07/05/08

Conferencia Internacional: a ameaza iraniana (2ª parte)


CONFERENCIA INTERNACIONAL: A AMEAZA IRANIANA
A república islámica, a loita de Israel pola súa existencia e as reaccións europeas.

(Unha crónica en exclusiva desde Viena para AGAI de Ilana Steiner e Carlos Penela)

2ª Parte

Nesta segunda entrega da nosa crónica tentaremos dar conta, de xeito resumido, dunha parte do acontecido no domingo día 4, onde se desenvolveu o groso das intervencións que conformaron esta Conferencia Internacional.A segunda mesa de traballo, co título global de “O papel do Islam relixioso no Irán e o djihadismo global” abriuse ás 10:30 horas, moderada por Alex Gruber, colaborador de “Cafe Critique” e autor de diferentes artigos sobre a represión e asasinato de homosexuais en Irán.A primeira intervención correspondeu a Menashe Amir, intelectual de orixe iraniana e responsábel das emisións en lingua farsi na radio “Kol Israel” (A voz de Israel). Como coñecedor directo do seu país de orixe, das súas tradicións e da complexidade da súa historia, Amir centrou a súa exposición (“Motivacións ideolóxicas e relixiosas da política exterior e interior iraniana”), en primeiro lugar, en chamar a atención na falta de realismo por parte de Europa e EE.UU á hora de comprender as verdadeiras intencións deste islamismo político. Detrás deste subxacería segundo Amir a idea imperial do Califato rexido baixo as leis da sharia ou lei islámica, ou dito doutro xeito, unha revitalización desa noción de Califato liderada polos mullahs, unha idea imperial do “goberno de Deus na Terra” que se podería resumir na frase “O Islam é a solución” ou nas palabras do propio Ahmedinejad “goberno divino e celestial”. O mesianismo do rexime iraniano fundaméntase na idea da chegada do Mahdi, cuxa aparición suporía o desexo de conversión de todas as xentes ao chiísmo musulmán e a victoria sobre as forzas “demoníacas”, que nun plano político estaría representado por Occidente, nomeadamente EEUU e Israel. Neste xogo de forzas, o Cristianismo sería considerado o principal rival relixioso deste Islam político, xa que é a outra relixión de tipo mesiánico que concorre coa musulmana; no plano político ou xeopolítico Israel sería o enemigo directo a vencer, pois ese Cristanismo co que se entra en disputa está baseado no propio Xudaísmo. O Islam, considerado como a última e verdadeira relixión, estaría chamado, pois, a “unificar” todas estas correntes monoteístas por medio dunha visión imperial, propagada através da Djihad.En todo caso, Mair abogou desde a súa palestra por unha coexistencia relixiosa onde se respeiten uns mínimos democráticos en común para que o fanatismo non continúe a prender na zona, así como por un intenso traballo da diplomacia internacional, que debe tomar moi en serio as dimesións reais da ameaza.O segundo turno foi para a autora teatral iraniana Niloofar Beyzaie, exilada en Alemaña desde o ano 1985 e activista polos dereitos da muller. A súa intervención titulouse “A opresión das mulleres e as minorías en Irán” e aportou datos concretos e dramáticos sobre a situación actual da poboación civil iraniana.A Sra. Beyzaie definiu o rexime iraniano como unha mistura de “islamismo, nacionalsocialismo e sexismo” e expuso os principais métodos e campañas de represión desde a súa chegada ao poder:Coa revolución de Khomeini no ano 1979 procedeuse á completa islamización da sociedade iraniana, cunha vaga de represión e asasinatos de enormes dimensións. Así, por exemplo, desde o ano 82 calcúlase que entre 5.000 e 10.000 persoas foron executadas; a persecución da minoría relixiosa Bahai foi especialmente intensa (é a minoría relixiosa máis importante de Irán con perto de 300.000 fieis) e o número de persoas presas por motivos ideolóxicos ou relixiosas estímase que é de 40.000. Igualmente, leva sofrindo un trato discriminatorio a minoría curda, que mesmo padeceu o asasinato impune de varios dos