A BIBLIA KENNICOTT
Unha biblia xudía na Galicia do século XV
Polo Profesor Carlos Barros
Universidade de Santiago de Compostela USC
Polo Profesor Carlos Barros
Universidade de Santiago de Compostela USC
A Biblia xudea da Coruña, coñecida como “Biblia Kennicott”, é, sen dúbida, o manuscrito de tema relixioso máis importante que nos legou a Idade Media galega e unha obra mestra das Biblias hebreas medievais, está actualmente na Biblioteca Bodleian da Universidade de Oxford. Contén 922 páxinas en hebreo, 238 belamente iluminadas, os cinco libros da Torá (Xénese, Éxodo, Levítico, Números e Deuteromonio), os libros de Profetas e Haxiógrafos, e un tratado gramatical copiado dunha Biblia anterior que lle serviu de modelo, coñecida como “Biblia de Cervera”, feita no ano 1300 e conservada na Biblioteca Nacional de Lisboa. Para o xudaísmo, relixión do Libro, nada é máis importante que a Biblia, que significa "libros" en grego. Estes "libros" da lei vella son compartidos dalgunha maneira entre cristiáns e xudeus, pois constitúen, dende que San Xerome os traduciu ao latín no século IV, o Vello Testamento. Un mozo e rico xudeu coruñés admiraba a manuscrita “Biblia de Cervera”, propiedade da familia xudía coruñesa Mordechai cando menos dende 1375, polo que contratou un gran calígrafo para que lle fixese unha copia, quen rematou o seu traballo o 24 de xullo de 1476 agradecendo no colofón da nova Biblia ao “admirable mozo Isaac, fillo do defunto, honorable e querido Don Salomón de Braga (que descansa en paz a súa alma no Xardín do Edén). O Deus bendito lle conceda estudiala a el e aos seus fillos e aos fillos dos seus fillos a través de todas as xeracións como está escrito (Xosué, 1:8): "Este libro da Lei non marchará da túa boca, meditarás nel día e noite, de maneira que poidas observalo e obrar de acordo con todo o que está escrito nel". E Deus lle conceda patrocinar moitos libros...”.O escriba desta monumental obra chamábase Moisés Ibn Zabarah, coñécensele outros dous manuscritos artísticos e tamén un tratado para escribir un pergamiño Torá.
Dixeron del os contemporáneos: “Un grande calígrafo, o seu nome é grande en Israel, o santo rabí...”; este manuscrito seu “... non foi feito por un home, senón polo Anxo de Deus, un perfecto sabio, piadoso e santo...”.Viviu Moisés, coa súa familia, na Coruña, por conta do seu patrón, dez longos meses escribindo dous folios diarios, en letra cursiva cadrada serfardí, con tinta castaña, a dúas columnas, nunhas páxinas de 300 por 235 milímetros. Moisés contratou para ilustrar as marxes, o espazo entre as columnas e as letras capitulares, así como para intercalar páxinas marabillosamente debuxadas, a un artista iluminador de manuscritos que deixou a súa propia sinatura, “Eu, Joseph Ibn Hayyim, iluminei e completei este libro”, cunhas enormes letras que enchen toda unha páxina e representan figuras de homes e mulleres en coiros, animais, seres fabulosos... Ás veces Joseph pinta o acontecemento bíblico que se relata nesa páxina, outras belas formas xeométricas de estilo mudéxar, aqueloutras debuxa os xudeus co típico gorro bicudo, semellando unha boina paisana.
A compenetración entre o calígrafo e o iluminador foi total, ámbolos dous exhiben nomes bíblicos, como era habitual entre os xudeus medievais, o que os leva a mutuos agasallos: Moisés procura salientar os feitos que concirnen a Xosé, fillo de Xacob, e, pola súa banda, Joseph decora con especial primor o Salmo 90, a oración a Moisés. Resulta ao cabo unha obra orixinal e fermosísima. Por exemplo, as pinturas do rei David sentado no seu trono, Xonás tragado polo peixe ou o astrólogo Balaam consultando o astrolabio. Obra que ten ademais autores coñecidos, artistas que puxeron interese en deixar os seus nomes escritos para a memoria futura, para nós. Damos por seguro que a Biblia coruñesa marchou de Galicia despois de 1492. Pode que a levara canda el, aquel Isaac que abandonou clandestinamente A Coruña, cara a África, en 1493, con “moedas e ouro e prata e outras cousas de valor”. E pode que non, pois o nome do patriarca Isaac era daquela ben común, e non se pode descartar que houbese máis de un na Coruña, aínda que o dono desta Biblia excepcional tíñase por único e ordenara facer unha caixa cunha chave para transportar o seu tesouro, onde gravou en hebreo só unha palabra: “Isaac”. Non sabemos nada do itinerario da Biblia da Coruña na diáspora sefardí ate o ano de 1771, en que foi mercada en Inglaterra por iniciativa do hebreísta, bibliotecario e párroco de Oxford, Benjamin Kennicott, quen lle deu o seu nome, aínda que a nós gostaríanos que recuperase os seus nomes históricos orixinais e fose coñecida no futuro como a Biblia de Isaac, fillo de Salomón, Moisés Ibn Zabarah e Joseph Ibn Hayyim, ou Biblia da Coruña, ou Biblia hebrea de Galicia. É por iso, para recuperar a nosa historia, que llelo contamos a vostedes, para que á súa vez llelo conten “aos seus fillos e aos fillos dos seus fillos a través de todas as xeracións, como está escrito” como quería Moisés, o noso artista calígrafo.