05/06/08

A ameaza de holocausto nuclear a debate

Pot Paulo Casaca

Cóbado con cóbado con académicos, xornalistas e políticos, europeos, americanos, israelies e iranianos, participei os pasados días 2 e 3 de Maio en dous ciclos de conferencias, a primeira en Berlín, promovida polo Fórum para a Liberdade do Medio Oriente de Alemaña, e a segunda en Viena, promovida pola plataforma política "Stop the Bomb" (paren a bomba). Os puntos de vista expresados cubriron o espectro do que é o debate ao día de hoxe no Occidente, con algúns a defender as súas preferencias por unha política de apaziguamento, que é necesario ofrecer aínda máis concesións ao réxime iraniano para que este desista da bomba; outros partidarios dun escenario de clara confrontación armada, nuclear, se tal for preciso, e finalmente outros, como eu, que tentaran mostrar a posibilidade dunha terceira vía. A terceira vía que defendín no debate asenta en tres vectores fundamentais. O primeiro consiste na aplicación estrita das sancións económicas e diplomáticas decididas polas Nacións Unidas. Contrariamente ao que se poida pensar, o dominio tecnolóxico do Occidente é aínda moi grande e hai moitas cousas que Rusia e China non conseguen fornecer en condicións competitivas. Mesmo se asumirmos que estes dous países non cooperarán totalmente no sistema de sancións, estas continúan a ser importantes. É claro que canto máis coerentes e máis consistentes sexan as sancións, estas serán máis eficaces. O segundo vector é o do apoio á oposición política e á sociedade civil iranianas. Canto máis axiña abandonarmos a política suicida de chamarmos terroristas á vítimas do terrorismo, na ilusión de que así evitaremos sermos tamén vítimas, mellor. O terceiro vector é o da contención do expansionismo externo iraniano, contención que ten que ser feita en toda a rexión, mais a comezar exactamente polo Iraq. Estou certo de que o desenvolvemento integrado destas opcións políticas poderá contribuír para a mudanza de réxime e dificultará fortemente o seu programa nuclear en particular e de promoción do terrorismo en xeral. Aquilo que me pareceu máis impresionante nestas conferencias foi a mobilización e participación de mozos e mozas estudantes universitarios que parecen romper finalmente cos dogmas do anti-semitismo e da condescendencia co fascismo relixioso e nacionalista dominantes. En segundo lugar, destaco a participación de moitos representantes da oposición iraniana que decidiron iniciar un diálogo que é fundamental para a preservación da paz. En terceiro lugar, e talvez o máis significativo, foi o esbozar dunha nova esquerda europea virada cara a defensa dos valores fundamentais das revolucións liberais e democráticas e dos movementos de emancipación que se lles seguiran. Trátase dunha nova esquerda, en estreita conexión con sectores demócratas americanos e laboristas británicos, mais que parece querer adquirir un centro de gravidade no corazón do continente europeo, con perspectivas propias. O Grande Medio Oriente -en certa medida en competencia coa China- tornouse no principal escenario de afrontamento da política occidental, e estou en crer que é tamén aquí que vanse moldear as lóxicas políticas dos principais actores no escenario internacional.

www.paulocasaca.net