seus representantes no exilio, concretamente en Austria e Alemaña, tal e como xa foi lembrado noutros momentos da Conferencia.Leváronse campañas de intimidación e acoso da poboación civil, como a denominada “Campaña en loita contra a xentuza”, detendo de xeito arbitrario a ducias de xóvenes por conductas que non se “axustan” ao rigorismo islámico do rexime (levar roupas inapropiadas, escoitar música “perniciosa” ou consumir bebidas alcóolicas, por exemplo), metendo en prisión a xornalistas e intelectuais e executando homosexuais (perto de 3.000 persoas foron condenadas á pena máxima, sendo difamadas e presentadas antes como “pervertidos” ou “violadores”).A situación da muller baixo a lei islámica é especialmente dramática: o feito dunha muller ser violada, por exemplo, pode acarrearlle a perda dos seus direitos cidadáns; para as mulleres de condición homosexual, en caso de ser detidas a pena é de 100 latigazos, despois da cuarta vez, aplícase a pena de morte. A discriminación contra a muller é, en definitiva, algo admitido e regulamentado na lei islámica dos mullahs. A muller xa non é apenas o obxecto dunha sociedade patriarcal, dunha familia con principios autoritarios e machistas, a súa situación é aínda peor, pois pasa a ser directamente “propiedade” do Estado islámico.Seguiulle a intervención do politólogo Florian Markl, da Universidade Humboldt de Berlín, cunha charla centrada no financiamento e propagación do terrorismo islámico a nivel internacional por parte do rexime de Ahmedinejad, titulada “ O Djhadismo global e o apoio iraniano”.O soporte de actividades terroristas sería fundamentalmente de dous tipos: por unha banda, o asasinato individual de disidentes iranianos no exterior, tal e como aconteceu en Viena no ano 1989 cos asasinatos do Secretario Xeral do Partido Democrático do Curdistán iraniano, Abdul Rahman Ghassemlou, do representante deste partido no exterior, Abdollah Ghaderi Azer e do mediador Fadhil Rassoul. Lembrou tamén a campaña de atentados no verán de 1987 en París contra disidentes críticos co rexime iraniano. Até esa data, o país galo era o centro máis importante das actividades de asasinato político por parte dos axentes iranianos en Europa, os cales recebían mesmo a protección e o agocho directo da embaixada iraniana despois de cometer estes actos criminais. Markl lembrou tamén o caso do atentado no restaurante berlinés “Mykonos” (acontecido o 17 de setembro de 1992) onde perdeu a vida Sadegh Sharafkandi xunto con outros tres exilados curdos a mans dun comando iraniano e denunciou o dobre xogo levado a cabo tanto polo goberno austríaco como alemán, a fin de evitar “conflictos diplomáticos”, así como o silenciamento por parte de boa parte dos medios de comunicación. Neste sentido, resultou especialmente escandaloso o ocultamento do caso por parte do Estado Austríaco, cuxa polícia chegou a escoltar até ao aeroporto para sacalo do país a un dos membros do comando criminal (!). En contraposición, na Alemaña, e apesar da desidia do goberno, o poder xudicial si que foi quen de reabrir o “caso Mykonos” na procura do esclarecemento dos feitos.A segunda tipoloxía das actividades criminais estaría baseada no financiamento de grupos islamistas terroristas, nomeadamente, Hezbollah e Hamas, co obxectivo de atacar a poboación civil en Israel, secuestrar cidadáns occidentais, desestabilizar a zona (hoxe en día de manera preferente no Iraque e no Líbano) e “exportar” así, dalgún xeito, os obxectivos da revolución iraniana, desexo expresado xa polo propio Ayatollah Khomeini en 1979: “Os gobernos mundiais deben saber que o Islam nunca poderá ser vencido. Os mestres do Corán dominarán o mundo todo.” Tamén se puxo de manifesto as conexións actuais entre Al-Qaeda e o rexime de Teherán, como se demostra no feito de que perto de 100 membros moi destacados desta rede terrorista que estaban operando en Afganistán foran acollidos en Irán