30/09/10

O exemplo do kibbutz israelí


Por Pablo Veiga, socio de AGAI
http://www.terrachaxa.com/
.
Recentemente visitei durante doce días Israel, ese descoñecido país que adoitamos asociar coa palabra conflito, principalmente. Propio deste territorio é o Kibbutz –Kibbutzin en plural-. Unha fórmula única de traballar a terra e que, considero eu, podería ser un modelo a estudar en profundidade, porque creo que as características e sobre todo, os resultados, avalan este método de produción agrícola. Pero que son realmente?.
.
Moi resumido, o Kibbutz é unha agrupación de persoas e familias que traballan de forma colectiva. Baseada na axuda mútua e na propiedade conxunta dos bens, a igualdade e a cooperación, a traducción literal sería asentamento comunal, e a súa singularidade dedúcese da idea que “de cada cal conforme ás súas posibilidades, a cada cal conforme ás súas necesidades”. As decisións tómanse de xeito democrático e asemblear.
.
Cen anos levan funcionando no estado de Israel. Actualmente, en 273 Kibbutzim espallados ao longo deste país cun tamaño un pouco inferior a Galicia viven 120 mil persoas, un 16 por cento non superan os dezaoito anos de idade –nos nosos pobos, esa porcentaxe é moi inferior e en constante descenso-. A poboación dos Kibbutzim varía. Desde os trinta habitantes do máis pequeno ata os mil dous centos do máis poboado. O valor desta modalidade xa hai que buscalo nos seus inicios, cun entorno sumamente hostil, caracterizado pola xeral pobreza das terras a cultivar, condicións climáticas rigorosas, enfermidades, así como a permanente ameza bélica á que se veu sometido o Estado israelí desde a súa creación en 1.948. Tales adversidades só se podían afrontar cunha colonización de forma colectiva. As aventuras individuais estarían condenadas a un estrepitoso fracaso.
.
A característica fundamental do Kibbutz versa en que o individuo queda supeditado ao interese xeral do grupo, da colectividade. Evidentemente, o éxito desta iniciativa radica na forte carga ideolóxica, así como uns valores e conviccións moi arraigados dos seus membros. Os Kibbutzim evolucionaron neste século de vida. Pasaron por fases críticas, de enriquecedores e polémicos debates e as inevitables adaptacións ós novos tempos. O lema renovarse ou morrer tivo que ser aplicado. Hoxe en día, o carácter agrario continúa, mais non somentes se dedican a cultivar produtos alimenticios e criar gando, senón que a súa economía diversificouse de forma espectacular. Novos sectores teñen un considerable peso específico, como o turismo ou a industria. Incluso algúns deles –pode sorprender desde a nosa perspectiva- acreditan notables éxitos nas novas tecnoloxías, no desenvolvemento de centros comerciais, na promoción inmobiliaria ou en actividades artísticas.
.
A produtividade e satisfacción dos seus membros é unha realidade. Os salarios, polo xeral, segundo estudos, non son inferiores ós 1300 €uros mensuais nun país co custe da vida similar ó español (cal é a media de ingresos das familias do agro galego?). Non é de estranar a influencia na economía do Estado de Israel. O 5,2 por cento do produto interior bruto e o 9 por cento da produción industrial –sinálese que non chegan ó dous por cento da población total do país- apórtano os Kibbutzim. As exportacións ó estranxeiro alcanzaron os 3.400 millóns de €uros. Son propietarios de tres centenares de fábricas e empregan 41 mil traballadores. Un tercio da produción agrícola de Israel ven dos Kibbutzim. Normal que se fixera realidade o obxectivo dos pioneiros, chegados de moi diversas partes do mundo, de florecer o deserto. A día de hoxe, Israel case produce a totalidade de alimentos que consome.
.
As cifras son elocuentes. Por elo, considero este modelo válido como exemplo de traballo en comunidade, de solidariedade e de solvencia económica. As ideas socialistas desenvolvidas con éxito nunha sociedade capitalista. Os resultados acadados son destacados. Compárese co noso agro, en constante despoboamento, envellecemento galopante, abandono de explotacións e cuns beneficios desproporcionadamente escasos respecto ó esforzo e dedicación dos nosos labregos e gandeiros. Claro que aquí temos cooperativas, sociedades agrarias de transformación e outras iniciativas moi loables. Pero son unha excepción. Seguimos desconfiando das alianzas. Apostamos polo individualismo e por unha falsa competitividade que non conduce a nada positivo. E por suposto, unha falta de apoio real e efectivo das distintas administracións.
.
Temos un modelo que funciona, con dificultades tamén, pero que evolucionou e se adaptou. Un exemplo de como desde a produción agraria e gandeira se diversifica cara outros sectores innovadores que acadan uns beneficios económicos evidentes. En cada parroquia galega podía existir un Kibbutz ou algo semellante. Outro galo cantaría; a paisaxe humana, socio-económica e a calidade de vida sería ben diferentes. Pero a liña seguida neste País foi por noutro sentido. E á vista dos resultados, non semellou ser a máis acertada.
.
Lugo, Setembro 2010