Baixo o pretexto de que tamén habería que repudiar os abusos aos que o Estado de Israel somete aos palestinos, o Bloque Nacionalista Galego logrou que abortase unha moción de condena do nazismo no Parlamento galego. Ou sexa: que era de noite e así con todo chovía. Pouco habituados aínda á idea de que pertencen a un partido gobernamental -ou "oficialista", como din en Latinoamérica-, os deputados do BNG talvez non fosen conscientes do alcance do seu xesto. Unha cousa é que este tipo de extravagancias as perpetre un grupúsculo extraparlamentario e outra ben distinta que as impulse unha formación política con responsabilidades de goberno. Aínda que sexa nun modesto Executivo autonómico como o de Galicia. Ven de recordarllo agora a Embaixada de Israel en España, que -un tanto exaxeradamente- compara a súa actitude coa do fascista francés Le Pen, famoso pola súa tenaz afección a negar a existencia do Holocausto. Aduce non sen razón o embaixador israelí Raphael Schutz que non existe a día de hoxe en Europa partido democrático algún que poña en cuestión o xenocidio de millóns de xudeus minuciosamente programado por Hitler na súa "solución final". O asunto ben podería acabar en incidente diplomático, unha vez que Schutz pediu ao presidente socialista Zapatero que se pronuncie sobre a actitude dos socios da súa formación socialdemócrata en Galicia. Sobra dicir que o Bloque non é en absoluto un partido -ou unha fronte, ou o que sexa- ao que poidan atribuírse simpatías co nazismo. Baste recordar que o pasado ano os seus deputados aprobaron no Parlamento galego unha declaración en memoria das vítimas do Holocausto moi similar, senón idéntica, á que tan atolondradamente acaban de boicotear agora. A única explicación plausible a estes vaivéns é que o principal e case único partido nacionalista de Galicia segue preso da súa galeguísima tendencia á ambigüidade expresada na fórmula: "Si, pero..." Moitos anos atrás, cando o Bloque non baixara aínda do monte á moqueta, algúns dos seus concelleiros tiñan xa moi serias dificultades para sumarse sen paliativos ás mocións de condena de certas accións explosivas. Estaban en contra do terrorismo, como é natural; pero iso non impedía que quixesen introducir matizacións á súa reprobación. Exactamente igual que fan agora ao aceptar que o Holocausto é condenable, "pero" sempre que á vez se censure a actitude do Estado de Israel na súa turbulenta relación cos palestinos. Accións tan irreflexivas como esta abonan as disparatadas teses daqueles que se empeñan en unir a condición nacionalista do BNG coa socialista do PSOE para deducir diso que en Galicia existe un Goberno nacional-socialista. O chiste é fácil, pero non pode estar máis afastado da realidade. E é que, aínda que a tradición non veña de lonxe no caso do Bloque, o certo é que ambos os partidos aceptan e practican a día de hoxe a democracia parlamentaria. Peor aínda que un insulto, sería unha falsidade reputar a calquera deles como simpatizante do nazismo. Non menos insultante viría ser a comparación entre nazis e xudeus, que -seica sen advertilo- acaban de facer os deputados nacionalistas galegos ao equiparar o Holocausto coa situación actual en Oriente Próximo. Reputar de nazi a un xudeu non só é unha inxuria, senón unha contradición entre os termos na medida que poucos outros pobos -se algún- foron sometidos a un exterminio calculado como o que o hebreo sufriu a mans do Partido Nacional-Socialista dos Traballadores de Alemaña dirixido polo cabo Adolfo Hitler. Algo farían os xudeus para que os traten así, dicían moitos dos alemáns de entón aínda que a súa conciencia rexeitase aquela barbarie. Sería moi triste que agora prendese en Galicia ese vello prexuízo do "Si, pero...
Artigo publicado no xornal Faro de Vigo (08.02.08)