25/01/08

Presentación de Afonso Vázquez-Monxardín





Nota de AV-M sobre as ilustracións:
A figura do peregrino é da familia Ben Israel (Dias Soeiro, por nome paisano). O pai, o Menasseh foi unha figura de gran importancia. Aqui vai un retrato de Rembrant e outro gravado, seica tamén de Rembrant. Curioso que no gravado, xa na parte superior, aparece o peregrino, como nos selos de cera con que selaban as cartas, etc. É posíbel que o que asina Ioseph ben Gallego será o Ioseph ben Israel.

De seguido o texto de Afonso Vázquez-Monxardín á presentación da intervención de Edwin Yabo na conferencia sobre o negacionismo do Holocausto e a memoria das súas vítimas.


Boas tardes, estimado público, Boas tardes, estimado sr. Edwin Yabo.

Permítanme señores que nunha circunstancia tan solemne como a de hoxe, a lembranza da Shoáh, convertida en facho de sensibilidade que debe alumear por sempre a conciencia e a reflexión do ser humano sobre o seu ser e as súas actitudes e relacións cos demais seres humanos, fale eu en lingua galega diante do noso convidado o Sr. Edwin Yabo... E fágoo porque sei que pola súa preparación multilingüe non terá problema ningún de comprensión e que pola súa sensibilidade humana ha entender, tamén, a miña escolla.

Porque usarei eu esta lingua para que escoite nelas o eco e o sabor das palabras que noutrora, alá contra finais do século XV, usaron os meus conveciños e conveciñas de Ourense, Samuel Abarca e Samuel Ciano, Jacó Albeitar e Jacó Cabaleiro, Mose Peres, e Yudá Peres, Abraan Benveniste, Salomón Castelao e as un día mozas de fermosos nomes, Loytosa, Donouro e Alegría.

Ou por ser a lingua mesma que usaban nas súas casas do burgo da Coruña, catro centos anos, os coruñeses Abraham bar Meir ben Peres ou Dona Seti e o seu home, don Ishaq Qarol que, soterrados nesta terra atlántica fundíronse con ela, baixo as súas lápidas en caracteres hebraicos, alá no século X ou XI.

Con esta lingua miña e deles, aqui e hoxe, trato de revivir nesta homenaxe a voz desaparecida da nosa comunidade xudía medieval, diante do Agregado Cultural da Embaixada dese estado impulsado anteriormente polo pobo xudeu e decidido pola comunidade internacional, hai sesenta anos, como punto de reencontro e casa de acollida dos xudeus de todo o mundo despois da inmensa traxedia cuxa lembranza nos convoca.

Esa pequena comunidade da que lles falo, é algo pregoado por todos os historiadores, conviviu en destacable harmonía cos cristiáns de Galicia durante séculos. Permítanme unha lembranza histórica. En 1443 o Concello de Ourense acusa aos homes do nobre Pedro Díaz Cadórniga dunha serie de desmáns na cidade. O principal, a destrucción do Casa de Oración dos xudeus e o roubo –aínda sen resolver- dos rolos da Torá. Como primeira medida contra os agresores o bispo excomulga aos participantes no asalto á sinagoga como se dun ataque a unha igrexa cristiá se tratase. Tanto é así, que será o propio colectivo hebreo o que interceda para que levante a excomuñón a Cadórniga, nun intento de recuperar as “árbores” roubadas por aqueles delincuentes.
Despois seguirán anos de festas comúns e vodas, a unidade na revolta Irmandiña, os decretos de segregación incumpridos, incluso os terreos cedidos pola igrexa de Allariz en 1487, unha data bén avanzada, para ampliar o cemiterio xudeu da vila.

Logo a historia é coñecida: os Reis Católicos alumearon un camiño creo que equivocado polo que encarreirar a modernidade en España, e iniciaron uns séculos que se foron bastante escuros para os galegos, foron negros de todo para os xudeus e musulmáns de España.

E así, houberon de marchar. Uns cara ao norte. En Oxford consérvase un fermosísimo manuscrito miniado, a Biblia Kennicot, verdadeira xoia e principal achega á cultura hebraica desde esta Terra e feita materialmente no seo da vella comunidade da Coruña a medidados do XV.

