Moi estimado Sr. Presidente do Estado,moi estimada Sra. Presidenta,moi estimado Sr. Primeiro Ministro,moi estimada Sra. Presidenta do Tribunal Superior de Xustiza,moi estimados Membros da Knesset,moi estimadas Sras., moi estimados Sres.,Sra. Presidenta, Anni modda lachem----sche-nittan li ---le-dabber ellechem--- kaan be-bait mechubad se. Se kawwod gadol awurri. [Agradézolles poder falar aquí. Considéroo unha grande honra.]Doulle as grazas a todo os parlamentarios da Knesset por isto. Agradézolles a todos o poder falar hoxe aquí na miña lingua materna. Fálolles nun ano especial. Porque neste ano -2008- celebramos o 60 aniversario da fundación do seu Estado, do Estado de Israel.60 anos de Israel que son 60 anos dun grandioso traballo dos homes en condicións complicadas.60 anos de Israel que son 60 anos de desafíos en loita contra ameazas e pola paz e a seguridade.60 anos de Israel que son 60 anos de integración de inmigrantes no seo deste Estado.60 anos de Israel, que son os dun país cheo de vitalidade e de confianza, de éxitos no campo tecnolóxico, de riqueza cultural e de tradicións.60 anos de Israel, que son, ante todo, motivo dunha grande ledicia. En nome do goberno e da poboación alemáns doulles os parabéns a todos os cidadáns de Israel por este aniversario.
Miñas donas, meus cabaleiros,Alemaña e Israel están e fican –para sempre- unidos dun xeito moi especial pola lembranza da Shoah. Exactamente por iso é que onte comezamos estas primeiras consultas de goberno xermano-israelís coa lembranza no Yad Vashem.A masacre de seis millóns de xudeus cometida en nome de Alemaña trouxo un sufrimento indescriptíbel ao pobo xudeu, a Europa e ao mundo. A Shoah énchenos aos alemáns de vergonza. Eu inclínome ante as víctimas, inclínome ante os sobrevivintes e ante todos aqueles que os axudaron a poder sobrevivir.A ruptura que a Shoa provocou na civilización non ten precendentes. Deixou feridas mesmo até ao día de hoxe. Nun primeiro momento, isto semellaba facer realmente imposibles as relacións entre Alemaña e Israel. Nos pasaportes israelís figurou durante longo tempo a frase: “Válido para todos os países con excepción de Alemaña.”Do lado contrario, eu mesma vivín os primeiros 35 anos da miña vida nunha parte de Alemaña –na DDR- que consideraba o nacionalsocialismo como un problema da Alemaña Occidental. Tampouco a DDR, até momentos antes do seu fin, recoñecía Israel. Pasaron preto de 40 anos até que toda Alemaña puidese recoñecer tanto a súa responsabilidade histórica como tamén o Estado de Israel.Miñas donas, meus cabaleiros,estou profundamente convencida dalgo: só cando Alemaña recoñeza a súa perpetua responsabilidade pola catástrofe moral na historia alemana, poderemos crear o futuro dun xeito humano. Ou dito doutro xeito: a humanidade xorde da responsabilidade polo pasado.Decímolo con frecuencia: Alemaña e Israel están unidos por medio de relacións especiais, únicas ¿Pero de qué se está falando cando se afirma iso, “relacións únicas”? ¿Está a ser consciente o meu país destas palabras –e non só en discursos e actos conmemorativos, senón porque son necesarias?¿Como trataremos isto, por exemplo, e máis concretamente cando os feitos atroces do nacionalsocialismo son relativizados? Sobre este tema só é posíbel dar unha resposta: a cada tentativa ao respeito hai que facer fronte desde o comezo. Antisemitismo, racismo e xenofobia non poden volver a pór o pé en Alemaña e en Europa nunca máis, e isto é así porque calquera outra cousa poríanos a todos en perigo – á sociedade alemana, á Unión Europea, á orde fundamental dos nosos países.