01/12/14

Daniel Kutner será o novo embaixador de Israel en España

Daniel Kutner (foto do MFA)
 
O Ministerio israelí de Exteriores ven de nomear ao veterano diplomático Daniel Kutner coma novo embaixador en Madrid, capital na que substituirá a Alón Bar á fronte da legación o próximo verán. Daniel Kutner, de 59 anos e nado en Buenos Aires, está licenciado en Estudos árabes e traballou durante anos no Centro de Investigacións Políticas do Ministerio de Exteriores. Ao longo da súa carreira foi tamén Cónsul xeral de Israel en Filadelfia (USA) e pasou en distintas funcións polas legacions de Israel na Paz, Caracas e Nova York. Na actualidade é director-xefe da División para Canadá e as comunidades hispanas en América do Norte. O nomeamento de Daniel Kutner, que só chegará a Madrid no verán do vindeiro ano 2015, forma parte dunha serie de cambios á fronte dunha ducia de legacions israelís na que o Ministerio de Exteriores deu prioridade ás mulleres. Deste xeito as embaixadas de Israel en Francia, Romanía, Bulgaria, Bélxica, Acerbaixán, Chipre e Xordania quedarán baixo o mando de embaixadoras. O caso máis salientable é o da delegación en Amán, xa que trátase da primeira vez que Israel designa a unha muller, Einat Shlain, como embaixadora ante un país árabe. Israel ten relacións diplomáticas con Exipto dende 1979 e con Xordania desde 1994.