Os xudeus andan moi adiantados. Hai uns meses, o 29 de setembro, celebraron o Rosh Hashaná, o día do novo ano que para eles é xa o 5769 pois empezan a contar no mesmiño momento en que seica Deus creou a Adán e Eva e con iso concluíu a creación que moi eficazmente empezara só uns días antes. E nestas datas que corren arestora están tamén eles de festa. Non do Nadal, obvio, pero si da Janucá na que celebran a vitoria sobre os invasores helénicos no século II a.C dos Macabeos –seguidores de Yehudá Macabi, famosos pola súa preparación física e de onde toma nome o equipo de baloncesto de Tel Aviv-. A partir deste día, que este ano cadrou a 22 de decembro, comezan a acender, un a un, os sete brazos da Menorá en lembranza do milagre da duración do aceite da lámpara unha semana mentres non topaban outro despois da reconquista do Xerusalém arradado. Os xudeus interpretan esta data como o triunfo da cultura do deber da persoa coa sociedade, historia e humanidade fronte á cultura helenística hedonista do puro goce da vida. E traio a colación esta festa que celebran estes días para que nos lembremos de Siderot. Os amigos de Israel debemos facer un oco nuns medios que normalmente só ven o conflito por un ollo para tratar de proxectar unha visión máis plural, única forma de conseguir avanzar no camiño da paz, pois se pensamos que a “culpa” é só duns, debería ter razón o presidente de Irán e habería que usar a bomba atómica que desexan sobre Israel, varrelo do mapa, e instaurar no seu territorio un goberno islamista á súa imaxe e semellanza. Deses que colgan a gays, lapidan a adúlteras e onde só os varóns moi ricos poden ter vicios occidentais. E parece que non deben de ir por aí os tiros.
Tiros. Lembremos Sderot. Esta fin de semana caeron sobre este lugar dentro do territorio israelí e próximo á faixa de Gaza, 50 cohetes Qssam. No que foi de ano desde xaneiro ata o trinta de novembro, segundo os datos do meticuloso exército israelí, choveron nos lugares israelís veciños a Gaza, sobre todo en Siderot e Asqelon, 1.212 cohetes e 1.290 bombas de morteiro. En conxunto, desde a retirada israelí de agosto de 2005, levaban recibido a novembro deste ano, 3.123 cohetes e 2.290 bombas de morteiro. Case cinco mil cincocentos regaliños. Non parece a mellor forma de arranxar problemas despois do camiño aberto por Israel coa retirada de Gaza e Cisxordania. E mentres en occidente a opinión pública parece que só esixe cousas a unha parte e a outra deixa as mans libres. Con esas mans é coas que se disparan os Qssam sobre Sderot. E iso deben, os amigos dos palestinos, tratar de paralo para darlle unha oportunidade á paz.
Desexemos que no ano 5769 duns, no 1430 doutros (este ano islámico empezará o 29 de decembro) ou no 2009 noso, haxa paz e coza o forno pan para todos. En Siderot, en Gaza e en cada un dos catros barrios, árabe, xudeu, cristián e armenio, do Xerusalem vello, capital espiritual da humanidade. ¿De acordo?