17/01/09

Con Israel, a lei do funil


.
Ninguén cun mínimo de humanidade pode manterse indiferente diante da morte de inocentes, menos ainda se son nenos que exhiben pola TV á hora de xantar. Si non saes pola tele, non existes. Por iso paréceme moi inxusto que das 200 guerras que hai no mundo, mediáticamente só interese unha. E dese conflito que tanto interesa, por riba das masacres de kurdos, tibetanos, chechenos, tamiles, saharauis, tutsis ou sudaneses, chámanme poderosamente a atención dous aspectos. Un, que acapara máis cota presencial nos medios que todos os demáis conflitos xuntos, por moitos centos de milleiros de mortos que neles se rexistren. E dous, que unha das partes en disputa –os palestinos– lévase toda a solidariedade da opinión pública (ou alomenos da publicada) deste país, pero só cando morren en enfrontamentos cos israelíes. E, senón, que alguén amose os ríos de tinta, os minutados televisivos, as manifestacións multitudinarias, as acusacións de xenocidio, as denuncias do uso desproporcionado da forza, as resolucións da ONU… de cando os palestinos foron masacrados por palestinos, por árabes e/ou por islamistas. Hamás gañou unhas eleccións con tantos partidos en liza e garantías democráticas e de sufraxio universal como cando Franco mandaba por aquí, pero tanto ten; Occidente dixo que amén e punto. Tamén Hitler gañou as eleccións e o dictador de Ferrol fartouse con resultados de máis do 100% ao seu favor. Hamás deu un golpe de Estado, un detalle moi feo polo que en calquera pais civilizado tes que responder.
,
Pero eles expulsaron ao único outro partido existente e masacraron, segundo o informe de Amnistia Internacional, a máis de 300 irmáns palestinos, incluidos mulleres e nenos. Isto foi antesdonte, pero non lin ningún artigo chamándoos parri-xenocidas. No verán de 2007, o exército libanés empregouse de forma desproporcionada contra o campamento que administraba Fatah-Al Islam en Nah al Bared, preto de Trípoli e bombardeou durante semanas aos seus 10.000 refuxiados palestinos. Ninguén esixiu un stop ao xenocidio, nin treguas, nin reunións da ONU.Quen me pode aportar artigos de opinión ou campañas mundiais condenando por xenocida ao rei Hussein de Xordania que en setembro de 1970 masacrou a entre 10.000 e 15.000 palestinos, segundo datos da nada sospeitosa UNWRA? Por certo que Arafat creou logo o grupo terrorista Setembro Negro para vingarse dos xudíos. Ninguén condenou ao monarca, pero en 38 anos ben puido alguén xulgar e condenar ao xenocida, non? Así e todo, agora o importante é a paz canto antes.
Artigo publicado no Xornal de Galicia - 19.01.09