12/03/07

O proceso de expulsión de Gómez-Valadés abre un forte debate interno no BNG.

Militantes nacionalistas recollen sinaturas na súa defensa na rede e Pilar Rahola acusa ao Bloque de ter un “problema serio” coa liberdade. VIEIROS

Unha carta aberta en internet a Anxo Quintana é unha das primeiras medidas que se están a tomar. O texto, que xa está asinado por máis de medio cento de persoas, leva por título “Respectar as minorías para gañar a sociedade”. O documento considera inadmisíbel a proposta de expulsión de Pedro Gómez-Valadés, polo simple feito de presidir a Asociación Galega de Amizade con Israel, A.G.A.I. Este colectivo culpa á UPG de organizar unha “caza de bruxas” contra o seu presidente. Valadés foi expulsado do BNG vigués e agora os máximos órganos de dirección deben decidir se confirman esta decisión.Fontes oficiais do BNG recoñecen que hai unha proposta en firme do Consello Comarcal de Vigo para que se suspenda de militancia a Gómez-Valadés. Aínda así matizan que o trámite non está, nin moito menos, finiquitado. Polo de agora tan só se sabe que a Executiva Nacional "non comparte" os obxectivos da AGAI. Porén, aseguran que para que se concrete a expulsión aínda terá que referendar a proposta a Asemblea Comarcal e, no último caso, o afectado podería recorrer ao Consello Nacional en busca de amparo.Pola súa parte, a que fora deputada de ERC no Parlamento Español, Pilar Rahola, tamén fixo público hai escasos días un artigo no Faro de Vigo que leva por título “Caza de bruxas no BNG”. A coñecida articulista catalana coida que o acontecido revela un “serio e fondo problema coa liberdade” dentro do Bloque.