Por Manuel Molares Do Val
Israel está a cometer graves erros na súa guerra contra os terroristas en Gaza: mata a inocentes tras os que se escuda Hamás e tarda demasiado en rescatar e evacuar a palestinos feridos, para evitar que os seus soldados caian en rateiras preparadas polos seus inimigos. Son erros que aproveita propagandísticamente Hamás, que evita que se fale do seu terrorismo: antes masacrou á Autoridade Nacional Palestina, e aínda segue fusilando a disidentes, denuncia a propia ANP; Abú Mazen debeu de informar destes crimes a Zapatero na súa visita á Moncloa. Que nas televisións só se vexan palestinos ensanguentados é unha mostra de que Israel perdeu a capacidade de propaganda que lle atribúen tanto os nazis como a esquerda romántica e radical, nai á vez do fascismo e do estalinismo. Porque Israel é incapaz de divulgar o seu punto de vista, cando debería lograr que se coñecese masivamente a orixe do conflito.
Debería verse como Hamás dispara constantemente, aínda hoxe, foguetes e morteiros cara a Israel desde as escolas, mesquitas e vivendas de Gaza. Ataques gravados polos zeppelines e avións espía israelís, e cuxas imaxes só comezaron a divulgarse ordenadamente en Youtube, na canle "Idfnadesk", o 29 de decembro. Nelas vense os lanzamentos desde edificios habitados, e como, tras a resposta israelí limitada ao momento de ataque con enorme precisión, estouran en cadea as construcións próximas: porque debaixo están os túneles con polvoreiras sobre os cales vivían persoas quizais descoñecendo que estaban sobre o inferno. Este é outro gran erro de Israel: non conseguir popularizar a canle cuxas gravacións, ademais, están só en inglés. Aínda que Israel ten xa perdida a guerra da propaganda, e a pesar de tantos palestinos mortos polas polvoreiras de Hamás, eses vídeos deben verse.