En setembro vinte localidades españolas celebrarán a IX Xornada Europea da Cultura Xudía, entre as que se atopa o pobo de Ribadavia. Dentro das celebracións realizarase unha homenaxe ás irmás Lola, Amparo e Xulia Touza Domínguez de Ribadavia (Ourense) por axudar a numerosos xudeus na súa fuxida dos nazis cara a Portugal durante a Segunda Guerra Mundial. Estas tres irmás axudaron aos xudeus perseguidos polo nazismo a escapar, proporcionándolles un lugar no que esconderse para despois levalos en automóbil até Portugal. Un proceso que levaron adiante durante os anos da Segunda Guerra Mundial de forma clandestina. Un dos organizadores do evento, Xosé Ramón Estévez, explicou que a historia das irmás Touza é descoñecida para os seus veciños da vila ourensá «a pesar de que vivían a cinco metros da praza Maior no Barrio Xudeu e atendían unha cantina circular da estación de tren de Ribadavia e todo o mundo recordaas por iso». Segundo Estévez, só queda constancia da actividade clandestina das tres irmás nun relato do escritor e libreiro Antón Patiño Regueira que recolleu na súa obra "Memoria de ferro" os retratos dos seus compañeiros de mocidade antifranquista. Segundo Patiño, Lola, Amparo e Xulia vendían no seu quiosco melindres, rosquillas, pavías de Beade e Vieite (Leiro), licor café e viños do Ribeiro «e da venda obtiñan o necesario para manter a súa vivenda na vila».
TRABALLO EN SEGREDO
Tras a Guerra Civil, as tres irmás, segundo o relato de Patiño, se «xuramentaron» para crear unha rede de apoio aos xudeus perseguidos en Europa e encargábanse de envialos a Portugal coa complicidade dun familiar taxista e outro amigo con vehículo. As mulleres escondían primeiro aos fugitivos na súa propia casa e pola noite enviábanos á fronteira nos vehículos amigos pola estrada que cruza Arnoia, Cortegada e Ponte Barxas. A primeira en falecer foi Lola, en 1966, logo Amparo en febreiro de 1981 e Xulia en xuño de 1983 e están enterradas nun grupo de nichos do cemiterio de Ribadavia, xunto cos seus outros catro irmáns, e alí recibirán unha homenaxe en forma de ofrenda floral prevista para o día 7 de setembro. Este será un dos cen actos previstos para os primeiros días de setembro nas vinte vilas e cidades de España e outras de trinta países europeos máis, integradas na rede de Xudarías e noutras cinco que farán de colaboradoras
Fonte: El Correo Gallego, La Opinión de A Coruña, La Región de Ourense, EFE,ACPress.net.