10/06/07

NOTA DE PRENSA





NOTA DE CONDEA:

A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) quere manifestar publicamente o seu espanto e rotunda condea polas declaracións do presidente iraniano Mahmud Ahmadineyad nas que manifestou que xa se iniciara a “conta atrás” para a destrución de Israel.

Por desgraza non é a primeira vez que un presidente dun país, especialmente o presidente da República Islámica de Irán, Mahmud Ahmadineyad, fai ostentación pública da súa xudeofobia. Pero nesta ocasión o seu estilo apocalíptico e iluminado utiliza uns términos ameazantes que resultan en todo punto intolerabeis para todo pobo da Terra que aspire a vivir en paz.

Por desgraza un falso progresismo en occidente coincide con esa visión satanizada de Israel, e consonte a ela, semella ver no fundamentalista iraniano un contrapeso ás políticas non sempre acertadas de occidente en Medio Oriente.

O matonismo islamista tense afeito tanto a esa compracencia entre nós do seu odio por nós mesmos, que cando algún goberno europeo se sae dese guión, atácao e estende as súas ameazas. Así sucedeu co Ministro de Exteriores do Goberno español que foi recriminado polo goberno iraniano por "atreverse" a rexeitar as palabras de Mahmud Ahmadineyad. Queremos, porén, expresar desde AGAI o noso apoio ao Sr. Moratinos.

Mahmud Ahmadineyad coa súa actitude belicosa e ameazante está situando no seu "CORREDOR DA MORTE NUCLEAR” a Israel, e fóra da comunidade internacional á República Islámica de Irán. Como cidadáns galegos, e polo tanto europeos, e desde a Asociación Galega de Amizade con Israel esiximos da comunidade internacional unha resposta contundente á intolerábel ameaza iraniana. Non hai lugar no seo das Nacións Unidas para un estado que fai insistente chamados e ameazas de destrución de outro estado membro.

“Primeiro foron polos xudeus, e eu non falei porque non era xudeu. Despois foron polos comunistas, e eu non falei porque non era comunista. Despois foron polos católicos, e eu non falei porque era protestante. Despois foron por min, e para entón xa non quedaba ninguén que falase por mín”. (Martin Niemöller).

Vigo, 10 de Xuño de 2007