Outros marcharon cara ao sur, integrándose, uns anos, na comunidade lisboeta -a mesma cultura, a mesma lingua- antes de seguir a súa historia nunha diáspora ben coñecida: Norte de África, Italia...o Mediterraneo. Amsterdam, Amberes, e o novo mundo no Atlántico... Unha lembranza á Sinagoga Touro en Nova Iork, xa desde que era cidade holandesa; Unha lembranza especial para os editores de Amsterdam, Salom ben Jozef Gallego e Joseph Ben Israel quen, a mediados do s. XVII, tiña un selo familiar coa lenda “Apercibido como hun romeiro” -atento como un romeiro-, que rodeaba á figura dun peregrino a Santiago. Unha lembranza para toda a comunidade sefardita dos Países Baixos que conservou en convivencia as linguas galego-portuguesa e castelá por séculos.

En fin, outros moitos xudeus non marcharon senon que permaneceron semiocultos, moitas veces mantendo unha identidade relixiosa na intimidade e que a comezos do século XVII padecerían uns anos de chumbo. Daquela, entre 1606-10 a actuación da inquisición na vila de Ribadavia provocaría o esmorecemento total dun criptoxudaísmo galaico que mantiña contactos con Pisa, Siena, Venecia e Salónica.

Pero hoxe, desde hai un ano, un grupo de amigos do pobo xudeu, decidimos recuperar non esas vellas e entrañables historias medievais de convivencia e irmandade –que tamén- senón a impulsar en Galicia voces que falen da precisa paz e convivencia entre os pobos, con obxectividade, respecto e simpatía por Israel, cousas que, como ben saben, non son norma xeral.

Nestes tempos avoltos e tensos de comezos do III milenio, falamos desde a Asociacion Galega de Amizade con Israel contra o antisemitismo explícito e que conduciu noutros tempos a que a nación alemá se deixase guiar en favor do exterminio do pobo xudeo e producise o maior masacre planificado da historia da humanidade.

Pero tamén queremos pór en cuestión a cara nova do vello prexuízo que é a negación do dereito á propia existencia do estado de Israel e a impunidade con que se poden pronunciar ameazas de destrución total –varrer do mapa- desde os voceiros dalgúns estados que todos temos en mente. A única vía para a paz debe empezar polo recoñecemento do dereito á existencia do outro.

Desde este punto de vista, a propia existencia dunha asociación libre e independente como é AGAI, amante non inxenua da paz, e a posibilidade de proxección da súa voz nuns medios de comunicación que habitualmente ven por un só ollo no conflito, serán as que nos dean medida da madurez e pluralidade destes medios e desta sociedade democrática e occidental onde, por sorte, vivimos.

En fin, podialles falar de tópicos como que somos dous pobos con tradición errante espallados polo mundo, de que aparecemos xuntos nun denigratorio refrán lisboeta (De galegos e xudeus, dos mellores, líbranos Deus), ou da amizade entre uns e outros, simbolizada no artista Luís Seoane, no poeta Lorenzo Varela e na contiguidade dos barrios bonaerenses do Once e a Valbanera.

Pero non. Non se trata de falar de historia, aínda que unhas pinguiñas dela nos vallan para achegarnos ao tema.

Hoxe aquí, o que nos reúne é a lembranza da Shoáh e o Negacionismo.

Permítanme unhas pequenas precisións terminolóxicas, case terreos comúns, para poñer o tema enriba da mesa.

A eliminación física, de xeito digamos, industrial duns 6 millóns de xudeus durante os anos da segunda guerra mundial, vén sendo denominada “holocausto”, “xenocidio” e, máis modernamente por influencia hebrea, tamén “shoá”.

A palabra “holocausto”, como saben, procede da relixión grega antiga e ten que ver cos ritos de sacrificio e queima animais en homenaxe a deuses arcaicos.
En 1942 foi incluída no Diccionario Oxford para referirse ao extrerminio, ao asasinato colectivo dos xudeus e de aí se xeneralizou a nova acepción.

E hoxe os que amosan reticencias a usar este termo helénico polas evocacións relixiosas que conleva, prefiren, tamén por outras connotacións, asumir unha vella palabra do reperterorio hebreo como é “Shoáh” que viña significar, orixinalmente, “o desastre”.

Pola contra, a palabra xenocidio, é un neoloxismo recente construído polo avogado polaco Rafael Lemkin, con inclusión progresiva nas lexislacións nacionais e internacional desde 1946. Literalmente o asasinato, a morte –cidio- dunha tribo, dun pobo, dunha xente –geno.

