Como a Shalom Ausslander no seu libro “Lamentaciones de un prepucio”, a min tamén me sucede que vivo co temor constante a que todo se fastidie. Sexa Deus, o destino, a fortuna, a Lei de Murphy ou algunha fórmula matemática das que vía no aire John Nash, o certo é que nunca termino de desfrutar das cousas por ter a certeza de que non tardarán en fastidiarse.
Así, logo de pasalo pipa na Festa da Empanada e, por unha vez, con moderación no beber e o comer, dispúñame a dar unha volta por Chantada antes de oir as orquestras. Coa garda baixa (pola falta de sono e a presenza de catro cervexas San Miguel) confieime e produciuse o fatal desenlace: alguén veu chafarme o final das patronais.
Xenocida! asasino de mulleres e nenos! peón do imperialismo!. Eses foron algúns dos piropos que me botaron por ser simpatizante de Israel, sionista ao fin.
Nin sequera me tomei a mal o incidente xa que é tan inútil discutir cun antisemita como cun rabino ultraortodoxo fanático. Pero si que dei en cavilar nas diferencias entre a maneira de actuar dos que agochan o odio aos xudeus baixo a verba “antisionista” e os que defendemos -con argumentos xurídicos e políticos- a existencia do estado democrático de Israel. Cando nós nos xuntamos, non queimamos bandeiras palestinas nin cantamos insultos e ameazas. Lamentamos que a poboación de Gaza e Cisxordania teña que pagar polo que fan uns poucos terroristas, pero constatamos que os palestinos saben que nas súas mans está non ter que volver chorar por un fillo morto.
Nin sequera nos indigna o feito de que boa parte da prensa convirta en mártires aos mortos en accións defensivas de Israel e cale cando o cadáver está circuncidado. É máis: ata debatimos sobre o xeito de actuar do goberno israelí e criticámolo sen temor.
Cando o pasado xuño celebramos un Shabbat gastronómico en Monforte, ninguén pode decir que nos vira berrar ou facer pintadas.
O conflicto de Oriente Medio é complexo e desata reaccións moi fortes. Pero aseguro que os que defendemos a Israel nunca imos co insulto, a ameaza e, sobre todo, a suposta posesión da verdade por diante. Non en van o Talmud ensina a cuestionarse case todo.