18/09/09

Receita de Rosh HaShaná


A nosa amiga Débora Chomski comparte connosco unha saborosa receita de Rosh HaShaná, o aninovo xudeu, do seu recente libro "Cocina Judía para celebrar la vida" (Ediciones Trea, 2009).
.
Pan de Rosh HaShaná (jalá agulá)
.
O pan que se bendí e consome no aninovo xudeu é un pan trenzado doce en forma de coroa, que simboliza o ciclo da vida e a coroación do ano que principia. Denomínase en hebreo jalá agulá.
.
Ingredientes
500 g de fariña tamizada
120 g de azucre
2 ovos, 2 xemas de ovo
3 culleredas de aceite ou 100 g de manteiga derretida
10 g de sal
40 g de fermento
200 ml de leite morno
150 g de uvas pasa
1-2 claras de ovo para glasear
Sementes de mapoula ou de sésamo para decorar
.
Preparación
.
Nun recipiente, mesturar o fermento con 30 g de azucre, 1 cullerada da fariña e 100 ml de leite. Deixar fermentar cubrindo cun papel filme (ou papel de plástico de cociña), Mentres tanto, formar un volcán coa fariña e o azucre restante. Bater ben os ovos coas dúas xemas. Botar os ovos e a manteiga derretida no interior do volcán. Mesturar os ingredientes con coidado ate que se mesturen. Engadir o fermento fermentada e mesturar a preparación. Se é preciso, incorporar o leite restante.
.
Amasar coa man durante 10 minutos aproximadamente formando un bolo. Deixar repousar nun recipiente, cubríndoo cun trapo de cociña limpo. Debe dobrar o seu volume. Cando haxa leudado, incorporar as uvas pasas á masa e integralas amasando novamente a masa. A continuación separar 3 anacos e amasar en forma de tiras do mesmo tamaño.
.
Trenzar as tres tiras. Obtense unha trenza grande. A continuación únense os dous extremos e péganse cun pouco de auga. Queda en forma de coroa. Pintar a peza con clara batida e decorar coas sementes de sésamo ou mapoula. Untar con aceite unha placa de forno. Cocer en forno precalentado a 180 graos durante 30 a 40 minutos, ate que a superficie fique ben dourada.