidas por outra xente ben menos ilustrada que vostede, pero que acostuma a ler este tipo de comunicados, é cousa que non me preocupa, xa que, de anteriores respostas aprendín que o máis elaborado intelectualmente que poden argumentar é “judiossss de merda vamos a matarvos!!!!” (sic). Pero vaia, que se llevai facer se, polo que se mira, son émulos de aquel torto de infausta memoria que proclamou aquilo de que “¡Morra a intelixencia!”.

Co pracer que sempre sinto ao tratar con vostede, envíolle un saúdo.

* Manuel S. Pérez Millos é socio de AGAI