¿Ou como traremos isto, cando unha clara maioría dos consultados en Europa afirma que a maior ameaza para o mundo provén de Israel e non de Irán? ¿Retrocederemos, nós, os políticos en Europa por temor ante esa opinión pública á hora de disuadir Irán con novas e más estrictas sancións para que cese o seu programa nuclear? Non, por incómodo que resulte, exactamente por iso non debemos; porque se o facemos, nin teríamos comprendido a nosa responsabilidade histórica, nin teríamos desenvolvido unha conciencia para os desafíos do noso tempo. Ámbalas dúas cousas serían fatais.Precisamente iso sería fatal, se suprimimos a pregunta de cómo podemos manter desperto a lembranza da Shoah, cando un día xa non quede con vida ningunha testemuña máis da Shoah. Si, é certo: os lugares do recordo son importantes, lugares como o monumento conmemorativo en Berlín ou o Iad Vashem. Manteñen a lembranza desperta. Pero tamén é certo que os lugares por si sós non abondan, cando a lembranza se converte en Historia. A lembranza debe cumprir o seu papel. Da lembranza deben vir as palabras e das palabras, feitos.O primeiro ministro do seu País, David Ben Gurion e o primeiro chanceler do meu, Konrad Adenauer, ensínaranos exactamento cómo se fai. Por iso foi importante para min viaxar o domingo ao kibbutz Sde Boker e depositar alí unha coroa de flores no túmulo de Ben Gurion. Porque foron Ben Gurion e Adenauer os que permitiron que ás lembranzas lles seguisen palabras e ás palabras, feitos. Eles estableceron con atención e sabiduría os fundamentos das relacións entre os nosos Estados.Hoxe está na nosa man, na miña xeración, xunto coa xeración máis nova, a tarefa de despertar a conciencia dunha cultura do recordo, dunha cultura do recordo que se manteña mesmo cando os sobreviventes da Shoa xa non estexan máis entre nós. Naturalmente non hai ningunha solución ideal para isto. Pero recoñecer ese desafío e aceptalo é exactamente o primeiro paso decisivo para desenvolver no futuro, cos xóvenes, camiños creativos para unha cultura da lembranza, isto é, conxuntamente en Israel e Alemaña.A isto pódenos axudar unha forza que xa nos axudou en décadas pasadas: trátase da forza na confiaza. Esa forza na confianza ten a súa orixe nos valores que nós, Alemaña e Israel, compartillamos: os valores de liberdade, democracia e respecto á dignidade humana. Ese é o ben máis valioso que posuímos: a inalienábel e indivisíbel dignidade de cada ser humano, independentemente do seu sexo, a súa ascendencia, a súa lingua, as súas crenzas, a súa patria e a súa orixe.
Miñas damas, meus cabaleiros,a conciencia pola responsabilidade histórica e a loita polos nosos valores compartillados forma o fundamento das relacións xermano-israelís desde os seus comezos até o día de hoxe. Hoxe vivimos –tanto alemáns como israelís- como todos os pobos do mundo nun tempo de mudanzas radicais. A estructura do mundo muda. A conexión entre os Estados, a economía e as sociedades alcanza unhas medidas até o de agora descoñecidas.Moitos homes teñen medo deste desenvolvemento. Percíbeno así: a convivencia das nacións, das relixións e das culturas é un dos grandes e extraordinarios temas do presente. Perspectivas magníficas situánse ao lado de riscos notables. Iso é a globalización.Estou firmemente convencida: en vista deste revolucionario desenvolvemento global necesitamos, por enriba de fronteiras nacionais, unha conciencia global e conxunta para os desafíos centrais do noso mundo – a correcta participación de todos no benestar, a protección do clima, a loita contra as novas ameazas por medio do terror e as armas de destrucción masiva. Mais non necesitamos esta conciencia só para isto, para recoñecer eses desafíos, senón que a necesitamos para superalos.Isto hoxe é así non só en moitos campos, senón tamén na colaboración entre os