
O INTÉRPRETE E COMPOSITOR XUDEU NORTEAMERICANO ESTÁ RECOÑECIDO INTERNACIONALMENTE COMO UN DOS MÁIS DESTACADOS ESPECIALISTAS DO FOLK INSTRUMENTAL DE RAÍZ XUDEA.O mestre do violín klezmer Steven Greenman abre as "master class" de música tradicional da Agadic na illa de San Simón
O violinista e compositor estadounidense Steven Greenman, recoñecido internacionalmente como un dos mellores intérpretes do violín klezmer, inaugura mañá o novo ciclo de master class de música tradicional que a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) organiza na sede da Fundación Illa de San Simón, na ría de Vigo. Os participantes neste primeiro curso, que se estenderá ate o sábado día 20, terán a oportunidade de achegarse á milenaria tradición da música klezmer no leste de Europa, afondando no repertorio do folk xudeu para instrumentos de corda.
O mestre Greenman porá especial énfase en que os alumnos interioricen este tipo de música cantando as melodías, tocando "de oído" e familiarizándose co fraseo melódico e o acompañamento no folk xudeu, ao tempo que se abordará o repertorio klezmer non só a partir da música, senón tamén da tradición oral e a danza. Ademais, unha das tres sesións estará especialmente á ornamentación específica para violinistas e violistas no marco desta tradición musical. As clases culminarán nun concerto dos participantes co material aprendido.
Recoñecido polo seu virtuosismo e a súa precisión técnica como solista, Steven Greenman é tamén un afamado profesor de violín tradicional klezmer. Compaxina esta faceta pedagóxica cos concertos que ofrece como parte de diferentes formacións tradicionais e do seu Steven Greenman Klezmer Ensemble. Ten autoproducido, así memso, dúas gravacións de referencia que documentan as súas composicións: Stempenyu’s Dream (2004) e Stempenyu’s Neshome (2010), esta última coas súas melodías espirituais xudeas de autoría orixinal.
O encontro ofrece un total de 12 horas lectivas para un máximo de 15 alumnos. EsteS será Nseleccionados directamente polo mestre en función dos seus méritos e deberán achegar os seus propios instrumentos como requisito de participación. O prezo da matrícula é de só 50 euros. Os interesados, que poden ser músicos xa profesionais ou estudantes de escolas de música e conservatorios, teñen a posibilidade de realizar a inscrición en liña a través da páxina web www.masterclassdemusicatradicional.info.