02/05/08

O Centro Simon Wiesenthal censura a desidia de España á hora de perseguir aos criminais nazis

"Nin sequera responderon ao cuestionario". Iso é o que di de España o Centro Simon Wiesenthal, institución que persegue aos criminais de guerra que aínda se atopan fuxidos. España "non tomou ningunha medida para investigar a sospeitosos de crimes de guerra nazi durante o período de análise", entre o 1 de abril de 2007 e o 31 de marzo de 2008, segundo pon de manifesto o seu sétimo informe anual. España comparte esta desidia con outros países como Arxentina, Chile, Francia, Bolivia, Venezuela ou Reino Unido, entre outros. Encabezan a lista de países máis colaboradores Estados Unidos -que conta cunha oficinal especial de investigación para ese efecto- e Italia, mentres que o informe resalta os "calamitosos fracasos de Lituania, Letonia, Estonia e Ucraína á hora de levar aos responsables do Holocausto ante a xustiza". Un dos datos máis rechamantes é o exponencial incremento das investigacións abertas durante o ano estudado, prazo no que pasaron de 63 a máis de 200. Con todo, esta evolución non se corresponde coa cifra de nazis condenados, que caeron de 21 a 5, "debido a que en Italia se pasou de 15 condenas a tan só unha". No lado positivo, por primeira vez nunha década, un criminal de guerra nazi foi extraditado do país ao que emigrou tras a guerra (Canadá) ao que cometeu o delito (Italia).

Brunner, Heim e Demjanjuk, os nazis máis buscados


Aínda que moitos pensan que é demasiado tarde para levar ante a xustiza aos criminais nazi, as cifras proban que se lles seguirá pondo a disposición xudicial en próximos anos. "Por moito que se pense que o maior obstáculo para a súa persecución é a idade, o certo é que a falta de vontade política é o que na maioría dos casos lastra os esforzos", asegura Efraim Zuroff, coordinador do proxecto. Esa falta de vontade política detéctase en países como Australia, Croacia ou Hungría. Os tres criminais nazis máis buscados son Alois Brunner, que baixo o mando de Adolf Eichmann foi responsable da deportación a campos de concentración de case 130.000 xudeus procedentes de Austria, Grecia, Francia e Eslovaquia, e cuxo agocho o situa en Siria desde hai décadas; Aribert Heim, médico nos campos de concentración de Sachsenhausen, Buchenwald e Mauthausen, en paradoiro descoñecido e que aplicou a inxección letal a miles de deportados; e Ivan Demjanjuk, que participou en asasinatos en masa de xudeus en Sobibor.