Viñeta -unha das moitas- militantemente antisemita publicada no xornal El País. Sen eufemismos, "os xudeus controlan as finanzas e o mundo".
Viñeta publicada no xornal Público, ranciamente antisemita, sen eufemismos, os "xudeus mataron a Cristo".
Por Afonso Vázquez-Monxardín
La Región - 11.08.09
Para subir á fortaleza de Masada, no sur do Mar Morto, alá onde os xudeus resistiron uns aniños despois de que os machacasen os romanos nunha das súas últimas sublevacións hai uns dous mil anos, existen dúas posibilidades. Unha inhumana, derreterse rubindo e agatuñando polas arestas das pedras calcáreas arriba, e outra moderna, ascender suavemente nunha cabina de teleférico. Dado que a temperatura no verán alá anda case sempre polos corenta e cinco graos centígrados ou así, recoméndolles, claro, a opción conservadora. Pois no lugar onde sae o teleférico, xusto no mesmiño cu do mundo, hai un centro comercial que aproveita a presenza importante, que non masiva, de turistas. E nese centro hai unha franquicia de Ahava. ¿Ahava? Si. Ahava é unha liña de produtos de coidado persoal –potingues, sales, cremas, exfoliantes, con perdón, locións, xampús, mesmo lodos do Mar Morto- que teñen moitísima fama no mundo. Todos os beneficios apostos ás augas do defunto e caldoso mar interior, concentrados para a venda en cómodos botes e tubos de plástico.
Pois alí, na tenda esa, hai un inmenso panel con bandeiriñas. E eu que son seguidor daquelas dúas páxinas en papel satinado e en cores coas bandeiras de todo o mundo que viñan na vella enciclopedia de Álvarez, pois púxenme a miralas para identificar. Eu, como faría vostede, fíxeno coa maioría: Francia, Alemaña, Italia, Inglaterra, Estados Unidos, Grecia… pero ¿Armenia? ¿Xeorxia? Aí xa me perdía eu… E reparei no texto en inglés: “Lugares onde pode encontrar os produtos Ahava”. E mirei ben e de Europa, só faltaba España. Ata Turquía e Rusia estaban. Eu, estrañado, pregunteille o porqué á falangueira encargada –xudeo-arxentina, claro- e díxome: “Pregúntele a los españoles”. Sentín vergoña.
Porque efectivamente, o país con menos xudeus de Europa, o país que máis sufriu os atentados do terrorismo islamista –lembremos o 11-M e os de Casablanca- é curiosa e parvamente, o país máis antisemita da zona. O que inclúe, pásmense, contactos comerciais. Non logrei sequera encontrar unha guía de Israel ou de Xerusalem nas librarías de Ourense.
Non é que se lle negue a razón no seu conflito territorial, inténtaselle negar a palabra e a posibilidade de argumentación, como aconteceu o outro día cando veu o embaixador de Israel a Coruña e uns gamberretes estaban de estafermos alí berrando na entrada. Pero tamén é a actitude dominante nos medios de comunicación principais, onde incluso se ocultan cousas. Hoxe no telediario vin noticia dunha actuación do director Baremboim en Madrid á fronte da súa orquestra multiétnica, fundamentalmente israelí-palestina, e definírono como “o director arxentino”. Manda trunco na Habana. Que é xudeu, que ten a nacionalidade israelí –e a de honra palestina- , que en Israel é persoa polémica, nada de nada. Hai que ter coidado, porque da ocultación da verdade á mentira só hai unha delgada liña vermella. Así se poden explicar porque cando foi os últimos espantosos combates entre Hamas e Israel en Gaza, algúns seguimos a información polo “world service” da BBC. Por iso do equilibrio.