Por Pedro Gómez-Valadés*
Fisterra, alí onde o Imperio romano imaxinaba a fin do
Mundo, a milleiros de quilómetros de Xerusalén. Nesta esquina noroeste da vella
Sefarad, na periferia máis occidental das Europas, temos desde hai agora 8
anos, dende decembro de 2006 un pequeno balcón sobre Israel.
Cando no caloroso verán de 2006. Caloroso pola inusual
climatoloxía galaica dese ano e máis dolorosamente pola denominada II Guerra do
Líbano, un grupo de galegos e galegas de todas as ideoloxías, profesións e
crenzas, conseguimos contactar grazas a un dificilmente repetibel cúmulo de
casualidades e circunstancias afortunadas, e decidimos constituír unha
asociación de amizade entre Galicia e Israel, Israel e Galicia, procurábamos
tender dende a milenaria Santiago de Compostela un balcón con vistas á
milenaria Xerusalén.
E así foi. En decembro de 2006 nace en Compostela a
Asociación Galega de Amizade con Israel - AGAI. Inicialmente con algo máis de
medio cento de animosos socios e a día de hoxe xa con varios centos. Sen dúbida
un pequeno-grande éxito tendo en conta a feble cultura asociativa galega e a
condición “politicamente incorrecta” de ser prol israelí nunha contorna moi
difícil cando non abertamente agresiva e hostil.
E desde logo moi hostil foi a reacción que debimos sufrir
especialmente durante os primeiros dous anos de vida. Cunha virulencia
enfermiza e fanática que puxo na diana a socios de AGAI só por ser socios dun
colectivo que buscaba e busca estreitar lazos e tender pontes entre os pobos de
Israel e de Galicia. Algo que para estes declarados “inimigos de Israel”
semella ser condenable. Eles prefiren as portas pechadas, os boicots fascistas
e racistas á irmandade e amizade entre os pobos galegos e israelí
Co tempo, a perseveranza, unha boa dose de paciencia e
fortaleza colectiva, conseguiu AGAI afianzarse, demostrar que non era flor dun
día e que nin un nin cen grupos de intolerantes talibáns poderían facernos
calar.
Hoxe, oito anos despois, máis dun cento de conferencias,
exposicións, mesas redondas, edición dunha revista (DE COMPOSTELA A
IERUSHALAIM), de varios libros, de dvds documentais (TESTEMUÑO) da organización
dunha semana de cinema israelí e de 5 viaxes de socios e socias de AGAI a
Israel, podemos afirmar con satisfacción - e por que non dicilo con orgullo-,
que AGAI é xa un actor importante no movemento asociativo galego e un referente
non só en Galicia senón mesmo mais alá do Padornelo coma demostran os numerosos
socios de AGAI en Israel, Portugal, Estados Unidos, Austria, Bélxica, Arxentina
ou Canadá.
Hai sen dúbida en Galicia un antes e un despois dese
chuvioso e frío 3 de decembro de 2006 no Salón de Actos da Confederación de
Empresarios de Galicia da compostelá rúa do Vilar. Porque a existencia e a
constante actividade de AGAI propiciou o nacemento posterior en Galicia doutras
entidades que desde ámbitos diferentes cultivan tamén o amor pola cultura
xudía. Así como tamén a existencia e actividade de AGAI animou ás institucións
galegas a prestar agora unha maior atención ao legado da presenza xudía no noso
país.
O noso reto é medrar, concientes da nosa modestia, pero con
forza e convicción no camiño iniciado e continuar así tendendo pontes,
agrandando ese pequeno balcón con vistas sobre Israel que con enorme agarimo
abrimos un inverno de 2006
E parafraseando a un grande da literatura galega e
universal, o escritor e profundamente namorado da cultura xudía, Álvaro
Cunqueiro, permítaseme rematar cun brinde: mil primaveras máis para a amizade
entre Galicia e Israel.
* Pedro Gómez-Valadés é presidente de AGAI