Ribadavia exporá a mostra "Imaxes dun mundo perdido", patrocinada por Casa Sefarad-Israel e composta por fondos da institución Centropa cuxo fin é recompilar documentos relacionados coa diáspora xudía. Dita actividade enmárcase no semestre de presidencia da Rede de Xudarías que foi asumida pola cidade galega.
Fotos e testemuños dos sefardíes dos Balcáns nos albores do século XX compoñen unha mostra de sensible valor histórico e sentimental que en España apenas se expuxo en Madrid. O seu principal argumento é a diáspora dos Sefardíes balcánicos: Grecia, Serbia, Macedonia, Bulgaria e Bosnia, comunidades practicamente destruídas na súa totalidade durante o Holocausto e en gran parte ignoradas desde a guerra.
Casa Sefarad-Israel traballa no establecemento de lazos con estas comunidades que souberon conservar a lingua ladina durante séculos. Neste esforzo realizáronse varias viaxes de campo, promoveuse en Madrid (outubro 2009) un encontro cultural e institucional con representantes das principais comunidades sefardíes do oriente europeo, e fundouse unha plataforma de encontro denominada Erensya.
A exposición ficará aberta para o público galego en Ribadavia entre os días 26 de maio e até o 30 xuño, no Centro Cultural da Magdalena no fermosísimo Barrio Xudeu de Ribadavia.
Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI, queremos publicamente felicitar tanto ao Concello de Ribadavia como á Casa Sefarad-Israel por facer posíbel a estadía en Galicia desta fermosísima e emotiva exposición.