18/05/08

Israel e a Resolución 181

Israel e a Resolución 181
Por Pedro Gómez-Valadés

Cúmprese este ano o 60 aniversario da creación do Estado de Israel. 60 anos nos que a sociedade israelí foi quen de construir, nun deserto inhóspito e hostil, un estado moderno, cunha economía dinámica, unha democracia avanzada e unha sociedade civil culta e dunha enorme vitalidade, nun escenario -o gran oriente medio- no que a liberdade é a excepción. E foi quen de facelo no medio dun conflito dramático no que a súa propia existencia física, a negación do seu dereito a existir, é a bandeira dos seus moitos inimigos declarados. E malia os anos transcorridos, cómpre lembrar que o Estado de Israel nace tres anos após o descubrimento dos horrores de Auschwitz, Treblinka, Mauthausen... e nace por mandato de Nacións Unidas -resolución 181- que contemplaba tamén a creación dun Estado árabe. Cómpre lembrar tamén, que foi a negativa radical dos estados árabes a respectar a resolución –declarando unha guerra total de exterminio ao novo estado ás poucas horas de nacer- o que derivou na non existencia desde 1948 dun estado palestino. Esa é a súa (i)responsabilidade histórica. Este feito obxectivo é, por activa ou por pasiva, en moitas ocasións esquecido, tendéndose a culpabilizar en exclusiva a Israel da non resolución do conflito, sen abordar quen foi o flagrante violador da Resolución 181. Israel cumpre 60 anos. E un pobo que sobreviviu a séculos de progroms, persecucións, discriminacións, exterminio industrial masivo... e que por fin acada un anaco minúsculo de terra -“ainda que sexa do tamaño dun mantel” dixera Ben Gurión- da súa terra histórica, para vivir por fin en paz sen ser perseguido e exterminado, debe ser motivo de recoñecemento. Hai datas na historia da humanidade que enchen de orgullo a toda persoa de ben, e unha delas é sen dúbida aquel 14 de maio de 1948 en que, centos de anos despois, o pobo de Israel acadou o que en xustiza merecía. O retorno ao seu fogar nacional.

Hoxe, 60 anos despois, constantemente acosado e atacado, non é honesto esixirlle un expediente impoluto e sen mancha. Porque ninguén que pasara o que o pobo xudeu pasou só no último século, tería unha actitude defensiva diferente, e descontextualizala dun día a día prebélico cando non directamente bélico, é unha fraude de mala fe. Oxalá as conversas iniciadas en Annápolis dean froito e Israel e Palestina poidan convivir definitivamente en paz. Pero a paz constrúese sobre a realidade. E a paz en Medio Oriente virá da man do recoñecemento real do dereito de Israel a existir e vivir con seguridade, e da renuncia total e absoluta ao terrorismo por todas as partes palestinas. Dicía Golda Meier que podía entender que os árabes quixeran botalos ao mar. Pero que o que os árabes non podían pretender é que os xudeus colaboraran na tarefa.

Artigo publicado no xornal LA VOZ DE GALICIA o 18.05.08