despois da caída dos talibáns.As redes deste terrorismo islamico financiadas por Irán extendéronse mesmo ao otro lado do Atlántico, tal e como recordou Markl, cos tráxicos ataques con coche bomba contra a embaixada israelí de Buenos Aires (17 de marzo de 1992) no que perderon a vida 29 persoas e resultaron feridas máis de 200 e contra a AMIA (Asociación Mutual Israelita Argentina), o 18 de xullo do 1994, onde faleceron 85 persoas entre os cascotes e ficaron feridas perto de 150. Ambos os casos non foron aínda totalmente esclarecidos.En relación ao continente americano, Markl referiuse igualmente aos contactos e apoios entre Irán e os gobernos de Venezuela e Nicaragua. No caso venezolano é importante señalar que non é casual a presenza de representantes de Hezbollah en Caracas, así como de clérigos musulmáns que xa están a operar en zonas rurais de Venezuela, adoutrinando e islamizando, por exemplo, comunidades locais de indios guajiros. Gustaríanos engadir tamén que xa foron detectadas importantes redes de financiamento islámico na fronteira entre Paraguai e Brasil (onde existe unha comunicade de orixe libanesa notábel) e contactos entre grupos marxinais de tipo extremista, como son os grupos “piqueteros” de Arxentina (mistura de doutrina peronista-populista con compoñentes fortemente antisemitas) e activistas islámicos.Así pois, as sancións económicas e unha diplomacia activa que frease as ameazas iranianas serviría á vez para contar ou dismunir estes fluxos de financiamento aos grupos islámicos terroristas que operan no Cercano Oriente, en Europa e en Sudamérica.Ás 13:00 comezou a terceira mesa de ponencias, baixo o tema “Crítica do apaciguamento: Irán e o antisemitismo islámico como desafío para Israel e Europa”, moderada pola Dra. Elisabeth Pitterman, médico e antiga representante do Partido Socialista Austríaco na Cámara Nacional. O politólogo e director de “Scholars for Peace in the Middle East” de Hamburgo, Dr. Matthias Küntzel, foi o primeiro en tomar a palabra cunha intervención que tiña como título, “Está a perder Europa a oportunidade de actuar?”.O profesor Küntzel, un dos máximos expertos a nivel europeu sobre o rexime iraniano e sobre as raíces do antisemitismo nos países árabes foi moi elocuente e directo na súas advertencias e proporcionou datos concretos sobre as relacións comerciais entre Europa (principalmente Alemaña) e as medidas básicas para desenvolver un embargo económico, embargo que podería ter un efecto real sobre o rexime iraniano (estimou que se o embargo fose efectivo, en 3 ou 4 meses a economía iraniana se vería paralizada).Fixo un breve resume das relacións comerciais entre Alemaña e Irán e lembrou que, xa na época do Sha, Alemaña era o principal socio comercial do estado persa; na actualidade, por exemplo, a dotación de maquinaria industrial especializada por parte de Alemaña é moi importante (Siemens). No caso de Irán a venda desta maquinaria ten unha relevancia aínda maior, xa que entre estes compoñentes se encontran os elementos indispensables que Irán necesita para poder desenvolver o seu programa nuclear.Desde un punto de vista histórico, falou ademais dos inquedantes paralelismos entre a retórica hitleriana e a linguaxe de Ahmedinejad, igualmente antisemita e militarista. Así pois, o profesor Küntzel insistiu de forma vehemente na necesidade de resolucións unilaterais por parte da UE e citou como exemplos as propostas concretas de sanción do presidente Sarkozy ou do primeiro ministro británico Gordon Brown, subliñando a gravidade das ameazas iranianas, a especificidade do seu carácter mesiánico e teocrático e as súas ambicións de liderar unha guerra de tipo relixioso contra a “decadencia occidental”.A continuación, estaba prevista a intervención do historiador Dr. Michel Oren do Shalem Center de Xerulasén coa ponencia “O peor pesadelo de Israel – A ameaza por medio do programa iraniano de armas nucleares”, mais