13/08/08

Curso de Verán "60 anos de Estado de Israel". Intervención de Alona Fisher-Kamm

De seguido continuamos as crónicas que do pasado Curso de Verán "60 anos do Estado de Israel" e organizadas por ACOM (Acción para la Concordia en Oriente Medio), Casa Sefarad-Israel, Embaixada de Israel e Universidade Rey Juan Carlos I, tiveron lugar entre os días 7 e 11 de Xullo.

Relacións bilaterais hispano-israelíes.

Alona Fischer-Kamm
Ministra Conselleira da Embaixada de Israel en España

Coma complemento da conferencia inaugural de Jose Antonio Lisbona, un dos maiores expertos españois en relacións bilateráis hispano-israelíes, a Ministra Conselleira da Embaixada de Israel en España, dona Alona Fischer-Kamm, fixo unha valoración das mesmas dende o punto de vista israelí.

A intervención de Fischer-Kamm baseouse en sete punto básicos que, ao seu entender, marcaran a orixe e a evolución das relacions entre ambos Estados. En primeiro termo, coincidindo coa análise de Lisabona, esta relación destaca polo tardío do seu comenzo, xa non con respecto do resto de Europa, senón de todo o mundo. A Ministra Conselleira ilustrou a anormalidade desta tardanza sinalando que, no momento no que España e Israel se recoñeceron mútuamente, Israel xa contaba con relacións diplomáticas con Exipto e, o que incluso con Alemaña.

En segundo lugar, quixo sinalar o feito, ao seu entender non dabondo valorado, de que o recoñecemento de Israel viñera da man dun Goberno de cor socialista, nun momento no que, ademáis, en Israel gobernaba tamén a esquerda. Así, o feito de que fora o PSOE, e non UCD, quén procedera a dar o paso do recoñecemento, non debería ser visto coma un feito baladí, senón que, en parte, obedecería a unha vinculación, por aquelas datas aínda non tan deteriorada, entre a corrente socialista española e o sionismo socialista que fundara Israel. Por desgraza, coma tamén sinalou a poñente, esta relación non tardou en resentirse pola mala imaxe que a política israelí tiña a ollos dunha nova xeración de europeos que xa non tiveran coñecemento directo do que é vivir en guerra e, por outra banda, polas mudanzas na esquerda europea en relación a Oriente Próximo e o mundo árabe en xeral.

Un terceiro elemento a ter en conta é a importancia da cultura. Así, Fischer-Kamm apuntou ao feito de que a imaxe que os israelíes teñen de España non depende do escenario político de cada momento. Tal e coma outros poñentes, coma a bailadora dona Silvia Duran, desvelaron ao longo do curso, a imaxe que en Israel se ten de España pode ser, nalgúns ámbitos, en exceso folclórica, cos iconos do flamenco e da cultura andaluza que, durante décadas, amosáronse coma sinónimo de hispanidade, máis en absoluto é mala, e mesmo hai nestes momentos un interese crecente en todo o que teña vinculación con España, comenzando polo propio idioma. Alona Fisher-Kamm valeuse dun exemplo moi gráfico para definir a situación actual; nas súas palabras, “en Israel xa temos praia; cando un israelí ven a España busca outra cousa”. Neste punto, sinalou o interese constante cara a cultura sefardí, o cal motiva a numerosos cidadán israelíes cada ano a visitar a terra dos seus antergos na procura das súas orixes. Por outra banda, había un movemento de israelíes sen vinculación coa cultura sefardí que estaban interesados en España coma exponente de modernidade en temas tan diversos coma o arte, a moda ou a gastronomía. En total, case 250.000 israelíes chegan cada ano a España, nun mercado turístico que, en parte, aínda está por explotar, e máis ainda se temos en conta que as vacacións israelíes non coinciden coas do resto de Occidente.

En contraposición a esta situación, Fischer-Kamm quixo sinalar que, en España, a cultura israelí si era xulgada sob o prisma da política. Ao seu ver, con demasiada frecuencia téndese a valorar as expresións artísticas da sociedade civil israelí en función das posición políticas de cada artista, e non polos valores intrínsecos que a súa obra puidera ter. Falando dos laureados e famosos escritores Amos Oz, David Grossman, ou Abraham B. Yehoshúa, resaltou que era sintomático dese clima de politización o feito de que estes escritores foran máis coñecidos polas súas críticas reiteradas ao Goberno que pola súa obra, maila a calidade desta. Asi mesmo, chamou a atención sobre o feito de que non se deran casos doutros escritores que non se posicionaran políticamente en público, ou ben que o fixeran para rachar unha lanza polo seu país, que acadaran o recoñecemento maioritario deste tres. Quixo tamén deixar moi claro que o éxito destes escritores, coma o de calquera creador israelí, era un orgullo para Israel en canto que contribuía a espallar a súa cultura polo mundo, máis fixo un chamamento a desvincular a política do Estado das creacións artísticas provintes da sociedade.