Segundo a primeira reunión da ONU onde se usa o termo, o 11 de decembro de 1946, “O xenocidio é unha negación do dereito de existencia a grupos humanos enteiros, da mesma maneira que o homicidio é a negación a un individuo humano do dereito de vivir: tal negación conmove a conciencia humana... e é contraria á lei moral e ao espírituo e obxectivos das Nacións Unidas”.

E as ideoloxías que non respectan o dereito á diversidade racial, relixiosa, cultural, humana, poden caer nesa dexeneración absoluta da conduta humana.

O 26 agosto de 1572, os católicos franceses exterminaron 10.000 hugonotes na famosa “noite de San Bartolomeu”. Un xenocidio relixioso, bendicido porquen foi bendicido.

En Anatolia, cando nace Turquía como estado moderno, (e superado xa o vello e plural Imperio Otomano, ao redor da primeira guerra mundial,) prodúcese “o xenocidio armenio” no que son eliminados uns 2 millóns de persoas. Un xenocidio étnico.

Entre 1932-33 prodúcese unha fame artificial provocada por Stalin contra o pobo ucraíno – Holodomor na súa lingua- na que morren case tres millóns de persoas.

No medio da loucura hitleriana, entre 1940 e 1945, co adormentamento das conciencias das “xente do comun” de occidente, seis millóns de xudeus de toda condición son exterminados en Europa central e do leste, en campos como Treblinka, Auschwitz, Mauthausen-Gusen ou simplemente, fusilados in situ e sen espera, nas aldeas do oeste de Rusia. Foi a “Shoáh” –o desastre no que morreron asasinados un terzo dos xudeus do mundo. Entre os exterminados, as nosas comunidades de Amsterdam, Venecia, Saraxevo ou Salónica.

Pero antonte, en 1975-8, Pol Pot asasinou tres millóns de camboianos, nun paranoico xenocidio ideolóxico... e tardamos, tardou o mundo, en crer e ver un crime que acabaron por parar, ante a pasividade mundial, as tropas do Vietnan reunificado.

Onte, en 1994, en Ruanda, os extremistas hutus eliminaron a 4/5 da poboación da etnia tutsi e, de paso, aos hutus que os protexían e mataron a 1 millón de persoas, nun xenocidio de raíz étnica, mentres a ONU retiraba as tropas que tiña alí destinadas para impór a paz.

Nas guerras dos Balcáns, só en Sbrenica, en xulio de 1995, foron asasinadas alomenos 8.300 persoas para acabar co problema dos musulmáns desa cidade e as tropas europeas –holandesas- da ONU, miraron para outro lado.

Durante a recepción do Premio Príncipe de Asturias á Concordía para o Yad Vashem, o Museo da Memoria do Holocausto en Xerusalém, -por certo que á proposta da presidenta alemá Anxela Merkel- o seu director, o Sr. Avner Shalew, ergueu a súa voz para agradecer o galardón, compartilo co ramallo de sobrevivintes presentes e cos ausentes e condenar o xenocidio en activo que hoxe padece África, en Darfur, e ante o que a ONU non dá encontrado solución.

Alí, desde 2003 as milicias progubernamentais de étnia árabe –os yanyauid- están levando a cabo a eliminación sistemática de poboacións da etnia fur, negra e tamén musulmá, e que outrora foran súas aliadas na guerra contra os animistas do sur. 400.000 mortos e millón e medio de desprazados... con poucas luces, poucas cámaras e pouco interese mediático.

Pero está claro que os seres humanos do mundo non poden tolerar estes crimes. Así, a ONU desde 1946 tendo presente o holocausto padecido polo pobo xudeu ata uns meses antes, promoveu polo impulso de Rafael Lemkin, a mención e inclusión nas lexislacións nacionais do delicto de xenocidio. Certo que con máis éxito nos papeis que na práctica, tal e como estamos vendo.