a súa presenza non foi posíbel e no seu lugar referiuse a estas cuestións o xornalista Yossi Mellman, ampliando a súa charla do día anterior.O punto de partida da súa exposición foi a formulación da pregunta, “que sucedería se Irán non detén o seu programa nuclear?”, pregunta que se revela totalmente vixente e necesaria despois dos case 20 anos dunha política evasiva e enganosa por parte de Irán a respeito dos seus propósitos nucleares. Mellman abogou polas sancións como único fin para evitar a confrontación militar, vía que segundo o xornalista tería dúas opcións en caso de que non puidese ser evitada:1) Unha intervención de xeito unilateral por parte de EEUU, abrindo unha terceira fronte na rexión.2) A intervención directa por parte de Israel, en caso de que Irán continúe cos seus propósitos; esta decisión sería para Israel unha decisión que ten que ver directamente coa súa propia existencia e que Mellman comparou coa decisión tomada por Ben Gurion no ano 48 ante as ameazas conxuntas dos países árabes. Esta é tamén a percepción de todos os líderes políticos en Israel e sinalou que a franxa de tempo da que están a falar as axencias de intelixencia vai, aproximadamente, do 2009 ao 2011.Mais as ameazas armamentísticas de Irán non son unha ameaza soamente para Israel, senón para toda a rexión, podendo ter un efecto dominó en toda ela; a este respeito lembrou o propio medo dos propios países árabes perante un Irán nuclearizado (Bahrain, por exemplo, é reclamado por Irán como parte do “Grande Irán”).En definitiva Mellman, que contestou a diferentes cuestións formuladas desde o público, abogou por sancións diplomáticas e comerciais concretas, acompañadas de advertencias militares de tipo disuasorio, que poderían deter o proceso durante un par de anos e mudar as regras do xogo. As medidas militares concretas poderían resumirse na posta en práctica, por terceira vez, da chamada “doutrina Begin” que xa no 1981 logrou destruir un reactor nuclear no leste de Iraque e en setembro de 2007 fixo o mesmo en Siria, que se estaba dotando de material procedente de Corea do Norte.En terceiro lugar, e para fechar esta terceira mesa de ponencias, fixo unha breve intervención o xornalista e autor alemán Bruno Schirra baixo o título “As ilusións europeas sobre Irán e o Islam”, intervención que foi tamén moi elocuente e clara á hora de definir o rexime iraniano e as súas ameazas. Schirra definiuno como un modelo “bárbaro, arcaico e fascista” e referiuse ás contradiccións e divagacións da política europea para lle facer frente; así, indicou que a posición aparentemente decidida, por exemplo, de Angela Merkel, a título individual (vid. a súa intervención perante a Knesset de hai un par de meses) non se correspondía coas actuacións do seu ministro de Asuntos Exteriores ou coas decisións do propio Estado Alemán en materia de acordos económicos co rexime iraniano.O xornalista, como testemuña directa en calidade de reporteiro en zonas de conflicto bélico, manifestou a súa repulsa perante o fenómeno da guerra, mais de xeito inequívoco declarou tamén que ficar impasíbel perante o totalitarismo islámico, perante esta forma de fascismo tería consecuencias (e non só de tipo moral) verdadeiramente fatais para o futuro.Despois das palabras de Bruno Schirrah, esta primeira parte do segundo día de Conferencia prolongouse até case as 15:00 horas, con numerosas cuestións formuladas desde o público e o correspondente debate entre os ponentes.- Outros enlaces web de interese:

http://www.adl.org/iran/default.asp

http://www.yadvashem.org/

http://www.middle-east-info.org/

- Máis bibliografía sobre o tema:

Grigat, Stephan & Dinah Hartmann (Hrgs.): Der Iran – Analyse einer islamischen Diktatur und ihrer europäischen Förderer, StudienVerlag, Innsbruck-Wien-Bozen, 2008.Broder, Henryk M.: Hurra, wir kapitulieren! Von der Lust am Einknicken, Verlag Wolf Jobst Siedler jr., Berlin 2006.