08/06/10

O científico ecoloxista




Por Afonso Vázquez-Monxardín
.
Galicia Hoxe - 08.06.10
.
É un tipo novo e moi listo. As súas paixóns son a tecnoloxía e a ecoloxía. Non en van a pesar da súa mocidade leva quince anos traballando e impulsando a relación entrambos sectores: tratamento de residuos, reciclaxe das augas, aproveitamento do xeotermalisno... Pero sen dúbida o seu ollo dereito arestora teno posto en Efemcy, unha compañía de servizos mediombientais, focalizada nos sistemas bioenerxéticos que se dedica á investigación sobre a produción dun tipo de combustibles orgánicos de raíz ecolóxica. A idea central é lograr que o tratamento das augas negras en vez de consumir enerxía, proporcione electricidade ou hidróxeno a partir do uso de pilas de combustible microbianas. Así, logran un tratamento combinado e simultáneo da reciclaxe e limpeza das augas negras coa produción electroquímica de enerxía extraída do residuos en suspensión. E xa o fan. Non é unha idea no aire.
.
A pesar de ter moito traballo aquí e alá neste mundo global, aceptou vir a España porque o cobizaba a curiosidade e os desexos de comunicar que outro mundo é posible. Con técnica, boa vontade e coñecemento pódense desfacer moitos dos entortos que existen. Tamén científicos e técnicos. Onte, en Madrid, falaría nun curso enerxías renovables e tecnoloxías limpas. Cousas das que sabe. E viña a un tempo de cultura e universalidade como é o Parque Científico de Madrid en la Universidad Autónoma de Madrid. ¿Como é? Como debía ser! Alí foi o agredido. Uns que, sen querer, gritaban calados o berro de Millán Astray na Universidade de Salamanca, -¡Muera la inteligencia!- agrediron ao sabio. ¿Por que? Pois por puro racismo. Si. Aos agresores non lles gustaba o país do que viña, nin a súa raza, nin a súa cultura, nin a súa xente, nin a súa historia, nin o seu goberno. Si, pegáronlle porque non lles gustaba o goberno ao que debe pagar impostos. E non. Non era negro. Tampouco era xitano. Nin era árabe. Nin iraní. Era algo peor. Pero algo para co que o racismo latente integrado na sociedade occidental se amosa cada vez máis virulento e a maioría sileciosa cada vez máis calada. O enxeñeiro, o biotecnólogo, era xudeu.
.
¿Cal é a relación entre o científico o incidente da flotilla? Non a hai. El é israelí. Non importa ao que viñese, nin quen fose. Puro racismo dos antiracistas de boquiña. Pura violencia de pacifistas declarados. Puro fascismo de antifascistas. De momento, batallas perdidas como a obxectividade dos medios neste tema. Eytan Levy, así se chama el, desculpe, por favor.