01/01/12

Solicitude ao Parlamento de Galicia


A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) ven de solicitar un ano máis ao Parlamento de Galicia, nomeadamente á súa presidenta, Dna.Pilar Rojo e aos portavoces dos tres grupos parlamentares, a aprobación dunha solemne declaración institucional co gallo da conmemoración o vindeiro día 27 de Xaneiro, do Día Internacional de Recordo das Vítimas do Holocausto.

O Parlamento galego, casa común de todas as galegas e galegos debe sumar un ano máis a súa voz e a súa nosa razón nese día de lembranza, de dor e de condena. Porque un 27 de xaneiro de 1945, hai agora 67 anos, era liberado Auschwitz-Birkenau. Demasiado tarde para millón e medio de seres humanos transformados en cinza. Auschwitz-Birkeanu, a fábrica do horror sen nome máis perversa e brutal que teña coñecido a Humanidade.

Un primeiro de novembro de 2005, Nacións Unidas tomou a decisión de designar a data do 27 de xaneiro como recordatorio anual das atrocidades dunha traxedia que nunca máis debera suceder no mundo.

O lema aprobado daquela por Nacións Unidas no ano 2005 “Lembremos por hoxe e por sempre” manifesta con nidia claridade o obxectivo que desde todo tipo de institucións e organismos internacionais se deben marcar na xornada.

Xa en anos anteriores o Parlamento de Galicia, así como o Parlamento Europeo, Goberno de España, Parlament de Catalunya, Asamblea de Madrid… seguiron a senda marcada por NNUU e fixeron oficial cadanseu no seu espazo e competencia territorial esta mesma data como xornada de conmemoraxción oficial.

A condena e repulsión mundial ao xenocidio sistemático e industrializado que acabou coa vida de millóns de seres humanos, xitanos, disidentes politicos, homosexuais, deficientes físicos e de seis millóns de xudeus debemos lembrar que foi con certeza no seu momento, unha das razóns principais que motivaron o nacemento da propia Declaración Universal dos Dereitos do Home.