19/11/10

Jacques Stroumsa

Afonso Vázquez-Monxardín xunto a Jacques Stroumsa no Yad Vashem en Jerusalem



Por Afonso Vázquez-Monxardín*
La Región - 19.11.10
.
O día 17 de xullo de 2009, cando tiña 96 anos, colleu Jacques Stroumsa moi de madrugada un autobús no porto de Eilat, alá no fondo do golfo de Aqaba, no extremo sur de Israel, para ir dar unha charla ao Yad Vashem, o centro da memoria xudía en relación co holocausto. Erguérase moi cedo porque tiña ilusión por vir ao encontro dos docentes españois que estabamos naquela fornada. Era o colaborador, a testemuña máis veterana da sección de lingua española da institución dos gardiáns da memoria.

Cun fiíño de voz que nos facía estar a todos en escrupuloso silencio e arrechegados á súa mesa relataba os anos de infancia nunha Salónica descougada. El nacera en 1913, un ano despois da incorporacion da cidade a Grecia. Máis de oitenta mil españois xudeus mantiñan daquela viva a lingua que el estaba usando pousadamente naquela sala, ese español medieval de fonética arcaica entrefebrado con pingas de vocabulario apañado dos países por onde pasaran aqueles xudeus errantes antes de topar o acougo xeneroso do imperio otomano. Contaba como existían daquela escolas promovidas por Francia, Italia, Inglaterra, incluso Alemaña, pero non España, naquel recuncho multicultural, segunda cidade xa de Grecia nun momento de anexión integradora. Salónica fora durante moitos séculos unha especie de Xerusalem xudía sobre todo, pero tamén turca e grega. Coa anexión, a minoría turca devecera de forma radical, pero a xudía ía resistindo. Contaban o sr. Stroumsa como era a súa familia de músicos, de violinistas, e como se fixo enxeñeiro industrial en Francia onde botou uns anos antes de voltar a Salónica para traballar e cumprir co servizo militar. Coa súa vida e viaxes cosmopolitas e co seu bo oído, chegou a falar moitas linguas, castelán, turco, grego, hebreo francés... Estaba orgulloso. Pero un día aquel mundo veuse abaixo. Chegaban ecos de Alemaña e Polonia. Non podía ser. Era demasiado terrible para ser certo. Non podía haber tanto mal. Pero o mal chegou. Metérono nun tren coa súa familia. No tren 16, xunto outros 2.499 xudeus de Salónica, un día da primavera de 1943. Chegaron ao destino. Separáronos. En 1.685 non gastaron tinta. Directamente saíron polas chimeneas de Auschwitz. Entre eles a súa muller embarazada de oito meses, seus pais e os sogros. Aos outros 815 tatuáronos. Un triángulo como xudeu, un G como grego, e un díxito.

E Jacques salvouse, curiosamente, pola música. Como violinista tatuado no inferno. Porque como di o título dun dos seus libros, “Elixin a vida”. Logo houbo de traballar de enxeñeiro escravo. Pero non había outra escolla: suicidio ou supervivencia. E debía seguir vivo para dar testemuño do horror. Para impedir o esquecemento e para evitar o odio.

Así que marchou o velliño, falamos. E dixéronnos que houbera moitos israelís que non acolleran ben aos saídos dos campos de concentración. Eran culpables de sobrevivir, de facer o posible e o imposible por cumprir o mandáto bíblico de manter o fío da vida. Israel non quería, non debía ser a casa só dos heroes, dos combatentes, senón de todos os supervivintes.

Jacques Stroumsa acabou reconstruíndo a súa vida xunto con Lora, de Atenas, e nos últimos anos deleitábase coa súa neta violinista. Pechou o círculo da vida alá na desacougada e esperanzada Xerusalem, o outro día, cando era tempo de magostos en Ourense. Que a terra che sexa leve, Jacques.
* Afonso Vázquez-Monxardín é socio fundador de AGAI

16/11/10

Curso de música xudía na Illa de San Simón (Vigo)


O INTÉRPRETE E COMPOSITOR XUDEU NORTEAMERICANO ESTÁ RECOÑECIDO INTERNACIONALMENTE COMO UN DOS MÁIS DESTACADOS ESPECIALISTAS DO FOLK INSTRUMENTAL DE RAÍZ XUDEA.

