17/08/10

Israel, unha potencia científica

Destaca en ciencia e tecnoloxía e, proporcionalmente, inviste en investigación máis que toda a Unión Europea
O Exército deixa pegada en moitos emprendedores
Un grupo de escolares visita o Xardín da ciencia no Instituto Weizmann en Jerusalem
.

Por Montserrat Radigales
Tel-Aviv - El Periodico de Catalunya - 15.08.2010
www.elperiodico.com
.
Como é posible que un país pequeno e nunha situación permanente de conflito sexa un dos máis avanzados do mundo no campo científico, tecnolóxico e de innovación? Que fai que Israel teña máis empresas que cotizan no NASDAQ (o índice de valores da alta tecnoloxía) que ningún outro país salvo EEUU? Non hai unha única explicación e posiblemente se deba a un conxunto de factores.
.
Un deles é meramente cultural e ten que ver cun espírito moi pouco conformista. Pero outro factor importante o constitúe o Exército. Historicamente Israel sentiu a necesidade de compensar a súa enorme inferioridade numérica respecto dos países hostís coa superioridade tecnolóxica. E máis aló da tecnoloxía proporcionada por países aliados como EEUU, os reponsables de Defensa sempre priorizaron a investigación e os avances tecnolóxicos propios. O servizo militar obrigatorio (tres anos para os homes e dous para as mulleres) converteuse pois nunha escola (algúns din que tan ou máis importante que as universidades) sobre todo para quen vai parar a unidades de elite. Non son poucos os recrutas que, despois do seu paso polo Exército de Defensa de Israel-IDF, crearon empresas innovadoras, coñecidas, en inglés, como start up. Moitas fracasan pero algunhas converteron os seus proxectos en millonarios. No Exército non se adquiren só coñecementos senón tamén capacidade de sacrificio e de liderado. «A miña experiencia no Exército acelerou a miña madurez intelectual e o sentido da responsabilidade», di o profesor Tal Alexander. Especializado en astrofísica, é un dos investigadores do venerado Instituto Weizmann, o sanctasanctórum da investigación científica en Israel, con cinco facultades de posgraduado e 50 centros multidisciplinarios. Outra científica do Weizmann, Ada Yonath, compartiu o ano pasado con dous estadounidenses o Nobel de Química.
.
Curiosidade e poucos límites
.
«A investigación necesita moita curiosidade e poucos límites. Se traballas por curiosidade, aínda que non as busques acabas descubrindo cousas nas que ninguén pensara e isto é a innovación», sinala o profesor Daniel Zajfman, presidente do Instituto Weizmann. «No xudaísmo non hai ningún conflito entre relixión e ciencia», explica. Israel, un peso pesado na ciencia biomédica, non puxo ningún límite á investigación con células nai. COMPUGEN, unha empresa israelí dedicada a descubrir produtos para o diagnóstico médico, lidera e coordina o proxecto SIMAP, un consorcio interdisciplinar establecido en cooperación coa UE no que participan empresas e institucións científicas de Israel e de varios países europeos do que o representante español é doutor Josep Baselga do Institut de Recerca do Hospital da Vall d'Hebron de Barcelona, na loita contra o cancro. A empresa está dirixida por unha muller.
.
A industria farmacéutica é tamén moi potente. Aínda que non sexa unha marca coñecida, o principal produtor mundial de medicamentos xenéricos é TEVA, outra empresa israelí. Recentemente adquiriu os laboratorios ROCHE. Entre o sector privado (77%) e o público, Israel investiu no ano 2008 o 4,9% do seu Produto Interior Bruto (PIB) en I+D+I (Investigación, Desenvolvemento e Innovación), unha proporción superior á da UE, segundo recoñece Robert Krengel, responsable de asuntos científicos da delegación da Comisión Europea en Jerusalem. O mesmo ano España investiu o 1,35% do PIB. A relación entre a UE e Israel é intensa, non só no ámbito comercial senón tamén no científico. Iso non cambiou nin sequera nos momentos de maior tensión política. O vínculo entre a devandita relación e o proceso de paz en Oriente Próximo é motivo de discordia.
.
Israel participa en varios programas europeos de investigación, incluído o programa Galileo, o sistema de navegación por satélite desenvolvido pola UE. O marco legal da relación é o Acordo de Asociación de 1995, que entrou en vigor no 2000. En decembro do 2008, a UE decidiu elevar o rango do devandito acordo, pero a medida quedou conxelada pouco despois como castigo pola ofensiva militar en Gaza. «Que a mellora estea conxelada non significa que a relación estea conxelada», aclara Ricardo Serri, funcionario da Dirección de Relacións Exteriores da Comisión Europea. Business as usual.