28/01/11

Ensino do Holocausto nas escolas viguesas

Por segundo ano consecutivo, após a magnífica experiencia do pasado ano co profesor israelí Gustavo D.Perednik, este ano desde AGAI programamos dúas charlas-coloquio en dous centros escolares da cidade de Vigo. Concretamente tiveron lugar no Instituto de Bacharelato de Beade e no Colexio Losada. Centros aos que queremos agradecer, máis unha vez, a súa magnífica disposición e colaboración para poder ofrecer aos rapaces un testemuño didáctico sobre o que o Holocausto supuxo e supón non só para o Pobo Xudeu senón para toda a Humanidade no seu conxunto.
.
Desde AGAI entendemos que o ensino da Shoáh é importante porque contén leccións universais que lle toca ao ser humano como tal, porque a Shoáh ocorreulles a seres humanos e foi perpetrado por seres humanos en Europa na metade do século XX. Aprender o Holocausto é unha lección de ética, de dereitos humanos, de democracia e de tolerancia. Se non aprendemos e somos quen de transmitir ás xeracións vindeiras a dramática lección da Shoáh, esta pode volver a ocorrer. Como de feito ocorreu despois da Shoah, outra vez en Europa, na ex-Iugoslavia con terríbeis episodios de limpeza étnica.
.
Para estas actividades tanto no Instituto de Beade como no Colexio Losada contamos coa presenza e testemuño de Francis Papiernik de Wolonowsky. Filla de sobrevivintes do Holocausto. Como introducción foi proxectado aos rapaces un pequeno video -producido por AGAI- co testemuño de Micheline Wolanowsky, a nai de Francis.
.
Como conclusión tiramos non só o oportuno e útil das actividades do ensino do Holocausto nas nosas escolas, senón e fundamentalmente a urxencia das mesmas como complemento básico na formación integral dos nosos rapaces.
.
Desde AGAI queremos agradecer moi especialmente a Francis Papiernik pola súa inestimábel colaboración e polas súas magníficas charlas cos rapaces. Amenas, pedagóxicas e moi emotivas. Un luxo para AGAI e para os nosos escolares que cómpre facer cada ano máis extenso en centros e días. Agardamos xa que logo, da fundamental colaboración das autoridades académicas para poder programar en anos vindeiros moitas máis actividades para os nosos rapaces e rapazas
.
Eis unhas imaxes das actividades:
.
Instituto de Bacharelato de Beade
.

Colexio Losada

.


Programa de Nacións Unidas para o ensino do Holocausto:
http://www.un.org/es/holocaustremembrance/index.shtml