Desde os anos da postguerra os negacionistas din que todo é mentira, que non houbo cámaras de gas nin asasinatos masivos, e veñen sinalar o Holocausto como un acto de propaganda de guerra inventada polas potencias aliadas e que logo foi aproveitada por unha conspiración xudía e sionista para obter beneficios a costa doutros pobos. Por iso, por esta mentira interesada e evidente, o negacionismo está considerado como unha teoría de conspiración antisemita e está perseguida penalmente en varios países europeos incluíndo a Alemaña, Austria, e España, ao entenderse como ocultamento do xenocidio con coñecemento, consentimento e aprobación ou xustificación do mesmo.

¿Pero é lícito lexislar a “verdade” con maiúsculas no mundo da historia? ¿Non será un exceso, unha intrusión política no campo da investigación histórica? Hai que o considerá así, desde logo.

Un grupo de 19 historiadores franceses promoveron en 1995 un manifesto titulado “liberdade para a historia” manifestandose primeiramente contra unha lei que obrigaba a que os programas escolares recoñecesen o rol positivo da presenza histórica de Francia no norte de Africa. Tamén, de paso, revolvíanse contra outras leis que se foran ditando desde 1990 contra o racismo antixudeu e antiárabe, de recoñecemento do xenocidio armenio e da trata de escravos como crime contra a humanidade.

Pero a realidade é moito máis complexa e tamén moito máis simple. As leis contra o negacionismo, xorden como resposta ao rexurdimento de brotes racistas en Alemaña e Francia, e afírmanse como unha forma de garantir que non se poda intoxicar a opinión pública a base de medios e propaganda, nun momento no que a utilización de plataformas semellantes para a difusión de ideas, tende a producir nas persoas con menos preparación, un suposto equilibrio equidistante entre o que serían “opinións” distintas. Que se existen os ovnis ou non. Que se explicacións astrolóxicas ou científicas... Pero entre a ciencia, incluso humanística social e o engano, non hai punto intermedio. Ademais o negacionismo moderno está vinculado ao rearme da extrema dereita e ao xurdimento do seu aliado o islamismo radical.

A reunión de Teheran do ano pasado, precedida do histriónico concurso de caricaturas sobre o “holocausto”, foi un fito realmente trascendente.

Despois da asunción do racismo como teoría do estado polo réxime nazi, non se volvera adoptar oficialmente por parte doutro estado unha posición doutrinal tan dura. As expresións “varrer Israel do mapa” ou as ameazas de exterminio directas, nunca se produciran desde instancias tan poderosas. E o pobo xudeu, como ningún outro pobo do mundo, sabe que por moi incribles que parezan, as amezas poden ir en serio.

Esa reunión de Teheran, xuntou como saben, aos negacionistas da extrema dereita tradicional, -desde David Irving, a David Duxe (ex-lider dos Ku Kus Klan), Robert Faurisson e outros, co integrismo xii e suní, e amosan ás claras, que non se pode caer no que no que apuntaba o maxistrado Ramón Rodriguez Arribas no seu voto particular á sentenza 235/07 de 7 de novembro pasado do Tribunal Constitucional Español, cando sinalaba que

No se trata de favorecer la fórmula “de una democracia militante” pero sí de impedir la conversión de las instituciones que garantizan la libertad en una “democracia ingenua” que llevara aquel supremo valor de la convivencia hasta el extremo de permitir la actuación impune de quienes pretenden secuestrarla o destruirla.
.
Por certo que eses señores (Irving, Duxe e Faurisson) que estiveron en Teherán, viñeron convidados polo dono da Librería Europa a dar chalar a España.

Así que non nos enganemos. Coa prohibición do negacionismo, e como di o tamén Maxistrado Roberto García-Calvo y Montiel no seu voto particular á mesma sentenza “no esté en juego la libertad de información, que no protege las falsedades deliberadas (‘información veraz’, art. 20.1.d CE). Está en juego la difusión de cierto tipo de ideas o doctrinas”, pois xa en sentenzas anteriores, o propio tribunal sinalaba que “La libertad de información tiene en la veracidad un límite constitucional intrínseco”.

