21/09/07

A barbarie inhumana dos humanos


Por Alfredo Conde

Teño na casa un libro estremecedor, acabáme de chegar. Titúlase Libro Memorial e substitúlase Españoles deportados a los campos nazis (1940-1945). Unha cousa é sabelo, como o estan a saber vostedes, e outra ben distinta e poder follealo na casa, cando cae a tarde ou levanta o día. Trae a consabida introducción, o limiar necesario e contextualizador, pero logo trátase dun monótono e aterrador relatorio de nomes e circunstancias que se resumen en tres letras iniciais: o F de falecido, o E de evadido, o L de liberado. Escuso dicirlles que abondan os efes, que son as máis das letras iniciais de entre as citadas, páxina tras páxina, horror tras horror. O libro constituese por comunidades. A carón do nome e da data do nacemento do prisioneiro dos nazis figura o seu número de prisioneiro, o que lle gravaron na pel; logo, a data e mailo lugar da deportación seguidos da primeira matrícula concedida, máis tarde os traslados e as novas matriculas, ó remante ese F atroz seguido da data e do lugar do falecemento; en ocasións do L de liberado, caseque nunca do E de evadido. Escuso dicirlles que de contado me fun ver ás paxinas correspondentes ós galegos. Unha cousa é saber que houbo prisioneiros xudeos nos campos nazis, outra que tamén houbo españoles, outra moi distinta a comprobación de que non poucos deles foron galegos. Comprobar os nomes, deletrear os apelidos e os nomes dos lugares nos que naceron, sabelos a eles marcados na pel coma bestas e non ser quen de eludir a visión de ese F cabrón do que lles falo, produce unha xenreira xorda que millor nin lles comento pois non creo que lles faga falla. Fun ver os de Ourense e Pontevedra. Hainos de sitios e apelidos coñecidos. Pero o que souben máis próximo foi un de Paderne de Allariz, o mesmo pobo no que a Inquisición tratou a unha muller no S.XVI por fornicaria, según eu recollín no Griffon por ver de lle facer unha homenaxe, á muller, non á Inquisición. Verísimo Rodríguez habitou en Moosburg e máis en Mauthausen. Alí foi liberado o cinco de maio do 1945. É bo saber que a traxedia sempre anda próxima e posible, axitar a memoria dos holocaustos todos, non ignorar que sempre, sempre, eses apelidos poden ser os propios pois a barbarie inhumana dos humanos sempre ronda á espreita. Mentres, nós, imonos afacendo á ética indolora, esa que só o exercicio da memoria axuda a erradicar. Só a memoria, nunca a intuición dun futuro que sempre é o presente que desexamos. Nunca o que pode ser posible.