Por Raphael Schutz.
Embaixador de Israel en España
A paz na nosa rexión é desde hai décadas un dos anhelos da comunidade internacional e da sociedade israelí, unha aspiración que fixeron súa os diferentes gobernos de Israel. Mentres que os esforzos de Israel dirixidos a alcanzar a paz con Exipto e Xordania concluíron coa firma de tratados de paz, todos os intentos de obter un acordo negociado cos palestinos fracasaron pola oposición dos seus líderes. O rexeitamento dos dirixentes palestinos de calquera proposta de paz obriga a cuestionarse sobre a súa vontade de alcanzar unha paz negociada. O exemplo máis recente é a negativa palestina á continuación das negociacións de paz desde as eleccións celebradas en Israel a principios de 2009. As negociacións foron suspendidas unilateralmente polos palestinos, e todas as propostas israelís para renovalas foron rexeitadas pola Autoridade Palestina. De nada serviron as iniciativas israelís para desbloquear a situación.
No seu discurso na Universidade Bar-Ilan (14 de xuño de 2009), o primeiro ministro Netanyahu expresou claramente a súa aceptación do establecemento dun Estado palestino a carón do Estado xudeu para que ambos vivan en paz e seguridade. Nese discurso, Netanyahu exhortou á Autoridade Palestina a renovar inmediata e incondicionalmente as negociacións para concretar a visión de «dous Estados para dous pobos». O negociador xefe palestino, Saeb Erekat, opúxose a reiniciar as conversas. O goberno de Israel puxo en práctica medidas importantes destinadas a mellorar o clima político na rexión. Entre elas cóntanse varias disposicións encamiñadas a facilitar a liberdade de circulación dentro de Cisxordania e tamén entre Cisxordania e Israel, así como a cooperación cos palestinos en materia de seguridade. Ademais de mellorar a calidade de vida da poboación palestina, estas medidas facilitaron un forte desenvolvemento económico. A nova situación xurdida por mor destes cambios, o cesamento da violencia terrorista desde Cisxordania, e un esforzo de xestión económica das autoridades palestinas, fixeron posible que a economía de Cisxordania estea a crecer este ano un 8%, segundo o Banco Mundial.
A pesar de que a vida en Cisxordania mellorou moi notablemente por mor destas iniciativas israelís, os dirixentes palestinos alimentan unha campaña internacional destinada a deslexitimar a Israel, danar a súa economía e debilitar a súa capacidade de defenderse. O Goberno israelí aprobou o pasado novembro a paralización durante dez meses da construción de vivendas nos asentamentos de Cisxordania. Como indicou Netanyahu, a medida está «destinada a propiciar a continuación das negociacións», e a brindar «unha oportunidade para avanzar no camiño da paz». Tamén esta decisión foi criticada polos dirixentes palestinos, que rexeitaron calquera forma de negociación con Israel. Como xa se sinalou, esta oposición palestina a lograr a paz non é un fenómeno novo; de feito, Abba Eban, ministro de Exteriores de Israel, hai xa algunhas décadas acuñou a famosa frase «os palestinos non perden a oportunidade de perder unha oportunidade». Desde entón, abundan os exemplos. A firma dos acordos de Oslo (1993) e as negociacións posteriores auguraban unha solución pacífica do conflito palestino-israelí.
A comunidade internacional e, o que é máis importante, unha maioría da sociedade israelí, creron que o camiño cara á paz era irreversible. Con todo, a principios de 1996 prodúcese a peor onda de atentados terroristas palestinos contra civís israelís, con centos de mortos nunhas poucas semanas. En 2000, en Camp David, no cumio patrocinado por Bill Clinton, Arafat négase a asinar o acordo longamente negociado e desencadea a segunda Intifada, e unha onda de atentados terroristas. Poucos meses despois (Taba, 2001), nun novo cumio co presidente de Exipto, Hosni Mubarak, como anfitrión e coa participación de Clinton, Arafat escenifica ante o mundo o seu rexeitamento de última hora a un acordo pactado. En 2005, retirada de Gaza, desmantelamento de asentamentos e saída de todos os civís israelís da franxa. A resposta palestina: lanzar foguetes e mísiles desde Gaza contra a poboación civil israelí. Preto de dez mil lanzados en tres anos. Ao parecer, os terroristas palestinos (non só de Hamás) converteron a tan reivindicada fórmula «paz por territorios» en «bombas por territorios».
En 2008, Ehud Olmert presentoulle ao presidente da AP, Mahmud Abbas, unha oferta de paz sen precedentes. Abbas rexeitouna declarando unhas semanas despois que o fixo porque «as diferenzas eran demasiado grandes». Abbas continuou: «Esperarei a que Israel conxele os asentamentos... até entón, en Cisxordania temos unha boa realidade... a xente leva unha vida normal». Unha das materias pendentes dos dirixentes palestinos é abandonar o discurso maximalista. É imprescindible que adopten un discurso realista e pragmático capaz de concienciar á sociedade palestina de que para alcanzar a paz con Israel deberán renunciar a parte dos seus soños. Só un líder disposto a iso poderá asinar un acordo entre ambos pobos. Desde hai anos, a sociedade israelí asumiu que a paz só se alcanzará con renuncias dolorosas. O Goberno de Israel xa demostrou, de palabra e polos feitos, o seu compromiso de promover a paz. Do mesmo xeito que os gobernos que lle precederon, está disposto a negociar e a facer concesións, mesmo difíciles. Os dirixentes da Autoridade Palestina pretenden lograr a paz sobre a única base dos seus propios termos, néganse a negociar. Sería unha verdadeira traxedia que os líderes palestinos escollesen unha vez máis o «todo ou nada» e que rexeitasen alcanzar un tratado que permita a ambos pobos vivir en paz e seguridade.
Artigo publicado no xornal ABC 27.01.10