Estados, é dicir, entre aqueles Estados que están unidos como socios polos mesmos valores e intereses.Para min non hai dúbida: Israel e Alemaña, Israel e Europa son socios, unidos polos mismos valores, unidos polos mismos desafíos e unidos polos mismos intereses; porque estabilidade, prosperidade económica, seguridade e paz en Europa, ao igual que nesta rexión, encontránse entre os intereseses que compartillamos.Non é ningunha esaxeración cando o manifestamos: as relacións dos nosos países son excelentes. Pero queremos continuar fortalecendo aínda máis as relacións e a confianza entre os nosos países. Queremos continuar mantendo a nosa colaboración: no traballo entre a xuventude –por exemplo, por medio dun foro futuro xermano-israelí que, nunha fundación conxunta, achegue aínda máis xóvenes alemáns e israelís nos campos da economía, a ciencia e a cultura; no campo do coñecimento, por exemplo, por medio do Ano Xermano-Israelí da Ciencia e a Tecnoloxía; no campo das relacións económicas, aproveitando as empresas de ámbolos dous países todo o potencial dun xeito máis intenso do que se vén facendo, sobre todo nos sectores máis avanzados; e no sector do medio ambiente – e da protección do clima-, por exemplo, empregando Israel, como país cunha alta tecnoloxía, o seu amplo Know-how, nomeadamente no sector acuífero e no da irrigación, e desenvolvendo unha nova forma da cooperación trilateral entre Alemaña, Israel e África.
Miñas donas, meus cabaleiros,sobre todos estes e outros proxectos e plans de futuro estivemos discutindo onte. Pero todos estes proxectos non teñen lugar nun espazo baleiro; porque mentres nos estabamos a discutir, Israel é ameazado. Mentres nós falamos aquí, milleiros de persoas viven con medo e con temor por culpa dos ataques con mísiles e o terror de Hamas. Dígoo de xeito claro e sen lugar a equívocos: os ataques con mísiles Kassam de Hamas teñen que cesar. Os ataques terroristas son un crime e non traen solución ningunha ao conflicto, á rexión e á vida diaria dos persoas en Israel, ensombrecendo a vida das persoas nos territorios autónomos palestinos.Repetino para poñelo de manifesto e dígoo tamén aquí: Alemaña apostou decididamente pola visión de dous Estados con fronteiras seguras e en paz, para o pobo xudeu en Israel e para o palestino en Palestina. Por iso apoiamos con insistencia no curso da Conferencia de Annapolis todos os esforzos –especialmente tamén os do goberno americano-, que contribúan a isto, a converter esta visión en realidade e a axudar á contribución da paz na rexión.Seino ben: non precisan de consellos do exterior e menos aínda desde unha posición de superioridade. Ao final, só aquí, en Israel, pode ter lugar unha solución, através de vostedes mesmos e dos palestinos. Pero quero ofrecerlles, expresamente, a vostedes e aos seus socios na negociación da parte palestina (en primeiro lugar ao presidente Abbas), o apoio por medio da cooperación internacional. Porque sabemos que para a plasmación da visión de dous Estados se precisa de compromisos que sexan aceptados por todas as partes. E precísase tamén da forza para facer concesións dolorosas.Sabemos que non só é en beneficio da rexión o feito de guiar este difícil proceso con éxito, senón en beneficio de todos; porque a inestabilidade que se experimenta aquí ten tamén as súas consecuencias para nós en Alemaña e en Europa. Así é como a situación no Líbano está provocando de igual modo unha grande inseguridade. Alemaña apoia os esforzos da Liga Árabe para solucionar a crise alí, pero istó só se dará, cando tamén Siria recoñeza finalmente o lexítimo goberno do Líbano e efectúe unha contribución constructiva á solución da crise. Pídolle isto a Siria desde aquí.
