Por Carlos Luís Rodríguez
Aymerich e Ahmadineyad non teñen nada que ver, aínda que coincidan circunstancialmente en minusvalorar o Holocausto. Un faino porque está preso de atavismos que obrigan a ver con receo todo o relacionado con Israel. Ao outro lle gustaría borrar do mapa ao Estado hebreo porque ve nel a antítese do fundamentalismo medieval que impón en Irán. Nun Irán onde unha organización como o BNG estaría proscrita, mentres que en Israel non tería problemas para entenderse coa esquerda suave do laborismo, ou a máis dura do Jadash. Tampouco estaría cómodo o nacionalismo galego de hoxe na franxa de Gaza, baixo o estado de excepción imposto por Hamas, un grupo cuxo progresismo é bastante discutible. A pesar de todo iso, o seu portavoz elude no Parlamento a condena explícita do Holocausto, mediante unha artimaña consistente en mesturar o maior xenocidio do que se ten noticia con outras barbaridades que non son equiparables. En definitiva, os xudeus que foron exterminados nos campos de concentración non son culpables do que décadas máis tarde faga o Exército israelí nos territorios ocupados. É máis: a gran diferenza entre o nazismo e a civilización é que un masacra a unha raza, mentres que a outra reivindica ao ser humano e entende que o Holocausto foi un crime contra a humanidade no seu conxunto, e non contra un pobo concreto. Seguro que Carlos Aymerich tamén o entende así, e non sente para nada vinculado a esa extrema dereita europea de hoxe e de sempre que ten na negación desa barbarie un dos seus principios fundamentais. Xa esquecemos por certo a soada conspiración xudeo-masónica? Con todo, ao BNG ocórrelle o que a moitas outras esquerdas que evolucionan con rapidez no terreo político, modernizan a súa ideoloxía, revisan os seus criterios económicos, pero deixan para o final unha visión maniquea dos conflitos internacionais na que os malos sempre son malos, e os bos sempre bos. Nesa repartición inmutable de papeis, Estados Unidos e Israel serán a encarnación de Lucifer, fagan o que fagan e sen que importe que o seu Goberno sexa demócrata ou republicano, laborista ou do Likud. Cuba ou Palestina gozarán en cambio dunha consideración positiva, en calquera circunstancia e sen que inflúa para nada que o castrismo ou Hamas impoñan sendas ditaduras. Nesta estraña actitude ten que ver a preguiza e o desexo de que a militancia teña unha especie de leira onde cultivar esas ansias revolucionarias que quedaron amortecidas na política, a ideoloxía ou a economía de casa. Sería unha forma de seguir practicando a revolución a distancia. A política internacional sería un lugar idóneo para botar unha cana ao aire, por así dicilo. O que fai Aymerich no Parlamento galego en relación co Holocausto ten o mesmo transfondo daquela misiva apoloxética dirixida a Hugo Chávez por un militante do BNG de Arxentina. Obedecen a un atraso na evolución do nacionalismo en relación cos tópicos máis arraigados sobre determinados réximes. Basta que o venezolano baballoe contra os americanos para ser catalogado como un dos nosos. É suficiente que o recordo do Holocausto poida ser interpretado como un apoio a Israel, para que se introduzan matices e edulcorantes. En ambos casos, os nacionalistas demostran a súa habilidade para pisar unha monda de plátano que podían haber apartado.