27/07/10

A quen lle importa


Por Afonso Vázquez-Monxardín *
La Región - 27.07.2010
.
O día 3 de novembro de 1975 pasaron tres cousas. Algúns lembran dúas: Franco foi operado a vida ou morte no Pardo nunhas condicións flipantes, a Marcha Verde cruzou a fronteira do Sahara e trinta mineiros morreron nun accidente en Figols, Barcelona.

Quen pase dos cincuenta non terá dificultades no recordo da torturante agonía do pequenote ferrolán e daquela excursión pola que Marrocos acabou ocupando o Sahara Occidental, sen tiros. Pero o dos mineiros non lles estou tan seguro que o teñan presente. Ás veces, a avalancha de noticias fai que algunhas humanamente importantísimas queden ocultas por outras máis 'mediáticas'. Pasou, pasa e pasará. Se cadra é lei de vida, pero a min, dáme algo de repelús iso da xerarquía das noticias.

No mesmísimo momento en que se celebraba o Holanda-España do mundial de fútbol, o terrorismo islamista de Al Qaeda fixo toupar dúas bombas en Kampala, capital de Uganda, entre os afeccionados que vían a final. Morreron 74 persoas. A franquicia somalí dese grupo terrorista prohibiralles xa aos seus connacionais ver ese partido por algunha rarísima cuestión de interpretación alucinada de textos relixiosos e puxo esas bombas en Kampala para castigar ás xentes do común de Uganda por apoiar o seu goberno as medidas internacionais para a estabilidade de Somalia. Estas mortes quedaron abafadas e difuminadas pola omnipresenza dos fastos da vitoria. En certo sentido, pasoulle como aos mineiros de Figols. Pero para máis, con dous datos peores. Eran negros e sucedía no corazón de África. ¿Imaxinan a repercusión mediática se fixesen toupar esas dúas bombas diante dunha pantalla xigante de calquera poboación holandesa ou española? E non houbo nin sequera unha declaración pública da 'Roxa' solidaria cos ugandeses. Nin un artigo de fondo nos xornais. Nin unha condolencia pública das autoridades. Negros africanos. Pouco parecen importar.

Deste mesmo xeito, a visita a España de Paul Kagame, presidente tutsi de Ruanda e un dos actores máis importantes das últimas décadas na complicadísima vida político-guerrilleira neste escenario de xenocidios cíclicos e cuxa responsabilidade aínda que menor que a dos hutus por activa, e Bélxica e Francia por pasiva, está máis que sospeitada, pero só se viu cuestionada por unhas ducias de manifestantes en Madrid. ¿Onde están os omnipresentes pacifistas que todo o saben? ¿É nugalla para entender o problema histórico e nacional de Ruanda, Burundi, Uganda, Congo e ver os xogos de influencias e alianzas étnicas das grandes potencias e intereses económicos na zona? ¿Escápase á simplificación maniquea de bos e malos?

Parece que o tema carece de glamour mediático. Esta desidia dos medios de comunicación e das iniciativas sociais obsesionadas unicamente coa visión máis simplona da causa palestina, dan medida do etnocentrismo e preguiza intelectual dominante no nivel reflexivo e político da nosa sociedade. Creo eu.
.
* Afonso Vázquez-Monxardín é socio fundador de AGAI