Alfonso Regueiro Costas, industrial de Vigo, mostra a foto dos seus pais ante a antiga ponte internacional de Tui
.
O orgullo non lle cabe no corpo desde que se enterou do "gran segredo" do seu pai, dado a coñecer a través do libro "La clave Embassy". Alfonso Regueiro Costas, industrial de Vigo, é o fillo pequeno do taxista Manuel Regueiro Álvarez, coñecido como "Ríos", que tiña parada no hotel Universal de Vigo nos anos corenta e que era o estreito colaborador do médico vigués Eduardo Martínez Alonso. Xuntos e con outros colaboradores conseguiron salvar nos anos 1940 e 1941 a centos de xudeus acosados e perseguidos pola temible Gestapo nazi, pasándoos a Portugal.
.
.
Por Eva González
.
Unha vida de película. O taxista vigués Manuel Regueiro Álvarez, coñecido por "Ríos", falecido a principios dos anos setenta, resulta ser un "axente de confianza" que actuou nos anos 1940 e 1941 arriscando a súa vida para salvar da Gestapo a moitos xudeus, seguindo as instrucións do médico vigués Eduardo Martínez Alonso, cuxa xesta está a divulgar a súa filla Patricia Martínez de Vicente, a través do seu libro "La clave Embassy"
.
"O meu pai era un home tranquilo, reservado, de moi poucas palabras, que saía todos os días ao seis ou sete da mañá para recoller viaxeiros do tren exprés matutino que chegaba desde Madrid. A miña nai nunca soubo nada. Grazas a ese libro decateime da súa dobre personalidade e estou moi orgulloso e feliz", relata Alfonso Regueiro Costas, industrial vigués e fillo daquel taxista que conducía un Dodge con motor diésel Barreiros, de oito prazas, que tiña parada fronte ao hotel Universal que estaba situado fronte ao Náutico de Vigo. Soubo do insólito pasado do seu pai a través do libro e de contactos coa súa autora.
.
.
Soubo que o seu pai recibía instrucións do médico Eduardo Martínez Alonso a través de telegramas, en clave, onde indicaballe o lugar ao que debía levar aos xudeus. Unhas veces o destino era a casa dos Alén, en Guillarei. Noutras cruzaba a fronteira de Tui, pola antiga ponte internacional, quizais con colaboración de carabineros e subornando "gardinhas" portugueses, como asegura Patricia Martínez de Vicente no seu libro. Tamén visitou a casa da familia Alonso, na Portela (Redondela).
.
Manuel Regueiro Álvarez "Ríos", naceu en Vigo no ano 1897. Segundo conta o seu fillo, de mozo traballou como transportista nas minas alemás de wolframio, en Vila de Cruces. Ao chegar Franco ao poder, requisáronlle os camións, polo que "Ríos" buscou a vida en Vigo, asentándose na rúa Lepanto, onde estableceu o seu fogar coa súa muller Estrela Costas Puime. Alí naceron o seu catro fillos. Na mesma rúa abriu unha pensión na que acollía a persoas non adictas ao réxime franquista, polo que durou pouco. De hostaleiro pasou directamente a taxista.
.
.
O seu fillo Alfonso Regueiro explícase agora por que variaron de domicilio no centro de Vigo varias veces e tamén por que acabaron residindo nunha casa unifamiliar no barrio de "A Chumba", en Teis, con vistas ao mar. "Desde alí o meu pai podía controlar os barcos que entraban e saían do porto", deduce. Despois de coñecer a historia do seu solidario proxenitor, tivo a curiosa visita dun señor chamado Fraga, de avanzada idade, que reside na residencia Meixoeiro e que, segundo lle contou, actuaba de intérprete. "Explicoume que era amigo do meu pai e que estaban moi relacionados con ingleses, incluídos cargos da mariña británica, e co doutor Eduardo Martínez Alonso e a súa esposa Ramona de Vicente", pais da autora de "La clave Embassy".
.
.
O taxista con dobre vida faleceu cando o seu fillo pequeno, Alfonso, tiña un vinte anos. "O paradoxo é que agora eu vivo xunto ao hotel que se levanta no lugar onde existiu o Universal e a miña oficina está ao carón", conta o industrial, cheo de entusiasmo e ilusión por saber da humanitaria labor do seu pai ao servizo do doutor vigués Eduardo Martínez.