Miñas damas, meus cabaleiros,motivo de especial preocupación son, sen dúbida, as ameazas que o presidente iraniano dirixe contra Israel e o pobo xudeu. As súas repetidas invectivas e o programa nuclear iraniano son un perigo para a paz e a seguridade. Se o Irán estiver en posesión da bomba atómica, as consecuencias serían desastrosas – en primeiro lugar, e sobretodo, para a seguridade e a existencia de Israel, a seguir para a rexión enteira e, finalmente para todos, en Europa e no mundo, para todos aqueles a quen os valores da liberdade, a democracia e a dignidade do home significan algo. Debe ser evitado.Sobre isto hai algo que debe quedar claro – xa o dixen perante as Nacións Unidas en Setembro pasado e volvo dicilo hoxe -: o mundo non ten que demostrar que o Irán constrúe a bomba atómica. Irán debe convencer ao mundo de que non quere a bomba atómica.Desde esta tribuna dígoo expresamente: todos os gobernos e chanceleres alemáns antes ca min tiveron, dun xeito moi especial, unha responsabilidade histórica pola seguridade de Israel. Esa responsabilidade histórica de Alemaña é parte da razón de Estado do meu país. Isto quere dicir que a seguridade de Israel non é para min, como chanceler, en ningún caso negociable e se se dese a circunstancia, non debe ficar en palabras baleiras á hora da súa confirmación. Alemaña aposta xunto cos seus socios por unha solución diplomática. O goberno alemán decidirá continuar coas sancións se o Irán non cede.A nova resolución das Nacións Unidas acordada hai poucos días deu proba da firmeza e cohesión renovadas da comunidade internacional. A comunidade internacional continuará (e así debe facelo) ese camiño. Para min é importante que Israel esté unido de xeito estreito coa Unión Europea através da cooperación mediterránea da Unión Europea e a política entre os pobos veciños.Podemos e debemos intensificar esta unión. Díxeno: Israel e Europa están unidos por medio de valores comúns, desafíos e intereses. Por iso é que apoio expresamente algo que sería desexable, un recoñecemento máis intenso de Israel na Unión Europea. Este sería un triunfo para ámbalas dúas partes e ofrecería un sen-fin de novas oportunidades.Sra. Presidenta, miñas donas, meus cabaleiros, na historia do seu continente os europeus coñecérono: a paz tamén é posíbel despois de violentas desputas. En particular, nós, os alémáns, vivímolo por medio do milagre da caída do muro e da reunificación: mesmo despois de décadas, cando xa moitos abandonaron a idea, poden producirse mudanzas políticas profundas.Eu non podería hoxe comparecer ante vostedes para lles falar, e non podería facelo como chanceler da República Federal Alemana, que creceu na antiga DDR, se despois da Segunda Guerra Mundial na, nesa altura, República Federal non tivesen aparecido políticos como Konrad Adenauer, Willy Brandt e Helmut Kohl. Eles acreditaron na forza da liberdade, na forza da democracia e na forza da dignidade dos homes. Eles foron capaces de facelo, facer posíbel e que aparentemente era imposíbel: concluír a unificación de Alemaña en paz e en liberdade e con isto a reconciliación de continente europeu.Da experiencia de facer posíbel o imposíbel podemos crear a decisión e a esperanza de que tamén vale a pena cada esforzo que achegue máis o Oriente Próximo a unha convivencia pacífica. Ou para dicilo coas coñecidas palabras de David Ben Gurion: “Quen non acredita en milagres, non é realista”. Se hoxe nós, no 60 aniversario do Estado de Israel, ollamos as relacións xermano-israelís, constatámolo: a súa frase resultou tan realista como certa.Si, son relacións especiais, únicas, cunha responsabilidade permanente polo pasado, con valores en común, con confianza mutua, cunha grande solidaridade os uns cos outros e coas esperanzas postas por parte de todos. Con este espírito celebramos o actual aniversario. Con este espírito Alemaña nunca deixará só a Israel, senón que será o seu amigo e un socio aínda máis fiel.Mazal-tov---le-chaggigot schischim schanna---le-medinnat Issrael. Shalom. [Parabéns aos 60 anos do Estado de Israel! Shalom!]*(Traducción de Carlos Penela desde o texto orixinal en alemán) Mantense a transliteración do hebreu que aparece no texto orixinal en alemán.