12/09/09

Sobre galenos xudeus en Ourense


Sobre galenos xudeuos en Ourense (A propósito da X Xornada Europea da Cultura Xudía, 6-9-2009)

Por David Simón

Celebrouse o pasaso domingo 6 de Setembro de 2009 a X Xornada Europea da Cultura Xudía, con actos organizados en moitos lugares de España, entre eles Galicia, con distintos eventos en Ribadavia, en Monforte de Lemos e Tui (ver 1 e 2)

Apuntarei algúns datos ou referencias a galenos xudeus que exerceron ou andaron polas nosas terras ourensás en séculos pasados. A práctica da medicina foi considerada sempre coma unha das actividades socio-profesionais preferidas pola poboación hebrea. E, certamente, son moi raras as comunidades xudías hispanas nas que non figuren algúns dos seus membros desempeñando o oficio de físico/médico, cirurxián ou veterinario.

En Ourense a investigadora Gloria de Antonio documentou a presenza, entre outros, dos médicos Salomon, xudeu "físico", no testamento do conde de Ribadavia, ou a de Don Yuda, "fisyco que era do duque d´Arjona"; do cirurxián «Rab Yuda çurigiano», que foi requirido en Ourense para sanar a Alvaro Paradela "que estava mortal e tal que a seu crer estava perigoso, que o tomava e tomou cargo de curar". 3 e tambien 4

Pero tamén hai datos de medicos xudeus na zona de Castro Caldelas como Juan de Guadalupe, personaxe histórico orixinario de Castro Caldelas que foi médico dos Reis católicos (investigado polo xenealoxista vasco-ourensán Antonio Valcárcel: 5

Outros ourensáns estudiosos da cultura xudía son o historiador medievalista Anselmo López Carreira e o arquitecto Emilio Fonseca Moretón, pero seguro que hai máis que descoñezo. A presenza de comunidades e médicos xudeus en Ourense-Galicia mantívose até 1492 para logo perderse na noite dos séculos até primeiros do século XX. Entre 1905-1097 polo menos dous médicos dentistas xudeus "operaban" na cidade de Ourense: un xudeu ruso apelidado Dainoff, e outro que se asocia con el chamado Simeón Kúper, tamén médico dentista xudeu nacido en Rusia en 1879. Ao redor de 1907 Kuper estableceuse pola súa conta en Vigo, onde abriu a súa propia clínica, que foi unha das primeiras de España en estar dotada con aparellos de Radioloxía.

Tras Siméon Kúper chegaría a súa familia politica a Pontevedra, a familia Zbarsky, onde tamén se dedicaron á odontoloxía. Varios dos Zbarsky foron foron fusilados polos fascistas en 1936. Simeón, a súa irmá Elisa e o seu sobriño Elías Zbarsky, foron encarcerados e intercambiados a finais de 1938 polos familiares dun importante militar, posiblemente do xeneral Sanjurjo. Os liberados foron trasladados a Barcelona e en 1939 marcharon a Moscova, onde se reuniron todos os familiares sobreviventes. Descoñecemos a día de hoxe máis datos sobre os xudeus rusos "ourensáns" Dainoff.

Dos Zbarsky xa sabiamos algo por vía de Xosé Luís Méndez Ferrín que os cita nalgún dos seus poemas (creo que no seu libro "Estirpe"), pero a verdade é que todo este periplo destas familias de médicos rusos xudeus na Galicia do primeiro terzo do século XX e en concreto na Guerra Civil, foi moi ben estudado por alguén alleo a Galicia -e del tomei os datos-. En concreto polo Doutor Miguel Marco, un neurologo catalán (de orixe maña) afeccionado á historia da medicina e que ven de publicar o seu traballo na revista Medicina e Historia: MIGUEL MARCO IGUAL: Os MÉDICOS REPUBLICANOS ESPAÑOLES EXILIADOS NA UNIÓN SOVIÉTICA (MEDICINA E HISTORIA, Nº 1, 2009). 6

Tras os días de morte e de exilios na Guerra Civil española, pérdensenos xa de novo as referencias bibliograficas ou de arquivos con datos de galenos xudeus en Ourense. Estou seguro de que algún día aparecerán máis. A verdade é un tema que me atrae por motivos moi persoais. O meu apelido e a comarca das miñas orixes familiares (zona limítrofe de Zaragoza-Teruel -arredores de Daroca-) son claro territorio e apelido de orixes xudeu-conversos.

Lembrando á cultura xudía e á súa historia de exilios e persecucións, percorrín hai poucas semanas (comendo falafel e strudel en postos de comidas) o barrio xudeu de París, na zona de Les Marais. En moitas casas e rúas hai placas e inscricións que dan testemuño dos veciños xudeus do barrio (moitos deles nenos) deportados aos campos de concentración nazis durante a ocupación de París polo exercito de Hitler durante a Segunda Guerra Mundial (que principiou o 1 de Setembro de 1939 xusto hai 70 anos e 3 días).

1 http://ruaxudea.blogspot.com/

2 http://www.ribadavia.net/esp/patrim/barrio_judio.htm

3 http://www.tarbutsefarad.com/index2.php?option=com_content&do_pdf=1&id=2022

4 http://e-spacio.uned.es/fez/eserv.php?pid=bibliuned:20793&dsID=judios_galicia.pdf

5 http://www.degalicia.org/planetagalego/?p=348

6 http://www.todoslosnombres.org/doc/investigaciones/investigacion82.pdf

Publicado en Diario de un Médico de guardia