DECLARACIÓN DA ASOCIACIÓN GALEGA DE AMIZADE CON ISRAEL NO DÍA INTERNACIONAL DA CONMEMORACIÓN DA MEMORIA DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO.
Este vindeiro sábado, 27 de xaneiro conmemórase o Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto. A decisión de designar unha data que anualmente lembre as atrocidades dunha traxedia como a Shoá foi tomada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas un primeiro de novembro do 2005 sob o lema “Lembremos hoxe e por sempre”.
Este vindeiro sábado, 27 de xaneiro conmemórase o Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto. A decisión de designar unha data que anualmente lembre as atrocidades dunha traxedia como a Shoá foi tomada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas un primeiro de novembro do 2005 sob o lema “Lembremos hoxe e por sempre”.
Na inauguración do Museo do Holocausto en Yad Vashem (Israel), en marzo do 2005, o daquela Secretario Xeral Kofi Annan lembrou que “a repulsión mundial ao xenocidio, ao asasinato sistemático de seis millóns de xudeus, foi unha das razóns que apoiou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos”. O Secretario Xeral agregou que “as Nacións Unidas teñen a responsabilidade sagrada de loitar contra o odio e a intolerancia. Unhas Nacións Unidas que fracasan no seu intento de estar á vangarda da loita contra o antisemitismo e outras formas de racismo, negan a súa historia e socavan o seu futuro”.
Despois de aprobar o 1º de novembro de 2005 a resolución, a Secretaría Xeral das Nacións Unidas denominou este día especial como “un recordatorio fundamental das leccións do Holocausto, unha desgraza sen igual que non pode, simplemente, relegarse ao pasado e esquecerse”. Os horrores da Segunda Guerra Mundial foron sen dúbida un catalizador para a creación das Nacións Unidas, e non podemos nin debemos esquecer que un dos mandatos fundamentais considerados na súa Carta son os Dereitos Humanos para todos, sen distinción de raza, sexo, idioma ou relixión.
Foi un 27 de xaneiro o escollido como Día Internacional para a Recordación do Holocausto, xa que tal día coma ese de 1945 o exército soviético liberou aquela porta do inferno que foi o campo de exterminio de Auschwitz .
Non é posíbel mirar cara outro lado diante da traxedia sen igual do Holocausto. Desde a ASOCIACIÓN GALEGA DE AMIZADE CON ISRAEL, (A.G.A.I.), queremos e debemos lembrala, con vergonza e con horror desde a nosa militancia na condición humana, porque só así, lembrando, podemos honrar ás vítimas como merecen ser honradas. Só recoñecendo a verdade, estando en paz coa Memoria, estaremos en condicións de eliminar de raíz as ideas criminais que levaron a uns homes a aniquilar a outros polo mero feito de seren xudeus. E lembrar é, tamén, unha salvagarda para o futuro, para que nunca máis á profunda perversión dos campos de exterminio, nunca máis á barbarie e á degradación dos seres humanos; nunca máis ás ideoloxías que só causan destrución e degradación moral.
Dacordo con estes postulados, e tendo presente que ademais do Parlamento español, os parlamentos de Catalunya e da Comunidade de Madrid, levan anos conmemorando esta data, a ASOCIACIÓN GALEGA DE AMIZADE CON ISRAEL, (A.G.A.I.), solicitou o pasado día 9, da presidenta do Parlamento e dos voceiros dos grupos parlamentarios galegos unha declaración institucional para esta data tan sinalada
Xa que logo,
Lembramos hoxe e por sempre:
Ás vítimas da Shoá, aos seis millóns de xudeus de toda Europa que foron perseguidos, trasladados a campos de exterminio e aniquilados de xeito despiadado polo simple feito de seren xudeus.
Ao millón e medio de cativos e mozos, aos que coa mesma crueldade se lles arrebatou a vida.
Aos milleiros de cidadáns torturados e asasinados por combater a ideoloxía nazi ou por se enfrontar aos delirios criminais do III Reich.
Ás vítimas que conseguiron sobrevivir ao xenocidio, de quen aprendemos a súa inesquecíbel lección de enteireza e de loita.
A quen arriscando a súa propia existencia axudaron a salvar a vida doutros moitos evitándolles un destino de tortura e de morte.
Porque esquecer ás vítimas e asasinalos por segunda vez.
Vigo, 27 de xaneiro de 2007
Vigo, 27 de xaneiro de 2007