Josep Carles Laínez, (València, 1970) é escritor e editor. Comprometido desde a súa mocidade co movemento nacionalista valenciano, é autor nesta lingua dos poemarios Dionysiaka (1995) e Anxia (2001), así como das obras teatrais Do luxe do ras vora lles fraules (Do luxo do raso xunto ás fresas, 1999) e Berlín (2001). O seu libro de aforismos In Hoc Signo Vinces (1998) de contido nacionalista paneuropeo coñeceu versións en alemán e estoniano. É redactor xefe da revista de pensamento Debats, e director da editorial Llambert Palmart, que publica a colección de textos en xudeo-español “Neveh Shalom”. Nas últimas Eleccións municipais formou parte da candidatura do Bloc Nacionalista Valenciá.
Achegamos de seguido un artigo seu:
SIONISMO POLÍTICO E SOLIDARIEDADE NACIONALISTA
Por Josep Carles Laínez
Palestina é o nome dunha rexión asiática que ocupa dende hai anos (pero sobre todo desde os últimos meses, coa chamada “Segunda Intifada”) as portadas e os interiores dunha gran cantidade de libros e revistas de política internacional e, como non, primeiras páxinas dos informativos. Aparece por todas partes, revestida de inmensas letras, de impresionantes titulares e apoiada polas sinaturas de autores con gran movemento mercantilístico ás súas costas. Palestina é a actual bandeira, o último bastión, do progresismo pseudo-intelectual europeo e da dereita de ecos demodes. Palestina, non fai falta dicilo, como símbolo vacuo, como pura imaxe sen transcendencia nin contido, como consigna máis que como idea.
E chama sobre todo a atención o énfase posto polos activistas na ultradefensa de “Palestina” e non, por exemplo, de Iugoslavia, Escocia, Hawai ou Rhodesia (o Zimbabwe europeo), pobos cun dereito tamén sobre o seu espazo e sobre unhas terras propias por encima de inxerencias externas. Ser propalestino é a moda, ligada, non pode ser doutro xeito, ao antisionismo (o eufemismo contemporáneo do antisemitismo) como postura intelixente, de loitador internacional, de mozo/a moderna con pano ao pescozo estilo Arafat. Multitude de asociacións, manifestacións, artigos de prensa... en torno a Palestina, á súa liberdade necesaria. Columnistas de coñecidos xornais ou cantautores que deron a súa voz na loita contra o franquismo salpican os seus textos de lembranzas a Palestina, a nación sometida polo “inimigo de sempre”.
Estes discursos son esperables desde certas faccións, ate son lóxicos se os observamos desde o punto de vista contrario a calquera alegato nacionalista: os franceses, os españois, os británicos... poden criticar a Israel sen moitos problemas. Estarán criticando unha nación nova, poderosa, cunha tradición histórica milenaria e da cal moitos países teñen que aprender bastantes cousas. Pero sobre todo estarán criticando ao nacionalismo (sionismo) israelí. Baixo esa máscara escóndense: “Nós non estamos contra Israel, senón contra o sionismo”, “Palestina é unha realidade histórica anterior”, “Israel é unha mentira relixiosa”... Expresións dos desnortados de sempre, a medias beatos a medias iluminados. Pero o que realmente sorprende é que desde nacións europeas que loitamos pola nosa autodeterminación (Valencia, Euskal Herria, Catalunya, Córsega, Galiza...) sexa só a versión palestina a hexemónica para algúns dos seus portavoces e non deixen de repetila mecanicamente.
As doutrinas terceiromundistas dos anos 60, as revolucións de cafetaría de Facultade e o antigo odio cara ao diferente (o pobo xudeu, de xeito principal) son os elementos básicos dese posicionamento contra Israel. A facilidade coa cal se realiza a dedución Israel = Ianquis = Imperialismo = Anti-esquerda non sorprende por vir de quen vén, senón por ter adeptos fóra dese reducido círculo de antisemitas. Situarse contra Israel sen ningunha obxectividade (hai quen xa suscitou a posibilidade de facelo desaparecer internacionalmente) é ser antisemita, guste ou non, como foron os nazis, como son os cristiáns, como son agora os “progres de salón” pro-palestinos sob a máscara da tolerancia. E non só iso: os “nacionalistas” de nacións sen estado deberían darse de conta de que estar contra a independencia do estado de Israel é só un aviso do que vivimos cada día: a negación dos nosos propios pobos e o desexo das nacións dominantes (España, Francia, Reino Unido...) da nosa desaparición como fonte de conflito nacional.
Ante os continuos ataques a unha nación que só logo de enormes sufrimentos, persecucións e destrucións de toda clase conseguiu a súa liberdade, eses nacionalistas de boca para fóra (e internacionalistas, no peor sentido, de corazón) deberían ter a decencia de calar, de non axudar á terxiversación histórica, de ser honestos.