A comunidade xudía española, formada na actualidade por uns 40.000 membros, prepárase para celebrar a partir deste venres 29 de Maio a festa de Shavuot até a caída da tarde do sábado 30 de Maio.
Shavuot ou Pentecostés atópase entre as festas comunitarias de carácter festivo, alegre, do calendario xudeu. Ten unha dobre vertente: agrícola ou da sega, na que o agricultor ofrece os primeiros froitos da terra, e a conmemoración da entrega da Toráh, no monte Sinaí. A palabra "Shavuot" en hebreo significa "semanas", é dicir, foi unha espera de 7 semanas para recibir a entrega da nosa sacra Toráh, anhelando cada día a súa chegada. Este día foi o encontro entre o pobo xudeu e Deus. Por tanto, a partir dese momento, os valores relativos toman un carácter de valores absolutos, a ética e a espiritualidade adquiren unha dimensión divina. Shavuot tamén significa xuramento: o que Deus e o pobo xudeu fixeron nun acordo mutuo de non separarse o un do outro.
Como se celebra
Na diáspora celébrase durante dous días e en Israel só 1. Na noite de Shavuot, acostúmase a estudar a Toráh durante toda a noite. Na mañá da festa rézase unha oración suplementaria (Musaf), e no rezo da tarde, lese o poema das Azarot, que consiste nos 613 preceptos (Mitzvot). Ao lembrar a entrega das táboas da Lei tamén lese o Libro de Ruth, unha moza moabita que ao morrer o seu marido xudeu decidiu trasladarse ao país da súa familia política, xa que ela demostrou o seu amor á Toráh, cando lle dixo a Noemi (a súa sogra) "O teu pobo é o meu pobo e o teu Deus é o meu Deus". Ruth fundou a linaxe do rei David.
Costumes
En Shavuot afaise consumir alimentos lácteos. Existen varias explicacións:
1. Deus dixo ao pobo que debían purificarse e deu as instrucións sobre como matar os animais para o seu consumo. Como a revelación foi en Shabat non mataron ningún animal, decidiron alimentarse só de leite e dos seus derivados.
2. A palabra leite en hebreo é jalav e segundo a Cábala correspóndelle o valor numérico 40 e simboliza os 40 días que Moisés estivo no monte Sinaí estudando a Toráh recibida de Deus.
3. O leite é símbolo de pureza e ademais é o alimento dos bebés. A súa inxestión simboliza que non importa o moito que un estude a Lei; sempre se é como un neno fronte ao que queda por aprender.
Se algún medio estivese interesado en máis información ou complementala con algunha entrevista, non dubide en porse en contacto con:
María Royo
Centro de Prensa e Comunicación da Federación de Comunidades Xudías de España 91 446 62 32 e 691 477 880