09/11/09

Un 9 de Novembro: A noite dos cristais


A noite do 9 de novembro de 1938, comezou o máis brutal dos ataques perpetrados na historia moderna alemá contra os xudeus. Desde entón coñécese como a Kristallnacht ou a Noite dos Cristais e con este nome refírese á onda de violentos progroms anti-xudeus que ocorreron o 9 e o 10 de novembro de 1938 por toda Alemaña, a anexada Austria, e as áreas dos Sudetes de Checoslovaquia nesa época recentemente ocupadas por tropas alemás. Instigada primariamente polos oficiais do Partido Nazi e membros da SA (Sturmabteilungen ou os gardas de Asalto) e a Mocidade Hitleriana, A Noite dos Cristais, debe o seu nome aos fragmentos de vidros rotos que cubrían as rúas alemás.


Foi desencadeada polo ministro de propagando de Hitler, Joseph Goebbels. O pretexto foi o asasinato de Ernst Von Rath, un oficial da embaixada alemá en París morto por un mozo polaco de dezasete anos, Herschl Grynszpan, desequilibrado pola expulsión da súa familia e outros 15.000 xudeus de orixe polaca que foron deportados sen aviso previo á fronteira polaca, o 27 de outubro. Goebbels incitou á poboación alemá a vingarse con sangue dos xudeus polo atentado de París. Tratou de facer pasar o ataque como un levantamento espontáneo da multitude contra a poboación xudía.

O vandalismo con que foron agredidos os cidadáns, os negocios, as vivendas e as sinagogas foi perversamente destrutivo. 267 sinagogas foron incendiadas e 177 delas totalmente destruídas. Sete mil cincocentos negocios completamente danados. E o máis grave, o saldo de xudeus mortos foi de 91, en tanto que 20.000 foron arrestados e trasladados a campos de concentración. Moitas sinagogas arderon toda a noite, a plena vista de quen quixera velo e dos bombeiros, que recibiran ordes de intervir só para impedir que as chamas se estendesen a edificios próximos. Membros da SA e a Mocidade Hitleriana esnaquizaron as vitrinas de aproximadamente 7.500 establecementos comerciais de propiedade xudía e saqueáronos por todo o país. Os cemiterios xudeus tamén foron particular obxecto de profanación en moitas rexións de Alemaña.


A Noite dos Cristais cobrouse as vidas de polo menos os 91 xudeus entre o 9 e o 10 de novembro. O arquivo policial do período documenta que un alto número de violacións e suicidios ocorreron con posterioridade aos disturbios. A opinión pública fóra de Alemaña quedou impactada e indignada, xerando unha publicidade extremadamente negativa. A prensa e a radio afirmaron que a Alemaña hitleriana debía ser illada das nacións civilizadas. A opinión pública alemá mostrouse tamén fortemente impactada, había unha moi forte desaprobación polo ocorrido, a maioría dos cidadáns parecía obxectar o desenfreado e gratuíto vandalismo utilizado na destrución da propiedade privada. Con todo non houbo moitas protestas polos decretos que continuaron aos atentados e que fomentaron a crecente arianización e creación dunha vida alemá económica libre de xudeus.


Un artigo do New York Times, desa época comentaba os feitos ocorridos con estas palabras. " O que ocorreu aquí significa moito máis que a traxedia dos xudeus. Significa que millóns de persoas que detestan tales brutalidades perderon a súa forza e posibilidade para protestar. . . Aquí medra, no corazón de Europa, nun país antes civilizado un perigo para a civilización do mundo enteiro".


Todos os actos posteriores perpetrados polo nazismo instalaron niveis de violencia e horror a nivel masivo inéditos na historia da humanidade, o xenocidio ao que sometido o pobo Xudeu con toda unha historia de sufrimento ás súas costas tampouco tivera precedentes. Aínda que o nazismo foi derrotado, o acostumbramiento e a tolerancia coa que a humanidade asume e acepta actos intolerables contra a condición humana demostran que os valores negativos propiciados polo nazismo en gran medida triunfaron.