25/05/12

Maio de Galicia en Israel



UNHA DELEGACIÓN EMPRESARIAL GALEGA IMPULSADA POLA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA ABRE NOVAS POSIBILIDADES PARA AS NOSAS EMPRESAS EN ISRAEL


A Consellería de Economía e Industria impulsou a delegación empresarial que visitou esta pasada semana Israel co obxectivo de abrir novas posibilidades de colaboración institucional e comercial das empresas galegas co mercado deste país, que destaca polo seu potencial innovador.

A través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Consellería que dirixe Xavier Guerra, facilitou a participación das empresas galegas nas feiras internacionais que reuniron en Israel ás principais compañías e institucións principalmente no eido da tecnoloxía, a innovación, as TIC, as enerxías renovables ou biotecnoloxía, ademais dos negocios en ámbitos de actividade como a construción e a agricultura.

O director xeral do Igape, Xavier Aguilera, que encabezou a delegación galega que participou durante esta semana Maio de Galicia en Israel, mantivo encontros institucionais coa directora do Israel Export & International Cooperation Institute, Sabine Segal, e co director de Investment Promotion Center do Ministerio de Industria israelí, Oded Distel. Tamén se mantiveron reunións coa directora de relacións internacionais da Federación Israelí de Cámaras de Comercio, Ronnie Reiber, e co responsable para relacións con España do Program Manager, Europe do Matimop, a axencia do Goberno de Israel que se ocupa de promover as relacións entre as empresas do país e as estranxeiras.

O apoio da Xunta para incrementar as relacións institucionais e comerciais fíxose efectivo a través da iniciativa Maio de Galicia en Israel, organizada polo Igape. Entre as empresas galegas que participaron nalgunha das mostras internacionais programadas figuran Galchimia, Telecon Galicia, Teaxul, Cultivos Casaíta ou UtilVigo.

O Igape achegou ás empresas interesadas en participar nalgunha destas mostras internacionais asistencia técnica previa, asistencia permanente en destino, durante todo o mes de maio, apoio para a participación nas feiras do seu interese, elaboración de axendas de reunións e contactos, e visitas guiadas. Ao mesmo tempo, a Consellería de Economía e Industria participou en diferentes roldas de negocios con empresas potencialmente interesadas en investir en Galicia.

Esta iniciativa constituíu unha oportunidade de interese estratéxico para avanzar nas relacións empresariais entre Galicia e Israel, dada a diversidade das mostras internacionais desenvolvidas durante este mes de maio: Building, mostra internacional de construción e infraestruturas; Agritech 2012, sobre tecnoloxía agrícola; ILSI BioMed, de ciencia e tecnoloxía, e New Tech Enhibition, sobre alta tecnoloxía e electrónica.

A misión da delegación galega serviu para abrir novas vías de colaboración, tanto con institucións como con entidades privadas relacionadas coa promoción da actividade empresarial, vías chamadas a facilitar o estreitamento de relacións comerciais entre empresas galegas e israelís.