Un cuarto punto do seu análise constitúeo a influencia que ten en dita relación a inexistencia en España de comunidades xudías relevantes. A diferenza de Francia ou Reino Unido (con 600.000 e 300.000 xudeus, respectivamente), a comunidade xudia española é porcentualmente das máis reducidas de Europa, cunha cifra aproximada de 50.000 xudeus nun país de corenta e dous millóns de habitantes. Na liña do apuntado pola Ministra Conselleira, convén lembrar que o moi bó traballo da Inquisición conseguiu borrar calquera indicio de cultura xudía por un espazo de case cincocentos anos, e só durante o fugaz periodo da Segunda Repúlica, e xa coa instauración da democracia, o case inexistente xudaísmo que quedaba puido saír da clandestinidade. Por contraste, no resto de Europa, ate o capítulo negrísimo da Shoáh, existían comunidades formadas ao longo de todo o continente, e logo da matanza, nalgúns lugares foi posíbel recuperalas en parte. Fronte a esta tradición do xudaísmo coma algo que forma parte da actualidade da meirande parte das sociedades europeas, en España subsite un rexeitamente atávico contra todo o xudeu que, a diferenza de outros países, non é capitalizado contra as comunidades xudías locáis, senón contra Israel. Tamén, para coma complemento da súa apreciación, non se pode obviar que, se ben comunidades coma a madrileña, ou a Javurá de Valencia, por poñer dous casos, acadan hoxe en día unha visibilidade impensable só vinte anos atrás, o xudaísmo en España segue a estar marcado polo rexeitamento incosciente e, en todo caso, por un descoñecemento notorio.

Ligado con este elemento, o quinto dos puntos sobre o que versou a súa conferencia foi a dependencia da situación política á hora de establecer vinculos interestatáis. Fischer-Kamm considerou que a volubridade dos mesmos non era o correcto para dous países con máis de vinte anos de relacións bilateráis ás súas costas. En España, en contraste coa Francia de Sarkozy, non se concibe ter bóas relacións a un tempo con Israel e co mundo árabe, senón que a diplomacia española consiste nunha escolla constante na que, segundo os avatares, prímase máis unha ou outra relación. Neste punto, sen embargo, Alona Fisher-Kamm quixo facer fincapé no feito de que, tanto na Conferencia de Madrid coma na de Barcelona, España saíra reforzada no mundo árabe, e que a intención de España de capitalizar o seu arraigo no Magreb coma ponte entre Europa e a ribeira sur do Mediterráneo non era incompatible con manter fluídas relacións co Estado de Israel.

Relacións que, ao seu ver, caracterízanse porque, se ben son cordiáis, non acadan a intimidade que teñen con outro países europeos. Esta relativa frialdade ten coma principal expoñente as escasísmas visitas sectorías que as delegacións diplomáticas españolas fan ao pequeno Estado da outra beira do Mediterráneo, o cal resulta máis chocante por ser Israel o primeiro mercado de España en Oriente Próximo. A diferenza dos outros países de Europa, en España non existía o hábito de prantexar sinerxias en temas concretos (industria, medio ambiente, investigación,...) no que a colaboración de ambos países podería ser tan fructífera, co evidente prexuízo para ambos que iso provoca. Dous exemplos serviron para ilustrar que unha relación fluída non significa concordancia coas políticas do Goberno. O primeiro, o de Romano Prodi, que mentres gobernou Italia estivo en constante contacto co Goberno israelí, aínda sen estar de acordo. O segundo, e máis próximo no tempo, foi o de Nicolás Sarkozy que, coma Primeiro Ministro de Francia, interviu na Knesset cun discurso no que compaxinou a súa solidaridade coa sociedade israelí perante a ameaza do integrismo islámico coas críticas a determinadas políticas gobernamentáis, nomeadamente ao desenrolo das colonias, e que foi aplaudido pola cámara de representantes.

Neste punto, quixo facer fincapé nun elemento que está chamado a mudar as relacións bilateráis que ate agora estivo tendo Israel con cada país europeo, incluída España; o proceso de integración comunitario. Neste eido, todo parece indicar que os grandes proxectos de colaboración serán cada vez máis un asunto a tratar directamente coa Unión Europea, no canto de ir Estado por Estado, e que polo tanto é previsible que a situación actual mellore conforme os órganos interlocutorios sexan, cada vez máis, os comunitarios.

Para pechar o listado, Fischer-Kamm sinalou a gran diferenza que había entre a atitude da sociedade española e do Goberno, independentemente da forza política que ostentara o poder en cada momento. Para finalizar a súa intervención, sinalou coma un elemento negativo a introdución na política interna de España, a xeito de arma arroxadiza, as relacións bilateráis entre ambos Estados, coincidindo neste punto, de novo, coa apreciación feita por Jose Antonio Lisbona.

Unha crónica en exclusiva de O ruído dos días. O noso agradecemento