Pero permítanme que sitúe a sentenza do 235/07 de 7 de novembro 2007 do Tribunal Constitucional. A realidade, máis alá das consideracións xurídicas, e que o expresidente do grupo neonazi CEDADE, propietario da libraría Europa de Barcelona, aliñada co racismo e nazismo máis militante e agresivo, mantiña preito coa xustiza en defensa da súa liberdade a difundir as súas ideas, para o que argumentaba inconstitucionalidade do artigo 607.2 do Código penal que di
2. La difusión por cualquier medio de ideas o doctrinas que nieguen o justifiquen los delitos tipificados en el apartado anterior de este artículo- o xenocidio-, o pretendan la rehabilitación de regímenes o instituciones que amparen prácticas generadoras de los mismos, se castigará con la pena de prisión de uno a dos años.
En fronte, estaba o grupo SOS Racismo de Catalauña e a Comunidade Israelita de Barcelona. Pois nun intento salomónico, que eu xulgo equivocado, o tribunal presidido por Eugeni Gay Montalvo, decidiu

“Estimar parcialmente la presente cuestión de inconstitucionalidad, y en consecuencia: 1º Declarar inconstitucional y nula la inclusión de la expresión “nieguen o” en el primer inciso artículo 607.2 del Código penal”.
Co que seguiría sendo delicto, nunha pirueta xurídica, xustificar o holocausto, pero non negar a súa existencia, e a pesar da claridade que presenta o preámbulo da lei de 11 de maio de 1995 sobre tipificación da “apoloxía do delicto de xenocidio”.
La apología existe cuando ante una concurrencia de personas o por cualquier medio de difusión se expongan ideas o doctrinas que ensalcen el crimen, enaltezcan a su autor, nieguen, banalicen o justifiquen los hechos tipificados en el artículo anterior..

En fin, para desentagarañar este asunto do negacionismo, pero sobre todo para lembrar a Shoáh e homenaxear a todos aqueles masacrados nas cámaras de gas ou nos bosques de Europa do Leste, estamos hoxe aquí. Levasen nomes e apelidos galegos, como os sefarditas de Salónica Marica Mechulán, Flor Pardo, Sara e Estrela Parente, a familia Benveniste, a familia Lemos de Hamburgo, os Falcón, ou os Silva de Amsterdam os Curiel de Venecia, os Pereira de Saraxevo e Amberes, os Parreira e Carballo de Amsterdam... ou fosen xudeus de calquera outra orixe ou condición.

E por suposto, para lembrar a calquera outra persoa de calquera orixe ou minoría que sufrise nas súas carnes a persecucion e o odio durante a II Guerra Mundial e por extensión a todos e sempre.

E tamén para reder homenaxe de gratitude aos máis de 20.000 “xustos entre as nacións”, de todas as orixes que arriscaron as súas vidas en defensa dos pobo xudeu naquel período crítico e que hoxe teñen o recoñecemento explícito do pobo israelí e das institucións gardadoras da memoria coomo o “Yad Vashem”.

Por estas cousas e para estas cousas, temos hoxe temos aquí connosco ao amigo de AGAI, e eficiente diplomático israelí EDWIN YABO. Uns datos.

Yabo naceu en 1964 en Nova York, de familia que pasou de Damasco a Ucraína e de alí a Arxentina, fixo a súa “Aliá” a Israel en 1986, onde se licenciou na Universidade Hebrea de Xerusalen en 1992, en Ciencias Políticas, e axiña comezou o seu traballo no seo do ministerio de Asuntos Exteriores.
Primeiro en Israel, (1995-97) como terceiro secretario no Departamento de Institucións multilaterais, división Europa. Posterioremente (1997-2000) como Segundo Secretario e Xefe de Asuntos Consulares da Embaixada de Israel en Ecuador.

De alí trasladouse a Bos Aires, entre 2000-2002 como Primeiro Secretario para Asuntos de Prensa e Difusión da Embaixada de Israel en Arxentina.
Despois, entre 2002 e 2004 exerceu en Xerusalem de novo, como Primeiro Secretario no Departamento de Prensa e Asuntos Públicos, Ministerio de Asuntos Exteriores de Israel.

Volve entre 2004-6 a hispanoamérica, como Primeiro Secretario e Embaixador Adxunto da legación israelí en Colombia, e desde agosto de 2006 témolo en Madrid como Conselleiro, Portavoz e Agregado de Asuntos Culturais da Embaixada de Israel en España.

Sen dúbida, poucas persoas tan en primeira liña da diplomacia activa, da cultura de Israel e coa paixón por logar un oco para a obxectividade da prensa occidental. Para ofrecernos a súa palabra e o seu testemuño, benvido e grazas, sr. Edwin Yabo. Ten a palabra.
A.V.-M.F.

Compostela, 23 de xaneiro de 2008