Por Pablo Veiga López. (Lugo) é socio de AGAI
.
Por fin volvín á casa de onde saiu o meu avó en 1.948, moi preto de Tel-Aviv. Israel deixou de existir. Os árabes derrotaron definitivamente aos xudeus. Agora, en toda Palestina, goberna unha coalición entre Hamas e Yihad Islámica. Arrasáronse sinagogas, destruíronse millóns de hectáreas de terra cultivada, os Kibbutzs foron abandonados –xa non producen nada-. Os mellores médicos marcharon. Hospitais e centros de saúde carecen de mediciñas e equipamentos. Nas escolas, ensínase o corán. Os profesores tamén fuxiron. Só se utiliza o árabe. As nenas teñen que ir con velo e sepáranas dos nenos. O goberno pechou as discotecas. Nas rúas, os noivos non poden collerse da man, nin bicarse... Os homosexuais son encadeados. As rapazas non poden vestir de forma "indecorosa", nin practicar deporte. Existe unha policía controlando que se cumpran as "normas morais" ditadas polos mulás. Na televisión non se emiten programas estranxeiros. Están prohibidas as antenas parabólicas, así como as conexións a internet. As publicacións de revistas, xornais, as emisións de radio e televisión teñen a obriga de pasar o filtro da censura gobernamental. Grandes escritores, intelectuais e profesionais de distintos ámbitos tamén deixaron a súa terra, xa que eran perseguidos, torturados e, incluso asasinados. Nalgúns lugares, aplícase a sharia. Xa se mataron mulleres a pedradas por adulterio ou por manter relacións antes de casar. A pena de morte está legalizada. Os xuizos carecen das máis mínimas garantías para os procesados. Danse casos de desaparecidos.
Esperto. Son as sete da mañá. Estou na sala de espera dun hospital en Xerusalén. Chámome Hussein, vivo en Nazareth. Traballo como taxista. Estou casado; a miña muller está empregada nun hotel da cidade. Temos unha nena de catorce anos e tres fillos varóns; o maior é economista e traballa no ministerio de industria. O mediano, xoga nun equipo de fútbol da primeira división e xa foi convocado coa selección de Israel. O pequeno, ten vinte anos. Hoxe por fin puideronlle facer un transplante de ril –levaba seis anos recibindo diálise-. A operación foi un éxito. Houbo compatibilidade esta vez. O equipo dirixíao un médico árabe. El mesmo, xunto a dúas enfermeiras xudías, deume a boanova onte pola noite.
Tiven un soño, un auténtico pesadelo. Pero foi iso, un soño. O meu fillo menor en breve recibirá a alta.
pveigalopez@yahoo.es