O mestre do violín klezmer Steven Greenman abre as "master class" de música tradicional da Agadic na illa de San Simón

O violinista e compositor estadounidense Steven Greenman, recoñecido internacionalmente como un dos mellores intérpretes do violín klezmer, inaugura mañá o novo ciclo de master class de música tradicional que a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) organiza na sede da Fundación Illa de San Simón, na ría de Vigo. Os participantes neste primeiro curso, que se estenderá ate o sábado día 20, terán a oportunidade de achegarse á milenaria tradición da música klezmer no leste de Europa, afondando no repertorio do folk xudeu para instrumentos de corda.

Steven Greenman

O mestre Greenman porá especial énfase en que os alumnos interioricen este tipo de música cantando as melodías, tocando "de oído" e familiarizándose co fraseo melódico e o acompañamento no folk xudeu, ao tempo que se abordará o repertorio klezmer non só a partir da música, senón tamén da tradición oral e a danza. Ademais, unha das tres sesións estará especialmente á ornamentación específica para violinistas e violistas no marco desta tradición musical. As clases culminarán nun concerto dos participantes co material aprendido.

Recoñecido polo seu virtuosismo e a súa precisión técnica como solista, Steven Greenman é tamén un afamado profesor de violín tradicional klezmer. Compaxina esta faceta pedagóxica cos concertos que ofrece como parte de diferentes formacións tradicionais e do seu Steven Greenman Klezmer Ensemble. Ten autoproducido, así memso, dúas gravacións de referencia que documentan as súas composicións: Stempenyu’s Dream (2004) e Stempenyu’s Neshome (2010), esta última coas súas melodías espirituais xudeas de autoría orixinal.

O encontro ofrece un total de 12 horas lectivas para un máximo de 15 alumnos. EsteS será Nseleccionados directamente polo mestre en función dos seus méritos e deberán achegar os seus propios instrumentos como requisito de participación. O prezo da matrícula é de só 50 euros. Os interesados, que poden ser músicos xa profesionais ou estudantes de escolas de música e conservatorios, teñen a posibilidade de realizar a inscrición en liña a través da páxina web www.masterclassdemusicatradicional.info.

Ligazóns

15/11/10

Imaxes da 4ª viaxe a Israel de AGAI

Imaxe do grupo en Massada. Símbolo da resistencia nacional do Pobo Xudeu.

Imaxe do grupo na Menoráh que preside a entrada da Knesset. Símbolo da soberanía do Pobo Xudeu na súa terra.
...
Se queres ver máis imaxes dos diferentes lugares visitados durante a viaxe podes facelo no blog da Casa de Israel en Galicia. No índice da dereita (mes de Novembro) podes ver as diferentes entradas cos lugares percorridos na viaxe.

Casa de Israel de Galicia

13/11/10

O Parque da Amizade. Beit Issie Shapiro - בית איזי שפירא

En 2005, a ong israelí Beit Issie Shapiro e o Concello de Ra'anana inauguraron o primeiro parque accesible e integrado para nenos en Israel: o Park Javerim, "O Parque da Amizade". Esta nova área de esparexemento, establecida nunha superficie de 36.500 m2, outorga a nenos con necesidades especiais a posibilidade de gozar de orixinais instalacións de lecer xuntos aos seus pares "normais". O parque e todo o seu equipamento foron adaptados para mozos e adultos con necesidades especiais, permitindo o seu desfrute a quen se despraza nunha cadeira de rodas ou posúe discapacidades visuais e auditivas. Con todo, ao mesmo tempo, foi concibido como un lugar moi atractivo para todo o mundo. Outro dos distintivos do parque consiste no seu programa de actividades, considerado fundamental para lograr o éxito na integración. O mesmo, executado por mozos voluntarios, foi deseñado para fomentar que os mozos con distintos niveis de capacidade e discapacidade interactúen, baixo un espírito de entendemento e aceptación da unicidade de cada persoa.